Lois González presentou este sinxelo acto de homenaxe a Xan.
Na reportaxe gráfica falta a outra parte do público -moi numerosa- que estaba na outra beirarrúa.
A súa irmá Lucinda e a súa compañeira de Mar-In, Isabel Martínez Epifanio, descubriron o monolito en memoria de Xan.
A bandeira galega cubría o monumento.
O canteiro Pablo González é o autor desta fermosa peza que agora está ao carón das beirarrúas polas que Xan tanto loitou dende a Asociación de Veciños de San Xulián.
Julio Santos Pena fixo unha sentida intervención lembrando a faceta social e política de Xan.
Xosé Vilas, que compartiu con Xan amizade, causas e pensamentos durante moitos anos.
Antón Pousada, dende Marinenses Independentes, animando -como faría Xan- a seguir loitando polos ideais.
Lía, interpretando unha composición musical co seu violín.
O Ghaiteiro de Estribela, outra nota de emotividade musical.
…Soaba o Himno galego.
“Verde primavera do lugar dos soños
Encanto azul e verde dunha paisaxe deslumbrante
Terra que se move ó son do cantor do paxariño
Mar azul como os beizos da serea
que sobre as ondas vai e vén creando soños
que a dozura e a dureza do mar
levaraos a terra firme”.
Versos de Xan Montenegro
O Monte Pornedo, que Xan chamaba “o balcón da ría”, xusto detrás do monumento na súa memoria.
Dous anos despois do seu pasamento, Xan segue mobilizando a veciñanza, como dixo Lois González na presentación deste acto na súa memoria. Había moitas persoas, todas as que tiñan que estar, de todas as cores políticas, como comentaría ao final a súa compañeira de Mar-In, Isabel Martínez Epifanio. E cabería engadir que os que non estiveron, sinxelamente non foron botados en falta.
O monolito de homenaxe a Xan Montenegro foi depositado nun pedaciño de terra do que unha veciña dixo que lle chamaban o recuncho “do luxo”. Un lugar ben atinado, ao pé das beirarrúas polas que Xan -dende a Asociación de Veciños de San Xulián- tanto loitou para que se construíran. E aínda que non as chegou a ver feitas, deixounos sabendo que as obras estaban en camiño.
E detrás deste monumento simbólico, o Monte Pornedo, ese “balcón da ría” -como dicía Xan- dende o que se divisa esa “paisaxe deslumbrante” dos seus versos. Porque o carácter pioneiro de Xan en tantas facetas -persoal, cultural, política- tamén se plasmou na preocupación que sempre tivo pola defensa do territorio: tanto denunciou agresións ao patrimonio arqueolóxico que desapareceu baixo toneladas de terra, como protestou polas infraestruturas que xeraron impacto na contorna, e impulsou as primeiras alegacións contra o proxecto do polígono industrial que arrasaría con ese espazo tan valioso.
Nesa loita contamos dende o principio coa axuda desinteresada de Xan, dándolle continuidade dun xeito moi modesto ás súas iniciativas a prol da conservación do NOSO monte, do monte da parroquia. E non imos defraudalo. Dende onde sexa que estea, estaranos axudando.
Grazas aos seus achegados por organizar este acto de lembranza e de recoñecemento ao seu compromiso firme coas causas xustas.
“…E eu perdinme antre os trigos ben perdido,
coas espigas por riba da cabeza,
no carreiro longuísimo dos adeuses…”
Xosé María Díaz Castro, Día das Letras Galegas 2014
[…] Monumento elaborado polo artista marinense Pablo González, inaugurado en 2013 […]
By: RÚA XAN MONTENEGRO VILLANUEVA | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 21/06/2020
at 22:34