Publicado por: MontePituco | 16/09/2013

E O CAMPO DE MANOBRAS? E O DE TIRO? PARA ONDE?

Reunión de directivos das comunidades de montes de Salcedo, Vilaboa, Figueirido e San Xulián.

Non foi posible acadar o acordo que a Comunidade de Montes de Salcedo lle plantexou este luns aos directivos dos comuneiros de Vilaboa, Figueirido e San Xulián: a priori, as dificultades non radicaban tanto na valoración dos terreos por parte das comunidades, senón na negativa por parte de San Xulián e Figueirido, principalmente, para formar parte desa fronte común. Os presidentes destas dúas comunidades marcharon explicando, logo de hora e media de reunión, que querían acudir pola súa conta ao encontro ao que Defensa os convocara individualmente. O de Figueirido argumentaba que só tiveran dúas entrevistas cos representantes do Ministerio; o de San Xulián, que só falaran oficialmente nunha ocasión. A diferenza entre as dúas comunidades é que, mentres os de Figueirido xa celebraron hai uns días unha asemblea de comuneiros para informar da evolución das conversas, en San Xulián non houbo ningunha convocatoria de asemblea xeral recente e os comuneiros non votaron nin aprobaron nada.

Cómpre lembrar que a única ocasión na que este complexo asunto se tratou en asemblea foi o pasado 13 de xaneiro, moi brevemente. Daquela, os comuneiros aprobaron “por maioría” concederlle un “permiso” á Brilat para que os mandos da base militar lle propuxeran aos seus superiores no Ministerio de Defensa o uso dunha parcela que entón calculaban entre 35-38 hectáreas do monte veciñal de San Xulián. O presidente recorreu a un argumento que sacou da manga ou dos titulares dos xornais -“para que a Brilat non marche”- porque ese suposto nunca se confirmou e, de feito, actualmente é unha das unidades de élite do Exército das que se ten confirmada a súa supervivencia.

Un dato importante das explicacións que deu o presidente foi sobre o uso do monte susceptible de cesión, que seguiría a disposición dos comuneiros porque ese acordo sería “ser perxuízo” da propiedade. “O terreo sempre sería noso, sempre podemos andar por alí, e a madeira sempre é nosa, avisándolles cando queiramos”.

Esa frase resultaba un tanto contraditoria, posto que se os usuarios do monte poden acceder á propiedade veciñal sen impedimentos, por que motivo habería que anunciarse cada vez que se precisara facer unha faena de corta de leña ou de recollida de esquilme… Evitar tal vez que coincida con algunha marcha ou exercicio de adestramento? Que primaría nese caso, o acceso dos propietarios do terreo ou a actividade dos beneficiarios do terreo cedido?

E en canto aos hipotéticos beneficios, en xaneiro xa se falaba de entre 25.000-30.000 euros; un prezo “regalado” para as cifras que se están barallando nestes momentos.

Salcedo, que foi a primeira comunidade de montes en defender os seus intereses reclamando a titularidade da parcela que lle correspondía, gañando a demanda nos tribunais e negociando un prezo axustado en base a uns estudos técnicos encargados expresamente para coñecer o valor actual dos terreos, pasou de 0,04 céntimos por metro cadrado -que foi a primeira oferta de Defensa- a pedir 0,25 céntimos, e a rebaixar esa cantidade ata non menos de 0,22.

Polo camiño, foron entrando en liza as demais comunidades que, para empezar, non recibiron a ridícula proposta dos 0,04 que recibiu Salcedo, senón 0,10 céntimos por metro cadrado, ou o que é o mesmo: 1.000 euros por hectárea.

Aqueles 30.000 euros cos que a directiva da comunidade de montes de San Xulián aplaudía coas orellas porque eses cartos “non os fariamos en madeira nin en 15 nin en 20 anos”, están aínda bastante por debaixo dos 1.000 euros por hectárea, o que evidencia unha idea moi despistada do que “vale” o monte. O caso era poñer uns poucos ceros para que o respectable fixera chiribitas nunhas condicións tan aparentemente vantaxosas: facer caixa co monte sen mover nin un dedo e por riba, en teoría, manter a titularidade. Negocio redondo, a diferenza doutras dentelladas que as Administracións lle foron dando ao monte de San Xulián -variante, liña de alta tensión e expropiacións varias- a cambio da consabida compensación económica.

Oito meses despois, Defensa negocia coas comunidades de montes xogando -porque na guerra seica todo vale- a baza da división. No caso de San Xulián existe unha evidente sintonía política, con varios integrantes da directiva vencellados por militancia ou simpatía ao partido político no poder. Por iso escoitarlle dicir ao presidente desta comunidade que igual daba a campanada e lle pedía aos mandos de Defensa 0,25 euros por metro cadrado, é unha fanfurriñada coma unha catedral.

Outra clave deste espiñento asunto está na suposta intención do Ministerio de darlle nos morros aos directivos de Salcedo reducindo a extensión de monte desta comunidade que usaría a Brilat, de 60 a 30 hectáreas, para quedar só coa superficie que ocupan os edificios do acuartelamento. Como se repartirían entón as 30 hectáreas restantes entre as outras tres comunidades? En Postemirón xa están tremendo. Figueirido xa lle cedeu practicamente de balde os terrenos do aparcadoiro e parecen ter unha actitude de certa proximidade. En San Xulián, rizando o rizo, poderiamos situarnos no paradoxo de atoparnos co Monte Pituco triplemente afectado por un polígono industrial, unha plataforma loxística e unha base militar.

Antes de que comezaran as negociacións formais, Salcedo xa comezara a habilitar uns terreos afastados das vivendas nos que a Brilat reubicaría o seu campo de manobras. Se finalmente Defensa optara por rexeitar esa localización, que comunidade de montes tería que prescindir dunha superficie considerable do seu territorio para cederlla aos militares? E o campo de tiro? Como ten afirmado o presidente de Salcedo, Fernando Pintos, “a convivencia dos veciños co monte habilitado como campo de manobras ou de tiro, é incompatible”.

No caso de que por parte da directiva de San Xulián xurda a pretensión de facilitar un espazo con ese uso estrictamente militar, habería que lembrarlle ao presidente da comunidade as súas palabras na asemblea de xaneiro:

“Aí non vai haber construccións, nin casetas, nin vallado, nin haberá tiros, soamente carteis de entrenamento militar, o terreo é noso, non nos perxudica en nada e se hai toxo pódese coller”.

(Fin de la cita, bis).

Reunión de directivos das comunidades de San Xulián, Figueirido, Vilaboa e Salcedo.

Diario, 17 de setembro de 2013.

La Voz, 17 de setembro de 2013.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: