Publicado por: MontePituco | 28/01/2013

ASEMBLEA DA COMUNIDADE DE MONTES: DE ANTIMILITARISTAS A PELOTAS

Faro de Vigo, 25 de xaneiro de 2013.

Faro de Vigo, 25 de xaneiro de 2013.: “Defensa inicia los trámites con los comuneros para obtener la cesión de los terrenos de la Brilat“.

La Voz de Galicia, 17 de xaneiro de 2013.

Na asemblea xeral da comunidade de montes de San Xulián do pasado 13 de xaneiro aprobouse “por maioría” concederlle un “permiso” á Brilat para que os altos mandos do acuartelamento lle propoñan ao Ministerio de Defensa o uso dunha parcela de 35-38 hectáreas do monte comunal da parroquia para uso militar. Foi un dos puntos importantes da orde do día; non obstante, despachouse en a penas 4 minutos.

O presidente da comunidade explicou que recibira unha chamada da Brilat porque o xeneral José Antonio Alonso quería reunirse con el e mais cun técnico da comunidade. “Para que a Brilat non marche necesita un pequeno terreo do monte para facer uso del”. Segundo o presidente da comunidade, esta cesión sería “sen perxuízo” da propiedade: “O terreo sería sempre noso, sempre podemos andar por alí, e a madeira sempre é nosa, avisándolles cando queiramos“. A cambio diso, a comunidade recibiría unha compensación económica anual de 25.000-30.000 euros.

En madeira non os fariamos nin en 15 nin en 20 anos“, engadiu o presidente da comunidade, que precisou que aínda non se produciran contactos con Defensa.

Esas 35-38 hectáreas de San Xulián, máis unhas 15 hectáreas do monte comunal de Vilaboa, e arredor de 40 hectáreas máis de Salcedo, que suman 90 e pico hectáreas, conformarían a superficie que o cuartel lle presentaría ao Ministerio “para que a Brilat non marche de Pontevedra”, insistiu o presidente da comunidade de San Xulián.

“Aí non vai haber construccións, nin casetas, sin vallado, nin haberá tiros, soamente carteis de entrenamento militar, o terreo é noso, non nos perxudica en nada e se hai toxo pódese coller”.

A zona afectada pola posible cesión sería “no alto de todo”, onde non hai ningunha propiedade privada, e por menos de 30 anos, que é “o máximo” prazo para unha explotación dese tipo. En calquera caso, o presidente da comunidade rematou aclarando que “antes de firmar” calquera documento volvería pedir a autorización da asemblea de comuneiros.

E o asunto quedou finiquitado coa aprobación, por maioría, do “permiso”; non sen antes deixar caer que, claro, na Brilat “traballa moita xente” e non vaia ser que marche o cuartel.

En primeiro lugar, que din os estatutos?

No capítulo II sobre o Réxime Xurídico, hai dous artigos que encaixarían nese concepto de cesión:

-Artigo 6º: Os Montes Veciñais en Man Común e a súa “inabienabilidad” [aquí cómpre un inciso porque a palabra inabienabilidad non existe no diccionario; máis ben se referirá á “inalienabilidad”, é dicir, que non se pode enaxenar, que non se lle pode transmitir a alguén o dominio de algo] poderán ser obxecto de cesión temporal, en todo ou en parte, a título oneroso ou gratuito, para obras, instalacións, explotacións de diversa índole, servizos ou outros fins que redunden de modo principal en beneficio directo da comunidade de veciños, de acordo coas maiorías previstas no artigo 18.1 da Lei de Montes do 10-10-89 [onde vai esta Lei de Montes; a máis recente e que procederá consultar é a 7/2012 de 28 de xuño]. A cesión poderá ser por tempo indefinido en favor de calquera das administracións públicas cando sexa destinada a equipamentos en favor da propia Comunidade, en tanto se manteña o fin para o que foi feita a cesión.

-Artigo 8º: 1. A comunidade de veciños propietarios poderá establecer dereitos de superficie con destino a instalacións ou edificacións cun prazo máximo de 30 anos, ou a cultivos agrícolas de 10 anos, pasando a ela, sen ningunha indemnización, ao caducar dito dereito da propiedade de todo o instalado, edificado ou plantado. No caso de aproveitamentos forestais de arboleda, a Comunidade non poderá concertar prazos superiores aos correspondentes a un único turno da especie plantada, nin para outra clase de aproveitamentos que o da tala do arbolado plantado.

2. A constitución deste dereito formalizarase en escrtitura pública, que deberá inscribirse no rexistro da propiedade, será transmisible e susceptible de gravamen, e rexistrarase polo título constitutivo do dereito, pola presente Lei, subsidiariamente, polas normas do Dereito Privado.

Habería que definir primeiramente que tipo de acordo se acada, en que sección do regulamento interno da Comunidade encaixa esa cesión. Porque, dunha banda, o artigo no que se estipulan cesión por un máximo de 30 anos refírese a “instalacións ou edificación”. Se o que dixo o presidente da comunidade de montes é certo, a institución militar non vai construir ningunha instalación nin edificación, nin vai plantar nada. Por outra parte, encaixaría o outro artigo no que se alude a unha cesión “temporal” para servizos que, ao tratarse dunha administración pública -o Ministerio de Defensa- podería acabar sendo “indefinida” se o acordo contempla algún tipo de equipamento.

Como cambian as cousas en pouco máis de tres anos: de manifestarse polo monte, pancarta en ristre, “en defensa dos nosos montes” en plan anti-militarista; a proclamar sen rubor que a Brilat quería levar o monte “pola cara” e que por iso era mellor cobrar pola instalación do polígono industrial; e agora resulta que a comunidade de des-montes actúa como paladín defensor dos intereses da Brilat para evitar o desmantelamento da base de Figueirido. Que este proceso se dea nun espazo de tempo tan curto e, sobre todo, cunha directiva que a penas mudou uns cantos dos seus membros pero que nos dous primeiros cargos son as mesmas persoas, di moito da falta de principios e da incoherencia dun colectivo.

Se por algo se caracteriza a comunidade de des-montes de San Xulián é precisamente por des-capitalizarse do seu principal recurso: a terra e todo o que produce, que non é pouco, por moito que alguén teña interese en subestimar os beneficios nada desprezables que pode xerar unha comunidade de montes ben xestionada. En todo caso, San Xulián caracterízase por perder territorio e por facer caixa con el, entre cesións e expropiacións. Dende que nos anos 80 o monte veciñal de San Xulián foi clasificado cunha extensión de 389 hectáreas, cantas foron xa entre o tendido de alta tensión e diversas infraestruturas viarias? Coa probable cesión á Brilat e mais a superficie para a instalación do polígono que contempla o Pxom, a comunidade de des-montes vai perder outras 100 hectáreas.

De feito, hai a quen lle tarda moito que comece a esnaquizarse o monte para cambiar a masa forestal, os mananciais, o patrimonio natural e paisaxístico… por moles de bloques de cemento e por chairas de asfalto. Un veciño preguntáballe ao presidente da comunidade de montes se a parcela para a Brilat lle afectaba ao proxecto do parque empresarial. O aludido contestou que quedaba máis arriba. Así que, tomando con sentido do humor a brincadeira, cando os militares fagan uso do monte de San Xulián -ese que lle deu de “comer” ás nosas familias dende tempo inmemorial- para facer marchas e adestrarse, a pouco máis que avancen poden practicar tamén combate en poboación nas naves do polígono. Porque a aldea afgá que instalaron no monte de Salcedo van ter que desmantelala, xa que os comuneiros de Salcedo van facer todo o contrario que San Xulián: é dicir, van negociar a cesión de 40 hectáreas a un prezo razoable, pero van recuperar outras 80 hectáreas para uso veciñal: recuperar o patrimonio arqueolóxico para poñelo en valor, protexer os acuíferos, plantar árbores… Todo o que se supón que debe facer unha comunidade de montes. Porque para converter o monte nun negocio, para cargarse petroglifos e mámoas, para privar os usuarios do consumo da auga, para impedir que se creen novas masas forestais, xa están as comunidades de des-montes coma esta. 

A Comunidade de Montes de Salcedo xa iniciou os contactos coa Brilat a semana pasada. A de San Xulián non tiña noticias e, ao parecer, como lle tarda moito ter noticias da alta alcurnia castrense, trata de informarse a toda costa sobre o proceso de negociación da Brilat coas comunidades veciñas, non sexa que San Xulián saia malparada economicamente.

PD: O pronunciamento da asemblea de comuneiros sobre a votación a respecto da posible cesión de terreos saíu publicado nas páxinas dos medios de comunicación de ámbito local. Logo, o contido da xuntanza dos comuneiros de San Xulián é de interese informativo, con caracter público. E as fontes informativas son os directivos da comunidade de montes, como tamén están en dereito de selo os propios comuneiros como asistentes á reunión. Logo, é pertinente que calquera comuneiro decida o procedemento que estime oportuno para ter constancia directa do que se comenta, do que se acorda e do que se debate, para podelo contrastar, para fiscalizar o traballo da directiva ou para corresponsabilizarse lexitimamente do funcionamento da comunidade á que pertence.


Responses

  1. […] dúas posibilidades: en caso de cumprirse as xenerosas expectativas do presidente, xa na asemblea do pasado mes de xaneiro contaban con “arañarlle” á Brilat entre 25.000 e 30.000 euros anuais polo arrendamento: […]

  2. […] Primeira mentira: O PERMISO PARA NEGOCIAR NON SE APROBOU POR UNANIMIDADE, SENÓN POR MAIORÍA, que non é o mesmo. Como nas asembleas non sempre se aclara o resultado das votacións, especialmente en determinados asuntos nos que pode que quizais non interese facer precisións, non soubemos cantos votos houbo a favor, cantos en contra e cantas abstencións. Pero non foi por unanimidade, seguro, e así o reflectimos no artigo de xaneiro de 2013 sobre aquela asemblea: “De antimilitaristas a pelotas“. […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: