Publicado por: MontePituco | 25/01/2014

PROTESTA POLA FALTA DE SEGURIDADE VIAL NA PARDAVILA

Manifestación na Pardavila para esixir seguridade vial.

Os veciños da Pardavila desafiaron a choiva para protestar contra a falta de seguridade vial que hai uns días lle custou a vida a unha veciña na estrada PO-313. Podería suceder en calquera vial do noso concello, sen beirarrúas, sen apenas iluminación, sen a sinalización axeitada. Gardaron un minuto de silencio en memoria da vítima, depositaron flores no lugar do accidente, leron un comunicado e penduraron a pancarta co lema “Pardavila=punto negro, solución xa” nun lugar visible. Que menos que solidarizarse.

Prezados veciños, prezadas veciñas,

En primeiro lugar, queremos amosar o noso profundo pesar pola morte da nosa veciña Victoria Piñeiro. A súa morte dóenos dobremente porque se puido ter evitado e porque calquera de nós podemos ser vítimas debido á falta das máis mínimas medidas de seguridade coas que tería que contar esta estrada para protexer as nosas vidas dos riscos que conleva ter que desenvolver as actividades máis cotiás arredor dela.

Nos últimos días tivemos que escoitar todo tipo de declaracións que tratan de xustificar a causa do accidente con motivos alleos á falta de seguridade viaria. Hai quen chegou a afirmar que Victoria cruzou a estrada por un lugar no adecuado para los peatones. E nós preguntámonos: cal é ese lugar?

En todo o longo desta estrada PO 313 non temos nin un só paso de peóns; por suposto, non temos semáforos para deter o tráfico nin para regular a velocidade, non hai iluminación que permita advertirlles aos condutores da presenza de peóns, non temos un só tramo de beirarrúas, non hai sinalización vertical nin horizontal que regule a velocidade ou que advirta dos cruces, da saída de vehículos ou tramos perigosos, e mesmo dende hai meses falta o obrigatorio pintado das liñas da estrada despois do pésimo asfaltado que case deixou o firme peor do que estaba antes.

Non hai xustificación que nos console da morte da nosa veciña: non imos admitir que o accidente ocorreu “por que concurrieron muchas circunstancias adversas”, nin imos permitir que se busquen motivos no “intenso tráfico del vial, que era todavía de noche, que la visibilidad era reducida por el mal tiempo y que, desgraciadamente, hasta tres vehículos atropellasen a la víctima”. Os accidentes poden ocorrer, máis as vidas débense protexer.

A propia Xunta afirma no seu Plan de Seguridade Viaria para Galicia que os accidentes máis graves prodúcense en ambientes inter-urbanos, é dicir en estradas como esta; e tamén recolle que o ratio de falecidos en estradas en Galicia se sitúa moi por riba da media do Estado. E aínda sabendo destas horribles cifras podemos afirmar por experiencia propia que o investimento en seguridade viaria que leva feito a Xunta nesta estrada é simplente inexistente.

Anos levamos os veciños e veciñas individualmente e dende a Asociación de Veciños da Pardavila reclamando seguridade nesta estrada, e con nós os de Coirados, Vista Alegre, Fixón ou Miñán por onde discorre esta estrada PO 313, e xa estamos fartos.

Hoxe queremos que aos responsables, tanto da Xunta como do Concello, lles quede claro que non estamos dispostos a esperar máis: non é tempo de facer “estudios lumínicos”, como declaraba a máxima responsable municipal estes días, porque xa está todo estudado; nin de facer falsas promesas, porque xa non as cremos. É tempo de tomar medidas e de xeito urxente, porque xa temos esperado demasiado.

Non imos esperar por máis promesas, estudos nin solicitudes. As nosas advertencias non rematan hoxe con esta manifestación, todo o contrario; esta será a primeira das nosas mobilizacións que só rematarán cando comprobemos que esta estrada que atravesa as nosas aldeas e parroquias, ao pé da cal camiñamos e pola cal transitamos todos os días, deixe de ser un punto negro e conte coas medidas que vimos reclamando e que se traducen en beirarrúas, semáforos, sinais, iluminación e todo o necesario para protexer as nosas vidas.

Grazas pola asistencia tanto aos veciños do lugar como os que se unen na nosa causa para a solución dun problema que lamentablemente desta volta derivou na morte da nosa veciña.

E para rematar imos gardar un minuto de silencio polas vítimas desta estrada e para que esta sexa a última.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: