Publicado por: MontePituco | 08/05/2013

BNG: MANUAL DE USO PARA ‘FUMARSE’ UN ESPAZO NATURAL PROTEXIDO

Plano do polígono superposto co Espazo Natural Protexido dos Montes do Morrazo.

Plano no que se superpón o polígono industrial proxectado no PXOM de Marín sobre a área que abarca o Espazo Natural Protexido dos Montes do Morrazo (Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento).

En DEFENDE O MONTE PITUCO non saímos do noso asombro coa liña política do BNG, pola súa continua incoherencia e deriva, que se traduce nunha hipocresía máis que evidente e nunha imaxe que -especialmente en Marín- deixa este partido e os seus representantes á altura do mesmísimo betún.

Lemos na prensa da bisbarra que o concelleiro nacionalista de Moaña, Daniel Rodas, e a diputada autonómica Ana Belén Pontón, veñen de presentar unha pregunta parlamentaria sobre a pretensión da Xunta de incluir Cruz da Maceira no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, que posiblemente se dea a coñecer no prazo dun par de meses. O grupo parlamentar do BNG diríxese á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que aclare se é certo que Cruz da Maceira -como vén asegurando nos últimos días o alcalde de Moaña- se vai incluir nesa planificación, argumentando que esa posibilidade foi desestimada.

O caso é que non é certo que a delimitación dun posible polígono industrial en Cruz da Maceira fora excluído do Plan Sectorial. Como tampouco foi excluida a área loxística Pontevedra-Marín que tamén figura nese proxecto. Unha área loxística que lle afecta ao Monte Pituco no termo municipal marinense e ao monte comunal de Lourizán no concello veciño. No caso da área loxística Pontevedra-Marín, o Concello de Pontevedra presentou alegacións para rexeitar esa posible actuación, argumentando que o espazo afectado estaba incluido no seu PXOM como área de protección arqueolóxica, entre outros motivos non menos importantes.

Porque afecta a boa parte do Monte Pituco, tamén DEFENDE O MONTE PITUCO alegou en contra da área loxística Pontevedra-Marín con todas as razóns que xa se veñen expoñendo amplamente neste blog: a forte pendente natural do terreo, a afección aos gravados rupestres catalogados como Bens de Interese Cultural, aos mananciais naturais que fornecen os núcleos de poboación próximos, o impacto visual irreversible que provocaría en toda a ría de Pontevedra, a presenza de especies de flora e fauna vulnerables e, sobre todo, a agresión a un Espazo Natural Protexido -o Monte Pituco- que pertence aos Montes do Morrazo, así clasificados polas Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento. A Xunta non tivo a ben contestar a esas alegacións.

Precisamente, a pregunta parlamentaria do BNG alude a senllos informes negativos da Dirección Xeral de Urbanismo e da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais pola pertenza de Cruz da Maceira ao espazo protexido dos Montes do Morrazo.

E aí é onde a postura do BNG resulta tan censurable e insultante para DEFENDE O MONTE PITUCO, polo dobre raseiro que este partido aplica ao Monte Pituco, chegando mesmo a ter suxerido nun Pleno Municipal a súa desafección dos Montes do Morrazo porque a súa lexítima protección ambiental era unha barreira para os intereses do grupo municipal marinense cando gobernaba e se afanaba -na súa incompetencia- por tratar de aprobar contra vento e marea o PXOM, antes de que rematase a lexislatura, coa tramitación do Plan de Ordenación do Litoral e da Lei de Costas pisándolle os talóns.

É intolerable que un partido político actúe dun xeito nun Concello e 20 quilómetros máis para aló o comportamento sexa totalmente oposto. A dirección nacional do BNG ten que saber que o BNG de Marín e o BNG de Moaña teñen cadansúa vara de medir, que en Marín non se rexen por principios senón por comenencias absurdas e arbitrarias que non caben na cabeza de ninguén que pense -se é que coñecen o significado do verbo pensar- dende unha óptica de esquerdas.

Dende logo, no BNG de Marín non están lexitimados para presumir de traballar en “defensa do territorio” e a prol da “sustentabilidade territorial, medioambiental e social”. Título, por certo, dunha xornada que o BNG organiza o 11 de maio en Santiago coa participación da eurodeputada Ana Miranda, do presidente da Fundación Galiza Sempre, Xesús Veiga, e do voceiro nacional do BNG, Xavier Vence. E para máis “inri”, coa propia Ana Pontón moderando unha mesa redonda sobre “Conservación, xestión e protección dos Espazos Naturais e da Biodiversidade”. Sen palabras!

Adega, CEMMA, a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (que por certo ten asinado por escrito o seu rexeitamento á instalación dun polígono industrial no Monte Pituco), a Federación Rural Galega, Amigos da Terra, Fragas do Eume, a Asociación Galega de Apicultura, a Plataforma en Defensa de Corcoesto, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (que tamén presentou alegacións ao PXOM contra a destrucción do Pituco)… e outros colectivos participan nesta xornada na que o BNG quere rodearse do máis granado do ecoloxismo galaico. DEFENDE O MONTE PITUCO non está polo labor de facilitar que o BNG se revista desa auréola pseudo-verde que social e electoralmente lle resulta tan rentable cando, por estes lares marinenses as cousas pintan ben diferentes, cun partido que se comporta como un vulgar especulador e ataca o patrimonio arqueolóxico, a biodiversidade, a paisaxe, a riqueza hidrolóxica e o potencial forestal dun Espazo Natural Protexido como o Monte Pituco. Todos eses colectivos han saber en tempo e forma como as gasta o BNG en Marín.

É obvio que o BNG actúa en clave partidista, que é incapaz de ver a viga no seu propio ollo cando tanto critica a palla no ollo do PP, que tampouco se caracteriza precisamente por pola súa defensa do patrimonio natural e cultural: de ningunha maneira o BNG apoiaría un polígono industrial mancomunado entre Marín e Moaña. Que o terreo estivera protexido sería o de menos tendo en conta que a verdadeira razón é que en Moaña goberna o PP onde ata hai 2 anos gobernou o Bloque.

Mais, curiosamente, o Concello de Pontevedra -onde tamén goberna o Bloque- rexeita compartir chan industrial con Marín aducindo que a área escollida -lindante co Monte Pituco- é de interese arqueolóxico. Porque en realidade o Bloque só se casa consigo mesmo, cando lle convén: para demandar, neste caso, a ampliación do parque empresarial de Castiñeiras, en Bueu, outro dos actuais feudos nacionalistas.

Por riba, hai que aturar -coa pacencia, a educación e o respecto do que eles carecen, por certo- a presenza e as impertinencias de certos membros do BNG en actividades a prol da defensa do Monte Pituco, que van “cheirar” o que se conta ou deixa de contar para tapar as súas vergoñas con excusas sen pés nin cabeza.

O BNG de Marín puido terse posicionado a favor de rexeitar a instalación dun polígono no Monte Pituco tendo en conta a súa rigorosa pertenza aos Montes do Morrazo e outros argumentos irrefutables. Mesmo puido ter apoiado, como fixo o BNG de Pontevedra, o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños; cousa que tamén fixeron a Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común, a APDR e outros moitos colectivos sociais, culturais e ambientais da contorna. Non o fixo nin o fará, en tanto en canto seguen “erre que erre” coa teima de levar ao Pituco canta trapallada se poña por diante: depósito de auga, subestación eléctrica, asfalto e formigón a esgalla. E se para iso teñen que “fumarse” un Espazo Natural Protexido, “se lo fuman”, e tan anchos.

A continuación, o comunicado enviado ao BNG:

A Asociación Defende o Monte Pituco (Pornedo) diríxese a vostede para expresar o seu firme desacordo coa liña política que segue o BNG de Marín ante a dotación de solo industrial neste municipio. Co apoio do grupo municipal do BNG de Marín levouse a cabo a aprobación dun planeamento urbanístico que proxecta a construcción dun polígono industrial no Monte Pornedo, tamén coñecido como Pituco, e nos Sete Camiños; unha área catalogada como Espazo Natural Protexido polas Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento pola súa pertenza aos Montes do Morrazo.

Unha área na que concorren, ademais, outros factores que farían inviable unha infraestrutura industrial: a existencia de petróglifos (Bens de Interese Cultural) e mámoas catalogados; de mananciais naturais no subsolo, que fornecen os habitantes dos núcleos próximos de auga para consumo doméstico e de regadío; de especies de flora e fauna vulnerables, entre as que destaca a chioglossa lusitanica; o impacto visual en todo o litoral da ría ante a obriga de corrixir o forte desnivel do terreo con taludes e recheos de grandes dimensións que redundarían nun encarecemento desproporcionado das obras.

Fronte ao posicionamento adoptado dende o BNG de Marín, partidario de provocar semellante atentado ao patrimonio cultural, natural e paisaxístico, contrasta a actuación do BNG de Moaña co apoio da parlamentaria Ana Belén Pontón, que vén de presentar unha pregunta parlamentar sobre o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, onde se contemplaría a instalación dun polígono industrial en Cruz da Maceira; unha medida rexeitada dende o BNG pola súa afección a unha área incluida nos Montes do Morrazo e, por tanto, catalogada igualmente como Espazo Natural Protexido.

Ante a celebración o vindeiro 11 de maio dunha xornada organizada polo BNG co lema “Defensa do territorio: unha chamada urxente á sustentabilidade territorial, medio ambiental, social”, dende Defende o Monte Pituco consideramos que a dirección do BNG non pode xustificar a súa coherencia nun caso tan notorio de dobre vara de medir, no que o seu grupo municipal marinense chegou ao extremo radical de propoñer a desafección do Monte Pituco do Espazo Natural Protexido dos Montes do Morrazo, un xesto de desprezo intolerable e que denota un comportamento especulativo moi alonxado dos estándares de sustentabilidade polos que van avogar na devandita xornada sobre “Defensa do territorio”.

Quedando ao seu dispór para calquera aclaración que precise, enviámoslle un cordial saúdo e o agradecemento pola súa atención.


Responses

  1. O tempo vai poñendo a cadaquén no seu sitio.
    Na Brea sempre dixemos das incoerencias, mentiras, intereses personais e vinganzas contra veciños que perpetraban a “parella de feito” do BNG marinense.
    Agora vai saíndo toda a porquería a relucir.

    • Pasou máis dun mes dende que se lle enviou ao Bloque unha carta de protesta polas incoherencias da súa política -supostamente- medioambiental e ata agora ningún dirixente tivo a valentía e a boa educación, xa non de confirmar a recepción dese comunicado, senón de rebatelo. Unha actitude equiparable ao desprezo e á prepotencia do ex-alcalde ao ignorar calquera manifestación de desacordo que partía dende Defende o Monte Pituco en relación á súa desacertada decisión de destrozar este Espazo Natural Protexido coa instalación dun polígono. Así demostra esta caste de políticos a súa “cercanía” co pobo, a súa capacidade para asumir as “críticas”. Son todos uns. Nunca darán o brazo a torcer, como se tiveran o monopolio da razón. Así duren na oposición o tempo que tarden en aprender -e practicar- o significado de palabras como humildade, comprensión e diálogo.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: