[Fonte sen billa, novembro de 2013]
Este pasado verán Defende o Monte Pituco queixouse do desmantelamento repentino do “mobiliario” que se instalara no recheo que deu lugar á chamada área recreativa do Pituco, e que foi trasladado á arboreda situada a carón da estrada de Figueirido, preto do cruce co Regueiriño. Non pola mellora que puidera experimentar a dotación desa arboreda, que gañou unha fonte, unhas poucas mesas e bancos de pedra máis. Senón porque con esta medida estábase desvirtuando a función dun lugar creado artificialmente polos ideólogos da Variante de Marín, co consentimento da Comunidade de Montes, que daquela presentou a xestión como un logro que non foi tal: non só se destruiu unha carballeira única, senón que no seu lugar depositouse un cargamento de terra de dubidosa procedencia que encheu a zona de plantas invasivas; por ribas, nas obras sepultouse un gravado rupestre pendente de catalogación e, ao pouco tempo, aquela área recreativa apartada e carente de mantemento, foi pasto dos vándalos e dos amigos do alleo.
Tres meses despois daquela actuación na arboreda, o espazo segue presentando deficiencias. Seguen as mesas e os bancos de pedra reubicados, afortunadamente:. Instalaron un bidón para depositar lixo, despois de non poucas peticións lanzadas neste blogue. Pero a fonte que se trouxo do Monte Pituco -inconfundible, coa forma de sepultura que lle deixaron- xa non bota auga porque a billa desapareceu. Tamén desapareceron as billas das outras dúas fontes; nos buratos espicharon uns paus para atoar a saída da auga, aínda que nunha delas a fuga é moi aparatosa e o chan está completamente encharcado.
Máis eivas: o perímetro da arboreda segue sen ningún peche de seguridade para evitar caídas polo terraplén, os restos da poda que se fixo nas árbores en xullo seguen tirados nun desnivel lateral. E que sucede cando hai residuos nun lugar? Que lixo chama a lixo. Agora, ademais das pólas secas, apareceron refugallos de obra.
Non parece que este espazo de lecer reciba o coidado que merece. Como outros espazos dos que a Comunidade de Montes se desentende: o patrimonio rupestre, as pistas, as canles de auga, e o Monte Pituco no seu conxunto, condenado -co seu beneplácito- a converter nun deserto de formigón o que por dereito está catalogado como un Espazo Natural.
[Fonte, xullo de 2013]
Deixar unha resposta