Publicado por: MontePituco | 10/01/2013

O CULEBRÓN DO PORTO SECO: PONTE CALDELAS

José Benito Suárez Costa e Perfecto Rodríguez reunidos no Porto de Marín.

Tralo seu encontro matinal co presidente da Autoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez Costa, o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, explicou cales son os seus argumentos para promocionar A Reigosa -que consta do Parque Empresarial e da Central de Transportes- como posible emprazamento para as empresas vencelladas ao porto.

Perfecto Rodríguez parte da base de que “na actualidade é a zona industrial máis cercana ao porto que xa se atopa urbanizada e con actividade” e, por tanto, “pode facer a funcón do Porto Seco que demanda o Porto de Marín, sen perxuízo de que de cara ao futuro se poidan seguir estudando outras opcións” dentro do Plan Sectorial de Áreas Industriais de Galicia que está elaborando a Xunta.

“Pero o certo é que esas posibles actuacións tardarán moitos anos en facerse realidade, polo que a curto e medio prazo A Reigosa é a zona industrial máis cercana que ten o Porto de Marín que para empresas vencelladas á súa actividade poidan instalarse nunha área área empresarial próxima”, sinalou o rexedor municipal de Ponte Caldelas.

Perfecto Rodríguez foi aínda máis explícito:

“As propostas realizadas no seu día para un porto seco en Vilaboa, Cerponzóns ou no termo municipal de Marín son INASUMIBLES ECONOMICAMENTE a curto e medio prazo, polo que é importante que o Porto de Marín teña claro que existe dende xa unha área empresarial próxima e dispoñible”.

Entre os méritos que enumerou, o alcalde de Ponte Caldelas destacou que a área empresarial de A Reigosa e o parque do Campiño suman máis de 1 millón de m2 de solo industrial, de xeito que “sen lugar a dúbidas é a zona chamada a funcionar como zona preferente” para a ubicación de empresas do eido portuario. Atópase a 15 minutos do Porto de Marín, unha distancia que se reduciu grazas a dúas obras que están en vías de rematar: a reforma do nó do Pino e o desdobramento da estrada PO-243, “que consequen que sexa máis fluido o acceso cara á AP-9 e á autovía de Marín”, engadiu Rodríguez.

O rexedor municipal de Ponte Caldelas puxo como exemplo a PLISAN de Salvaterra-As Neves, planificada como Porto Seco do Porto de Vigo, que “está a moita maior distancia que a área industrial da Reigosa ao Porto de Marín”. Ademais, o trazado da futura circunvalación de Pontevedra (a denominada A-57) prevé un nó de conexión coa estrada de Ponte Caldelas (PO-532) a penas 1 quilómetro despois do parque empresarial. O primeiro treito previsto desa circunvalación é o que une esta estrada coa N-550 en Vilaboa, “o que mellora a conexión do parque empresarial coa AP-9 e a N-550”, apuntou Perfecto Rodríguez na súa xuntanza con Suárez Costa.

O alcalde de Ponte Caldelas ten ben preparadas as cifras do Parque Empresarial da Reigosa, que vén sendo unha ampliación cara a Ponte Caldelas do Polígono do Campiño: ten unha superficie total de 493.096,67 m2, dos cales 286.622 m2 corresponden a solo empresarial distribuido nun total de 49 parcelas. Destas parcelas, actualmente hai 23 vendidas e 2 reservadas; 8 empresas que ocupan 11 parcelas iniciaron xa a súa actividade. As parcelas dispoñibles teñen dende os 1.200 m2 aos 19.900, 21.500 e 26.500 m2 que miden as tres máis grandes. O prezo do m2 é de 95 €, “o que o fai máis competitivo que o resto de parques existentes na provincia”, precisa Perfecto Rodríguez, que tamén garante as posibilidades de crecemento no futuro.

Colindando cos Parques Empresariais da Reigosa e do Campiño está a Central de Transportes, un parque logístico destinado a empresas do sector do transporte de mercadorías por estrada, “pero que tamén pode dar cabida a outras empresas vencelladas ao sector do transporte e da automoción”, matizou Rodríguez. Esta Central de Transportes ocupa unha superficie de 86.963,96 m2, distribuida en 43 parcelas que suman un total de 41.000 m2 de uso comercial-industrial. A superficie destas parcelas vai dende os 594 m2 ata os 1.200 m2. O preso para instalarse nesta Central de Transportes é de 81 €/m2.

Mapa de pendentes do Monte Pituco-Pornedo onde se localizaría o suposto polígono.

Táboa de superficies en función das pendentes no Monte Pituco (Pornedo)

E como contrapunto, no mesmo día, o concelleiro de Urbanismo de Pontevedra, Antón Louro, reclama a súa cuota de protagonismo cunha nota de prensa que non ten desperdicio, e da que destaca a evidente contradición entre os posicionamentos do Psoe de Pontevedra e de Marín. Mentres Louro segue os postulados do Bng a prol da instalación dun porto seco en Leborei, , Francisco Veiga defende a indefendible opción de que ese porto seco se sitúe no Monte Pituco, do que a lumbrera de Pazos Lamoso chegou a dicir que era o sitio máis chan de todo Marín, cando a verdade é que as curvas de nivel demostran que a pendente é tan marcada que calquera obra sería imposible sen un desembolso económico brutal, que obrigaría a instalar uns taludes e conlevaría unha agresión irreparable ao entorno.

Di o comunicado do concelleiro socialista de Pontevedra:

“A sucesión de paus de cego que o PP está a dar en todo o que ten que ver co futuro do porto de Marín está a supoñer un prexuízo intolerable para a economía da comarca de Pontevedra. Así o denuncia o tenente de alcalde e portavoz do grupo municipal socialista, Antón Louro, que esixe que, dunha vez por todas, a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra poña algo de sensatez nun asunto crucial. O último episodio chega co anuncio de que o presidente da Autoridade

Portuaria se entrevista co alcalde de Ponte Caldelas para estudar a situación de empresas relacionadas co porto no polígono industrial da Reigosa, eufemismo que parece agochar un novo intento do PP por buscar unha alternativa desafortunada e partidista para o necesario porto seco”.

A Louro parécelle mal que Suárez Costa reciba a Perfecto Rodríguez. Semella disparatado que un partido supostamente serio monte unha pataleta mediática polo “anuncio” dunha “entrevista” entre dous xestores que ademais son do mesmo partido. Como se o Concello de Pontevedra, a través da súa representación no Consello da Autoridade Portuaria, non tivera ducias de ocasións para expoñerlle a Suárez Costa as súas propostas para a dotación do porto seco. Outra cousa é que non se escenifique ese encontro, cos correspondentes flashes fotográficos, e non trascendan declaracións das partes implicadas. Louro monta en cólera pola mesma razón que Suárez Costa e Perfecto Rodríguez se reúnen e o anuncian con antelación á opinión pública: para facer o paripé. Como se a única realidade fora a que nos dan masticada nas páxinas dos xornais. Afortunadamente ninguén é tan inxenuo como para crer que o presidente da Autoridade Portuaria e o alcalde de Ponte Caldelas non se teñan reunido as veces que queiran, por moi mal que lle pareza a Louro.

“En opinión de Antón Louro, os mal entendidos intereses do Partido Popular xa teñen causado suficiente dano á viabilidade futura do porto de Marín. No que atinxe ao porto seco, cómpre lembrar que hai apenas un ano o PP impulsaba un Plan Sectorial de Ordenación das Áreas Sectoriais [o comunicado pon “sectoriais” onde debera decir “empresariais”… é o que teñen as présas] de Galicia, no que o porto seco se situaba sobre un eventual polígono de 430.000 metros cadrados, a construír antes de 2015, sobre o río dos Gafos, a cabalo entre Pontevedra e Vilaboa, seguindo unha peregrina idea do seu excandidato Telmo Martín.

Agora sorpréndennos cunha nova ocorrencia, barallando un polígono que carece de conexión ferroviaria e de accesos a autopista. Ademais, ao ritmo en que o PP xestiona a materialización da autovía libre de peaxe A-57-circunvalación de Pontevedra, A Reigosa tardará máis de 20 anos en contar con acceso de alta capacidade por estrada”.

Louro fala de “mal entendidos intereses” do PP. E que hai dos intereses -obviemos o calificativo- do anterior goberno local bipartito Psoe-Bng no Concello de Marín, cando favoreceron que se clasificara como solo industrial un espazo natural protexido e cun desnivel considerable? E non ten nada que dicir o Psoe de Pontevedra a respecto do Plan Sectorial de Áreas Empresariais, cando se propón unha plataforma loxística a cabalo entre Pontevedra e Marín -xusto a carón do Monte Pituco- e o propio estudo da Xunta revela que a tal plataforma loxística non ten moitos visos de viabilidade precisamente por factores como a pendente? E que lle parece a Louro que o Concello de Marín proxecte un polígono industrial a carón dun espazo que o Concello de Pontevedra ten clasificado como de interese arqueolóxico, motivo polo cal alegou en contra desa plataforma loxística? Coñecen no Psoe de Pontevedra a palabra “contradición”? e a palabra “coherencia”?

“Fronte a tanta improvisación, o Concello de Pontevedra ten ofrecido a opción real da área loxística de Leborei (Cerponzóns), con 435.137 metros cadrados, prevista no avance do PXOM da capital. Unha área industrial situada a uns 10 Km, con conexións ferroviarias e de alta capacidade. Só falta a vontade política da Xunta para desenvolvelo, decisión na que contaría, de inmediato, con toda a colaboración administrativa e urbanística do Concello de Pontevedra.

O porto seco é unha necesidade urxente do porto de Marín, cuxa situación está aínda máis agravada polo caos xerado tras a anulación xudicial do seu Plan Especial do ano 2000. Unha sentenza que tan só confirmou as expectativas xeradas no seu día e que, hai que lembralo, obriga á Xunta, á Autoridade Portuaria e á Deputación de Pontevedra a correr cos gastos da retirada de máis de 300.000 metros cadrados de recheos ilegais”.

Faro de Vigo, 18 de novembro de 2009.

Pois a ver como xustifica Francisco Veiga esta manobra de Antón Louro. Porque se a opción de Leborei é “real”, segundo Louro, con que adxectivo calificaría Veiga a opción do Monte Pituco? Para DEFENDE O MONTE PITUCO, a opción do Monte Pituco é absolutamente disparatada, alegal e indefendible. E por riba, a Autoridade Portuaria xa no ano 2000 se pronunciou en contra de ubicar o seu porto seco no Monte Pituco porque non só as condicións orográficas do terreo facían que a obra resultara inviable, senón tamén pola imposibilidade de dotalo dunha conexión ferroviaria.

E a tempo de sumar máis interrogantes, que dirán os respectivos Bng’s de Pontevedra e de Marín? Pareceralle ben ao concelleiro de Infraestruturas de Pontevedra, o nacionalista Cesáreo Mosquera, que Antón Louro se erixa no defensor do proxecto de porto seco en Leborei, desenvolvido polo Bng? Xurdirá no seo do bipartito de Pontevedra algún roce por ter tomado Louro a dianteira no pronunciamento oficial sobre unha materia que “é pero non é” da súa competencia directa?

“Precisamente agora, a Xunta de Galicia está a tramitar un Plan Especial que repite moitos dos defectos e erros do anterior e que, precisamente por isto, mereceu un duro reproche do Concello de Pontevedra a través do documento de alegacións aprobado en Pleno o pasado mes de novembro. A todo elo hai que engadir o último episodio protagonizado polo PP ao deixar ao porto fóra da Rede Europea de Transportes, o que vai impedir o acceso aos fondos europeos para infraestruturas ata o ano 2020”.

Quizais Antón Louro non debera sacar moito a lingua a pacer botando balóns fóra sobre as responsabilidades do seu partido nas consecuencias que tivo a sentenza firme do Tribunal Supremo que declarou ilegais boa parte dos recheos realizados no Porto de Marín e a construcción do ramal ferroviario. A Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres xa ten enfilado ao político socialista. E este mesmo colectivo aínda ten moito que dicir non só sobre a tramitación do novo Plan Especial do Porto, senón tamén sobre o PXOM de Marín que clasifica como urbanos uns terreos gañados ao mar que a instancia xudicial de maior rango neste país calificou de ilegais.


Responses

  1. Bravo Monte Pituco, moitos ánimos na túa altruista labor, para continuar con artigos como este. Mil gracias polo teu tempo.

    • Despois de 4 longas horas de Pleno, aturando que os voceiros do BNG e do PSOE fagan electoralismo e demagoxia sobre a dotación de chan industrial asociado ao porto, utilizando a creación de postos de traballo como látigo social. Despois de escoitar que o Goberno local segue apostando polo Pituco para ubicar empresas potencialmente contaminantes, nun espazo natural protexido integrado nos Montes do Morrazo. En definitiva, despois de constatar a irresponsabilidade consumada e galopante de boa parte da Corporación na procura de materializar unha ilegalidade coma a copa dun pino, agradezo moito a túa visita ao blogue e as túas palabras de alento.

  2. Pois si que este é o culebrón do século.
    Os xuíces ordenan que desaparezan os recheos, e os políticos buscando un porto seco que de nada vai servir se desaparecen os recheos.
    Os empresarios do porto afirman por activa e por pasiva que non pode haber porto seco sin ferrocarril, e os políticos ofrecen zonas de monte por onde non pasa nin pasará ningún tren.

    Capítulo 235.874
    Continuará.

    • Os políticos… e os non-políticos dos lacaios que fan de axentes de opinión. Este asunto apesta.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: