Publicado por: MontePituco | 24/09/2013

COLABORANDO CO OBSERVATORIO ASTRONÓMICO DE SANTIAGO

Teodolito do século XIX pertencente ao Observatorio Astronómico de Santiago.

Durante o mes pasado rexistrouse en Galicia o paso de tres bólidos, un fenómeno que se produce cando unha pedra cósmica ou meteroide que orbita en torno ao Sol penetra na atmosfera terrestre e deixa unha estela dunha certa intensidade luminosa. O 14 de agosto ás 21:53 horas as cámaras do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago, gravaron un primeiro bólido, que precisamente tamén foi avistado por casualidade no Monte Pituco.

Dende o Observatorio realizouse un chamamento a través dos medios de comunicación solicitando colaboración cidadá para achegar datos non só dese primeiro avistamento, senón doutros dous bólidos posteriores: o 22 de agosto ás 22:10 horas na área das Rías Baixas, e o día 30 na zona interior.

Un técnico do Observatorio Astronómico de Santiago desprazouse onte ata o Monte Pituco para estudar a traxectoria e medir ángulos cun instrumento de precisión moi peculiar: un teodolito do século XIX, feito en Londres, que pertenceu ao mesmísimo Ramón María Aller (Lalín, 1878-1966). Esta peza de museo serviu para que Pedro Pablo Campo tomase unha serie de datos que se sumarán ao resultado doutras visitas e entrevistas realizadas con anterioridade en diversas localidades galegas onde foi visto o bólido. O obxectivo deste estudo é averiguar finalmente se algunha desas pedras cósmicas chegou ata o chan sen desintegrarse por completo, é dicir, se puidera existir un meteorito.

Visto dende o Monte Pituco, o bólido que cruzou o ceo na tardiña do 14 de agosto seguiu unha traxectoria sur-norte, dende o interior dos Montes do Morrazo en dirección ao saco da ría. Aínda que se puido seguir o seu paso fugaz durante uns segundos, o certo é que se desprazan a unha velocidade impresionante de 75.000 metros por segundo. Por iso poden ser vistos en áreas xeográficas moi amplas. Pedro Pablo Campo tamén nos explicou que os bólidos de maior tamaño poden fragmentarse na súa caída. Non foi este o caso: o bólido avistado no Monte Pituco era un único facho de cor branca, brillante na cabeceira, e deixaba tras de si un suave ronsel gaseoso.

Ogallá este proxecto dea bos froitos e o equipo que dirixe o catedrático José Ángel Docobo nos dea noticias interesantes en próximas datas sobre este curioso fenómeno astronómico. Con esta proveitosa experiencia aprendemos que non só convén fixarse no que hai a carón dos nosos pés, senón que tamén cómpre botar de cando en vez unha ollada ao que acontece por riba das nosas cabezas.

Ramón María Aller manexando o teodolito.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: