Publicado por: MontePituco | 29/04/2013

VERQUIDOS ILEGAIS: ACTOS DE COBARDES

Verquido de cinzas na pista do Pornedo.

Un mes si e outro tamén hai que estar criticando a proliferación de verquidos incontrolados no Monte Piruco. Á parte dun grave problema de mala educación e de insensibilidade por parte de quen provoca estes depósitos ilegais, trátase dunha práctica que aparentemente provoca o rexeitamento da veciñanza, pero ese reparo non se traduce en denuncias: ninguén ve nada, ninguén dá a voz de alarma. Por riba, o Concello que ten competencias no mantemento das vías públicas, excúsase na falta de recursos para actuar en todas estas frontes. E na Comunidade de Montes de San Xulián, como xa se ten exposto neste mesmo blogue, encóllense de ombros, non fan nada para incrementar a vixiancia nas zonas de maior conflictividade, só atinan a respostar que os directivos “non van ir durmir ao monte” para controlar o que pasa, pero ben que se queixan logo cando teñen que facer fronte a unha sanción pola presenza destes verquidos que non é que fagan dano á vista, é que por riba -na maior parte dos casos- son contaminantes e perigosos: cinzas de dubidosa procedencia, materiais de obra, madeiras con cravos que sobresaen, uralitas, rodas, revestimentos, plásticos…

Verquido de restos de obra a carón do túnel baixo a variante.

O acceso ao túnel baixo a variante, entre A Pena e O Caeiro, e a propia pista de acceso ao monte Pituco levan tempo sendo a diana dos desaprensivos. E segundo a cantidade de cascallos e lixo vai medrando, o foco de insalubridade tamén se acrecenta. Nestes lugares abundan os mananciais subterráneos que se contaminan por mor das filtracións. Cómpre unha actuación urxente de acondicionamento da pista forestal para evitar que os túzaros dos escombros sigan volcando as súas gabetas cheas de vergoña e miseria moral. Reparando o firme, homoxeneizando a superficie da pista para corrixir os socavóns, estarase privando aos malfeitores da “excusa” para que chimpen cascallos e outros residuos. Limpando as marxes e desatascando os regos non haberá vexetación na que se poidan disimular os verquidos. Un monte limpo é a mellor arma para loitar contra esta lacra; un monte descoidado é un imán para quen non ten reparo en seguir deteriorando un ben común.

Verquido de restos de obra na pista do Pornedo.


Responses

  1. Ata cando se van consentir estas barbaridades?

    • É lamentable a actitude dos autores destas agresións. E que non faga nada quen tería que tomar medidas, dobremente lamentable. Evidencia a falta de interés polo monte, o nulo compromiso na súa defensa, e o desentendemento de cantos problemas lle afectan.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: