Publicado por: MontePituco | 01/02/2013

ONDE DEFENDEN OS MANANCIAIS E O PATRIMONIO QUE OUTROS DESPREZAN

Diario de Pontevedra, 1 de febreiro de 2013.

“Só queremos seguir tendo nas nosas casa auga nas mesmas condicións que desde 1977”. Álvaro Novegil, presidente da Comunidade de Augas de Couso-Lérez (Pontevedra).

As obras que acometerá a empresa Acuanorte no marco do proxecto de abastecemento de auga para os concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Vilaboa e Sanxenxo, motivaron o descontento de comunidades de montes e comunidades de augas nas parroquias de Mourente e Lérez, cuxos terreos están afectados. No caso dos veciños de Couso, advirten que o movemento de terras provocaría que as augas resultarían “seriamente contaminadas”. Trátase de mananciais que subministran “de xeito tradicional o uso doméstico e agrícola dos veciños”. En canto a Mourente, están en desacordo cun trazado que consideran “irracional e demoledor” para as parcelas, especialmente no Monte do Castro, onde se proxectou a construcción dun depósito de auga nunha superficie onde existen os restos dun poboado castrexo.

Resulta admirable o interés destes colectivos pola protección do seu patrimonio arqueolóxico e a súa preocupación polos acuíferos tradicionais. Son os mesmos argumentos que temos en DEFENDE O MONTE PITUCO para rexeitar a instalación do polígono industrial: os gravados rupestres catalogados como Bens de Interese Cultural, os mananciais de Fontenla, As Presas, Gogullón do Pino, Sete Camiños, Cachadas, Monte da Serra, e Fontelagoa, entre outros que poida haber sen catalogar.

Pero en DEFENDE O MONTE PITUCO temos máis motivos para rexeitar o polígono: a pendente natural do terreo, a súa clasificación como Espazo Natural Protexido polas Normas Subsidiarias Provinciais de Planeamento no ámbito dos Montes do Morrazo, a presenza de especies vulnerables da fauna e da flora autóctona, o impacto paisaxístico, o perxuízo para a riqueza forestal do contorno, a presenza dunha liña de alta tensión…

Malia todas estas razóns máis que xustificadas, tan só a Asociación de Veciños de San Xulián é capaz de poñer cordura. Só a cobiza, a incultura e os intereses escuros -convintemente disfrazados de prosperidade económica e postos de traballo a esgalla- poden xustificar que outros colectivos da parroquia estean a favor de cometer este expolio, este atentado ambiental e este abuso contra os veciños que defendemos a toda costa o noso dereito a preservar a nosa calidade de vida.

Que sirvan de exemplo os representantes veciñais e dos comuneiros de Couso e de Mourente, para vergoña doutros que unicamente se deixan guiar polo cheiro apestoso dos cartos envelenados de falsas promesas.

La Voz de Galicia, 19 de xaneiro de 2013.


Deixar un comentario

Categorías