
O arqueólogo Xurxo Ayán e o xornalista Manuel Gago presentarán este xoves 4 de abril, a partir das 20:00 horas na Biblioteca Municipal de Marín, o libro “Herdeiros pola forza”, publicado por 2.0 Editora. A actividade forma parte das I Xornadas sobre Patrimonio organizadas por Queremos Galego Marín.
“O gran desafío será ensinar a ler, coa ollada dos homes do século XXI, o que nos conten todos estes espazos, combinar o alento encantador da vella tradición oral cun relato desde o presente, desde a ciencia e a nosa percepción do mundo; se non o conseguimos, todo o que preservemos non valerá de nada. Penso no fracaso reiterado dos monumentos de autoestrada pagados indecentemente coa lei do 1% cultural; horrendos armatostes neses non-lugares que son as rotondas das autovías e as súas cunetas. Monumentos sen vínculos co mundo, cheos de óxido e fentos, monumentos sen nome, sen historia que contar. Cando nunha década vaian caendo, non haberá ninguén que os poña en pé”.
[Herdeiros pola forza: Xurxo Ayán e Manuel Gago. 2.0, 2012]




Deixar un comentario