Publicado por: MontePituco | 04/12/2013

OS PETROGLIFOS DO PORNEDO, NO ‘REQUIEM’ POLO PATRIMONIO GALEGO

Gravados rupestres do Pornedo, agredidos con xiz.

“No mes de agosto de 2011, o Servizo de Patrimonio Cultural en Pontevedra reclamou ao Concello de Marín que tomara medidas para garantir a conservación dos petroglifos do Monte Pituco. Nunha carta enviada á plataforma Defende o Monte Pituco informaron do interese dos técnicos de Patrimonio para conservar as gravuras, requerindo ao Concello a limpeza da contorna e a súa localización permanente. Defende o Monte Pituco leva anos denunciando o estado de abandono da estación rupestre que xa se viu afectada cando a construción da variante de Marín. Tamén teñen presentadas varias denuncias sobre os reiterados verquidos e escombreiras que existen na zona. Non hai moito, en xullo de 2013, a plataforma denunciou ante o Seprona e Patrimonio unha nova agresión aos petroglifos do monte Pornedo que foron retocados cun xiz de gran grosor”.

[Ver os artigos titulados “Hipóteses dunha carta oficial” e “A carta de Patrimonio, na Voz“]

A precaria situación dos petroglifos do Pornedo reflíctese no blogue ‘Requiem polo patrimonio de Galicia‘. O seu artífice é Xabier Moure Salgado, un experto e divulgador do valioso (e fráxil) legado histórico e cultural existente no noso país.

“…A desfeita e o desleixo que padeceron e continúan a padecer centos de mámoas, pedrafitas, petroglifos, castros, xácigos romanos, pontes, mosteiros e castelos. Desfeita que podería resultar esaxerada se a realidade non nos demostrara, teimuda, o contrario. E grazas a que aínda quedan persoas comprometidas que, día a día, están vixiantes para que a destrución non se incremente, mantendo viva a memoria dos nosos devanceiros”.

Así xustifica o autor desta páxina a necesidade de deixar constancia gráfica das barbaridades que destrúen ou ameazan a conservación de tantos elementos arqueolóxicos protexidos por lei malia o desinterese das institucións e a ignorancia de propios e estraños. Por toda Galicia, nas catro provincias, son moi numerosas as denuncias que se recollen neste ‘Requiem’ polos petroglifos, castros e monumentos megalíticos maltratados, abandoados e agredidos.

Parece mentira que a estas alturas sexan tantos e tan graves os motivos de preocupación polo futuro duns recursos que xeran interese e dinamismo social e económico. Só a cegueira e a ‘bruticie’ poden explicar este fenómeno, mentres noutras rexións e países o patrimonio é respectado sen fisuras polos gobernos e a sociedade. Temos que facérnolo mirar.

No ‘Requiem polo patrimonio de Galicia’ tamén se mencionan outros dous elementos singulares situados en Marín: no apartado dos castros, o castelo de Ardán, sobre o que se construiu unha torre medieval; e a agresión con pintura azul á mámoa de Chan da Armada en 2009.

Dende Defende o Monte Pituco, grazas a Xabier Moure por darlle visibilidade aos petroglifos do Pornedo. Ogallá máis cedo que tarde sexa posible que este xacemento rupestre poida deixar de figurar neste ‘Requiem’; sinal de que o polígono industrial que proxectou o Concello de Marín no seu PXOM sobre o Monte Pornedo deixa de ser unha ameaza de consecuencias irreversibles e de que o Concello e a Comunidade de Montes de San Xulián se poñen de acordo para poñelos en valor.

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: