Publicado por: MontePituco | 15/05/2013

O ENVEXABLE EXEMPLO DA ÁREA ARQUEOLÓXICA DE TOURÓN

Visita de estudantes de Dorrón (Sanxenxo) á área arqueolóxica de Tourón, organizada polo Concello de Ponte Caldelas.

Onde un fato de ignorantes, de especuladores, ou ambas as cousas á vez, só ven “unhas pedras do 2000” que lles estorban para acadar a súa perversa pretensión de lucrarse convertendo un monte protexido nun polígono industrial, noutras localidades estase poñendo en valor o patrimonio rupestre existente no monte veciñal: desbrozan para evitar o risco de incendios, sinalizan con paneis informativos, crean unha ruta para organizar visitas guiadas, deseñan folletos publicitarios para dar a coñecer os seus bens de interese cultural, e contribúen á dinamización da contorna co movemento económico que se xera e a creación de postos de traballo, sen obviar o incalculable beneficio cultural e educativo que se inocula na poboación.

É o exemplo de Ponte Caldelas, onde -dito sexa de paso- goberna dende tempo xa inmemorial o PP. Un grupo de estudantes de Dorrón acompañados por técnicos municipais, percorreron esta semana a área arqueolóxica de Tourón: unha superficie de 150.000 metros cadrados onde se localizan cinco conxuntos arqueolóxicos de grande interese. É o propio concello de Ponte Caldelas o que impulsa un programa de visitas dirixido a centros escolares de toda a provincia de Pontevedra: os visitantes son recibidos nun pequeno local acondicionado como centro de interpretación a base de paneis explicativos e obxectos expostos, proxéctase un video sobre a importancia e a simboloxía dos elementos conservados e sobre o contexto prehistórico no que se circunscribe a realización deses gravados, e a continuación diríxense a pé ata os xacementos para comprobar sobre o terreo o contido da sesión teórica.

Cazoletas e combinacións circulares no Outeiro da Forcadela, figuras zoomorfas en escenas de caza no Nabal de Martiño, trisqueis, esvásticas e o cervo con vaciado interior de Laxe das Cruces son algúns dos elementos máis destacados da área arqueolóxica de Tourón. Recentes estudos permitiron localizar neste espazo divesas probas da existencia dun posible poboado da Idade do Bronce, entre os milenios III e II antes da nosa era. Pode que houbera cabanas de forma circular feitas con materiais vexetais e protexidas por valados de madeira, segundo eses estudos.

En Ponte Caldelas están orgullosos de ter recuperado este patrimonio: na páxina web do concello a área arqueolóxica de Tourón ten un apartado propio, con información de contacto para que centros educativos e as persoas interesadas poidan chamar ou escribir para solicitar visitas guiadas. E dende hai varios anos organízase anualmente unha festa de exaltación da arte rupestre con moitas actividades lúdicas e culturais, entre as que destacan as visitas ao parque arqueolóxico en horario nocturno.

Fronte a este exemplo de xestión, en Marín hai unha espléndida materia prima. Á marxe dos archicoñecidos petroglifos de Mogor e o menos coñecido castro da Subidá, a área xeográfica que abarcan os montes de San Xulián, Salcedo e Lourizán concentran gravados en boa cantidade e calidade, aos que se suman varias mámoas. Ademais do apartado prehistórico, nestes montes atópanse diversos elementos de interese etnográfico e antropolóxico que dan conta da existencia de canteiras, rutas asociadas ao comercio e o transporte tradicional de leite, peixe ou madeira, e espazos adicados ao pastoreo do gando.

E por se fose pouco, trátase dunha área dunha enorme importancia medioambiental, na que polo menos o monte de San Xulián forma parte dos Montes do Morrazo, catalogados como Espazo Natural Protexido. Sen esquecer a súa localización privilexiada en plena fachada da ría de Pontevedra, con miradoiros dende os que se divisan espectaculares vistas.

Con todas estas vantaxes, calquera outro concello con representantes políticos medianamente intelixentes tomaría medidas para “explotar” de forma razoable e sostible todas estas bondades. En cambio, en Marín óptase por dinamitar todo este potencial desgraciando o monte cun proxecto de polígono industrial inviable dende o punto de vista técnico e económico. Malia todo, a comisión técnica do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico segue loitando para reivindicar a protección desta paraxe: as comunidades de montes de Lourizán e de Salcedo, co apoio do Concello de Pontevedra, levan tempo dando pasos a prol desta interesante iniciativa que conta coa adhesión dunha vintena de colectivos.

Pero en Marín, incomprensiblemente, non se fai nada e, pola contra, a tendencia a nivel institucional e social vai na liña de arrasar coas armas do asfalto e do formigón coa envelenada bandeira da crise, co aguillón demagóxico da creación de emprego. Abofé, non se fixeron as margaridas para os porcos…

Por sorte, e aínda que os responsables municipais e a Comunidade de (des)montes miren para outro lado, o Espazo Sete Camiños en xeral e o Pituco en particular veñen recibindo cada vez máis visitas, tanto en grupo como individualmente: asociacións culturais e veciñais, colectivos profesionais e académicos, sendeiristas, familias coas súas mascotas, deportistas… O monte volve estar habitado por xente concienciada da importante función social, económica e ecolóxica que cumpre. Negar esta evidencia é un capricho inxustificable e unha mostra de grave incompetencia.


Responses

  1. […] -O envexable exemplo da área arqueolóxica de Tourón (maio 2013) […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: