Publicado por: MontePituco | 14/02/2013

PLENO DE FEBREIRO (II)

O cuarto punto na orde do día neste pleno de febreiro foi unha moción do Bng sobre a mellora na seguridade vial na estrada PO-551 en Mogor, instando a Xunta a realizar as obras necesarias para a consolidación do terraplén situado a carón da curva do Matadeiro, e o arranxo do muro situado fronte á empresa Novexil. Pilar Blanco recordou que este tema xa se plantexara en xaneiro pero que dende entón non houbera noticias de que o Concello realizara algunha xestión. “Por riba de que non fan labores de mantemento queren cargarlle o morto á veciña”, explicou Pilar Blanco en alusión a un informe que lle atribuía esa responsabilidade á propietaria da vivenda situada na parte superior do terraplén. “Pero que a propietaria quede tranquila que o terraplén é un sobrante de cando se abriu a estrada e quen ten responsabilidade é a Xunta”, engadiu Pilar Blanco, a quen só lle faltaba a capa de Batwoman para erixirse como heroína dos veciños desvalidos.

Seguiulle o concelleiro Pablo Novás quen indicou que, tras consultar o inventario municipal, determinárase que o terreo non era o tal baldío, como acababa de case xurar e perxurar Pilar Blanco, senón que a propiedade correspondíalle ao titular do terreo situado por riba. En consecuencia, segundo o concelleiro popular, cabían dúas posibilidades: pórse de acordo co propietario ou expropiar. E aproveitou para engadir que acababa de poñerse en marcha unha campaña de limpeza de beirarrúas que, dende a Escola Naval e en dirección a Bueu, pasaría por Mogor.

Co estilo que o caracteriza, que de tanto que arrastra as vogais tenas todas gastadas, Francisco Veiga tratou de varrer para a casa: criticou que non se fixera a senda peonil de Bagüín, que o firme da PO-313 estaba degradado e esbaradizo coa chuvia… tense atribuido para o Psoe a realización de obras que, se estiveran ben feitas, non habería necesidade de volver reclamar. A fin de contas, o PP só leva gobernando dende xuño de 2011; igual o Psoe non o fixo entón tan ben. E para mostra, o auditorio ao aire libre de Seixo, ou o parque botánico de Briz que, en ámbolos casos, aos poucos meses, xa estaban medio desfeitos. Pero seica di o refrán: dime do que presumes e direiche do que careces. En todo caso, Veiga pediu “datas, actuacións, investimentos e compromiso real” por parte do PP de Marín para arranxar eses desperfectos na estrada de Mogor.

Pola súa parte, Isabel Martínez Epifanio pediu máis claridade ao PP sobre o posicionamento con respecto á moción, se a apoiaban ou non, se propoñían sancionar a propietaria e facerlle arranxar o terraplén. Por iso expuxo que, xa que había novidades que lle afectaban ao texto da moción, o propio sería ter falado cos grupos municipais para determinar se o Bng mantiña a moción ou a retiraba.

Quedou perfectamente claro que a Pilar Blanco lle incomodara moito que Pablo Novas lle desmontara o petate da moción revelando o dato do inventario. Pero non ten Pilar Blanco tanta experiencia gobernando? Non se aprobou un inventario de propiedades municipais? Por que ao Bng non se lle ocorreu contrastar a información sobre a titularidade do terreo no que se localiza ese problemático terraplén antes de dar por feito tan á lixeira que a propietaria da finca non tiña que preocuparse por nada? Para quedar ben coa veciña? O único que se lle ocorreu dicir a Pilar Blanco foi que o Goberno local tiña unha maneira “anormal” de traballar, acusando o PP de ocultar información e non instruir os expedentes, e insinuando que se infrinxía o regulamento. En definitiva, para zanxar a súa metedura de pata, acabou mesturando churras con merinas: que a Xunta fixera o arranxo, que o Concello buscara unha solución.

O que salta á vista é que Pilar Blanco pide para si o que no seu día, cando o seu grupo municipal non estaba na oposición, non practicaba. Que gardar ases na manga é unha arma que todos os partidos esgrimen para meterlles goles aos partidos rivais. E negar a evidencia, finxindo unha inxenuidade e unha bondade impropia da política, é facer un paripé ou crer que a cidadanía chupa o dedo.

Replicoulle Pablo Novas lembrando que o bipartito gastara cartos en obras de dubidosa prioridade nunha época de bonanza económica e orzamentaria, e anunciando que o PP apoiaría a moción porque do que se trataba era de mellorar a seguridade vial dese treito de estrada.

Ese comentario rematou por encender aos voceiros do Psoe e do Bng: Fran Veiga alardeou de que “con Plan E e sen Plan E o seu partido fixera máis do que cegará a facer o PP” e comezou a enumerar: luz, auga, cultura, deporte, saneamento… Acusando o PP de “inactividade” e de “eliminar as consignacións” para Marín e “parar todo”. Iso parece ser o que persegue o Psoe da cidadanía marinense: gratitude eterna por facer o que lle corresponde a un goberno local, por xestionar a cultura, o deporte, os servizos sociais, a educación, o rural, as estradas, o patrimonio, o medio ambiente, a economía local… Que pretendía se non o anterior bipartito se non, vivir da política a cambio de rañar o bandullo?

Peor foi Pilar Blanco, que se pasou de frenada intentando menoscabar e desprezar a Pablo Novas: “Por unha vez que o deixa falar a alcaldesa, disfrute, pero sexa máis prudente, polo tema da idade, porque lánzase bastante”. Ante semellante mostra de chulería e prepotencia, a talla de Pilar Blanco como concelleira, como representante municipal, deixa moito que desexar. O seu comentario demostrou a súa falta de respecto pola Corporación e pola cidadanía marinense: porque gústelle ou non, Pablo Novas está sentado enfronte dela porque nas eleccións municipais obtivo ese escano. E non é ninguén Pilar Blanco para ridiculizar a súa intervención, como se na Corporación houbera edís de primeira e de segunda categoría; como se a lexitimidade dun concelleiro se medira en termos de veteranía e os novatos non tiveran dereito a outra cousa que non sexa ver, oír e calar. Porque na oposición hai concelleiros que tamén se estrean no cargo por primeira vez, e a Pilar Blanco non se lle ocorre chamarlles a atención cada vez que abren a boca. Quen debería ser prudente é a propia Pilar Blanco, poñer menos cara de risa e ser máis humilde. Porque ela non naceu aprendida e, dende logo, a súa actitude, para alguén que abandeira a palabra democracia con tanta vehemencia, é sumamente antipedagóxica.

Non contenta co rapapolvos, Pilar Blanco espetoulle o que ela pretendía que fora unha lección de historia local: que a Xunta construíra unhas beirarrúas polas que os habitantes tiveron que pagar contribucións especiais, que lles instalaran farolas “de parque infantil” e que foi grazas ao anterior bipartito que llas cambiaran por unhas farolas “de vial, e que levaban 12 anos agardando pola recta de Bagüín. Non estiveron o Psoe e o Bng tantos anos gobernando no Concello? Non tiveron un goberno amigo entre o 2005 e o 2009?

O seguinte punto da orde do día foi o borrador da moción conxunta sobre o manifesto con motivo do Día da Muller. Aprobouse por unanimidade. Luz Santiago pediu que se lea o vindeiro 8 de marzo, coincidindo coa celebración do próximo pleno. Isabel Martínez Epifanio congratulouse de que os grupos municipais “deixaran de lados os partidismos para consensuar”.

O seguinte punto, outra moción do Bng sobre a queima de expedentes, retirouse da orde do día. María Ramallo pediu que quedara o tema sobre a mesa porque os grupos da oposición pediran un informe da secretaría xeral, e a secretaria non estaría ata despois do entroido.

Fóra da orde do día tratáronse a Conta Xeral do Concello correspondente a 2011 e un recoñecemento extraxudicial de débeda de 549.523,89 euros. Os dous temas suscitaron moita contestación por parte da oposición. Continuará…


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: