No Día Internacional da Educación Ambiental non imos afondar na proliferación dos verquidos ilegais no contorno do Monte Pituco; non imos laiarnos da desvergonza dos que depositan o seu lixo nun espazo natural común; non imos demandarlles ás Administracións nin aos organismos que velan pola conservación do medio ambiente maiores esforzos no cumprimento da súa misión nin o agravamento das sancións aos culpables.
No Día Internacional da Educación Ambiental imos aplaudir as pequenas accións individuais e colectivas que contribúen a mellorar o pequeno espazo do mundo que habitamos; imos agradecer a sensibilidade das persoas que nos acompañan nas andainas polo Monte Pituco e polo Espazo Natural dos Sete Camiños e teñen a ben cargar durante todo o camiño cunha bolsiña na que depositan os pequenos residuos que atopan; imos sorrir por cada plástico, cada lata, cada neumático, cada botella que retiramos de forma altruista e xenerosa…
Porque malia que a responsabilidade é de quen bota no chan o que lle sobra ou lle pesa, nin o monte, nin a praia, nin a rúa, nin o camiño entre a arboreda merecen cargar con residuos que contaminan ou afean ese habitat rural ou urbano, silvestre ou humanizado. A indiferenza dos que logo pasemos por alí non fai ningún ben: non vai mudar a actitude negativa dos desaprehensivos nin a porcallada vai desaparecer por arte de maxia.
Dende DEFENDE O MONTE PITUCO seguiremos impulsando accións deste tipo, apelando á colaboración e á concienciación cidadá. Hai unha inmensa maioría de persoas solidarias co medio ambiente; os porcalleiros son poucos e covardes.






Deixar un comentario