Os usuarios da pista da Laxe levamos tempo padecendo a incomodidade de circular por un vial que semella a superficie da Lúa, cheo de fochancas coma cráteres, de tan numerosos e tan fondos que son. Os veciños da zona teñen manifestado en varias ocasións o seu malestar polo pésimo estado do asfalto.
Vimos de saber que hai intención -por parte do Concello de Marín- de que se proceda ao arranxo desta pista. Sucedeu no pleno municipal deste pasado venres, no turno de rogos e preguntas, cando xa non quedaba ningún xornalista que puidese dar conta directamente desta boa noticia.
A socialista Carmen Santiago dirixiuse á alcaldesa cun rogo enfocado precisamente a que o Goberno local contemplase a mellora deste vial que, na zona da Canteira -como se pode observar na imaxe- presenta un aspecto moi deficiente.
María Ramallo contestou que entre o luns e o martes o Concello solicitáralle axuda á Deputación de Pontevedra para que colaborase coa súa maquinaria na reparación desta pista. E que esa actuación se demorara debido ás chuvias dos últimos días, pero que agardaba que o máis pronto posible se procedese a realizar esa actuación.
Agardamos pois que non pase moito tempo ata que se leve a cabo esa urxente mellora do vial, e que polo menos as obras se inicien na Canteira da Laxe e se prolonguen polo menos ata a praza do Souto, onde o firme está en peores condicións.
Deixar unha resposta