Publicado por: MontePituco | 13/11/2012

PLENO DE NOVEMBRO DE 2012 (actualizado)

A orde do día do Pleno de novembro comezou tratando a modificación dun artigo para eximir do pago de taxas a persoas en paro e que non estiveran cobrando ningunha prestación, a instancias dunha moción do BNG. Pilar Blanco criticou que esta moción remontábase ao mes de xullo, que fora tratada en agosto e que ata agora “non se fixo ningún trámite” no Concello, polo que acusou de “deixadez” aos responsables municipais. “Chega tarde, mal e arrastro”, engadiu a voceira nacionalista, reclamando que esta cuestión se aprobe nunha ordenanza para que esta eximente non dependa da decisión “da alcaldía de turno”. Semella unha expresión pouco afortunada para un cargo institucional que no seu día tamén formou parte desa mesma “alcaldía de turno” á que Pilar Blanco se referiu nun ton despectivo.

En calquera caso, e a pesar do dramatismo que a edil intentou introducir na súa intervención achegando datos -case 150 aspirantes para acceder a dúas prazas municipais- que reflicten a evidente necedidade da cidadanía por conseguir un emprego, non houbo debate e pasouse directamente á votación, aprobándose por unanimidade cos votos de PP, PSOE e BNG. A voceira de Mar-In non asistiu a esta Sesión da Corporación.

Seguiu a proposta para a modificación do regulamento de venda ambulante. A concelleira popular Cristina Acuña explicou que o cambio debíase á adaptación do regulamento á normativa autonómica, e que o trámite consistiría nunha aprobación inicial, para a súa exposición pública. Replicou Juan Muradas para solicitar que o expediente quedara “sobre a mesa”, aparcado, argumentando que “formalmente adolece de moitos defectos e non ten ningunha seguridade xurídica” e que , ao tratarse dunha materia que xeraba “conflictividade”, era “susceptible de ser impugnado”. “Yo lo leí completo y salí muy confuso”, engadiu o concelleiro socialista, porque “non está concretada a modificación”.

-El expediente X me confunde-

Pilar Blanco botoulle unha man a Muradas, criticando que a tramitación foi “atrapallada” e que o tema tiña que terse abordado no pleno anterior. A voceira nacionalista tamén plantexou “dúbidas” sobre a súa aplicación, posto que “hai actividades que se cobran, e outras que non”, polo que “como mínimo debería explicarse en que consiste a modificación”.

Cristina Acuña contestoulles que “está claro” cales son os artigos que se cambian e, fronte ás acusacións da edil nacionalista, sinalou que “cando se detectan vendedores ilegais, avísase a policía e levántanse” os seus postos.

Como era de esperar as súas explicacións non foron satisfactorias para a oposición: Muradas calificou de “impresentable” a proposta do PP e Pilar Blanco volveu reiterar que o reglamento aplícase “de forma discriminatoria”, polo que insistiu na retirada deste punto da orde do día.

A alcaldesa quixo rematar o debate botándolle un capote á súa compañeira no equipo de goberno, que na súa réplica deu poucas mostras de fortaleza e convicción nos seus argumentos. María Ramallo lembrou que esta modificación levouse a dúas comisións -das que o propio Muradas non forma parte, matizou-, que conta con dous informes xurídicos e que houbo tempo abondo para analizala. “Non se pode entorpecer o funcionamento dunha Administración”, espetoulle Ramallo a Muradas, en alusión a que o propio concelleiro socialista podía presentar alegacións no periodo de exposición pública do novo documento.

O PSOE e o BNG votaron a favor de deixar a proposta sobre a mesa, pero rexeitouse cos votos en contra do PP. A modificación aprobouse coa maioría do PP.

Un dos puntos polémicos da sesión foi o referido á moción contra a violencia machista con motivo do próximo 25N. A concelleira Marián Sanmartín leu o texto que se difundirá con motivo desa data, que fai referencia a que tal día “non tiña que existir no calendario” e que malia terse dado “pasos importantes” aínda falta “moito camiño por andar”, tendo en conta que xa van 40 mulleres “asasinadas por homes con ideas sexistas”, mulleres asasinadas “polo feito de ser mulleres”. Por iso apelou á “implicación de toda a cidadanía”, posto que “todas e todos somos persoas dignas e todas merecemos respecto”.

Parecía que este asunto ía aprobarse sen máis, posto que a concelleira Luz Santiago tomou a palabra simplemente para agradecer o labor do Consello da Muller, dando por feito o voto favorable do seu grupo. Pero foi Pilar Blanco quen volveu caldear o ambiente ao reprocharlle ao PP a súa reticencia a que na parte dispositiva se instara “os poderes públicos” a adoptar medidas. “O texto foi resultado do debate aberto, non da imposición do PP”, afirmou a voceira do BNG, que aproveitou para sacar a lista de reproches: cero euros para programas de axuda no fogar, orzamento pendente de aprobación e con el a incertidumbre sobre os fondos que irían destinados a estas accións…

En vez de seguir o guión e ignorar o tópico refrán de que quen cala outorga, a Marián Sanmartín doeulle o aguilloazo e caeu na trampa provocadora do grupo nacionalista: “Non vou entrar no xogo político”, dixo a concelleira do PP en alusión á acusación de imposición. “Para nada, a mesa de traballo sabe que non foi así e o manifesto fíxose coa técnica do CIM”, engadiu Sanmartín que, por riba, criticou a Pilar Blanco porque “é unha pena que non participe activamente no Consello da Muller”.

…Craso erro, Sanmartín. Porque inmediatamente Luz Santiago saiu en defensa da súa exsocia de exgoberno, enmendándolle a plana á concelleira popular. “No debería haber entrado en temas políticos”, advertiulle, dándolle a razón a Pilar Blanco sobor de que o PP “non quería que aparecera a palabra recorte” no documento. “No pasa nada, lo que hay que hacer es tirar para adelante”. Total, non queda tan lonxe o famoso momento-tesoira con motivo de que outra exsocia de exgoberno, Esther Crespo, incluira os actos do 8 de marzo -Día da Muller- no programa do Entroido. Non pasa nada, hai que tirar para adiante.

…Craso erro, Sanmartín. Porque seguidamente, facendo uso do seu dereito de contrarréplica, Pilar Blanco chantoulle á concelleira popular que “sempre que non lle interesa o debate político vai ao ataque persoal” e matizoulle que o BNG ten unha representante no Consello da Muller, ademais de ironizar sobre o plantexamento de que o PP pretende “facer máis con menos”.

María Ramallo volveu ataviarse co traxe de bombeiro para zanxar a polémica: “O importante ao final é que hai unha moción conxunta que imos apoiar todos os grupos”. Como así foi, por unanimidade.

A continuación, unha moción urxente do BNG sobre a folga xeral do 14-N: Pilar Blanco criticou a destrucción do emprego e reivindicou a unha “saída xusta á crise”.

Durante todo o Pleno, Francisco Veiga permanecera en silencio, pero entrou en acción neste punto e o seu primeiro argumento foi para copiar a Pilar Blanco: “A folga xeral é o último recurso dos traballadores para darlle un toque de atención ao goberno de turno”. Outro que coxea de desmemoria e ignora que el tamén tivo o seu turno; un turno que lle pasou, cousas da democracia… O seu discurso teríalle quedado moi lucido no Congreso durante aquela breve faceta súa como deputado, porque adicouse a teorizar sobre cuestións de actualidade xerais e globais que nada tiñan que ver co contexto comarcal ou local. Veiga debe ter algunha morriña daquela época a cabalo entre Marín e Madrid; agora que se puxo de moda a polémica sobre os deputados que perden o iPad que reciben cando acceden ao cargo, chama a atención que o ex-rexedor acuda ao Pleno co seu trebello de Apple ou coa tablet sucedánea, e adique a sesión a xoguetear co dedo sobre a pantalla mentres os demais edís gastan cuspe debatindo sobre temas nos que el parece estar ausente ou abstraído. Pero naturalmente, o trebello que manexa Veiga non procede do Congreso; se acaso, do seu peto ou, no mellor dos casos, do partido.

María Ramallo contestou que o grupo municipal do PP non apoiaba a folga e que apoiaba “a pies juntillas” a política autonómica de Núñez Feijóo, así como a de Rajoy, lembrando que xa se lle convocara unha primeira folga xeral aos 100 días de chegar ao Goberno.

Pilar Blanco acusou a alcaldesa de “distorsionar” o texto da moción e advertiulle que “a folga non a convoca o BNG, senón os traballadores”, ao que Ramallo engadiu que non eran os traballadores senón as organizacións sindicais as que organizaban o paro.

A moción rexeitouse cos votos maioritarios do PP malia o voto favorable do BNG e do PSOE.

O apartado de rogos e preguntas é esa outra parte do pleno que serve para que todos os concelleiros que durante a sesión non abren a boca, teñan o seu pequeno momento de gloria.

Non é o caso de Muradas, que por enésima vez volveu airear os seus clásicos, sobradamente contestados: o Camiño Vello de Seixo, o pino seco de Bagüín, o alumeado na finca de Briz, o Arela, o expediente a Antalsis… e a maiores unha ironía sobre as funcións do asesor xurídico do Concello, por se tamén está ao servizo da oposición; e a reclamación do rexistro de facturas.

Entre os seus comentarios, María Ramallo referiuse á denuncia que lle puxeron ante o Valedor do Pobo a respecto das facturas: “As facturas rexístranse no Concello, antes non existía rexistro e agora si, vense por parte dos servizos e póñense a disposición sempre que cada concelleiro as pide”, explicou a alcaldesa, que ademais aclarou que ese acceso ás facturas é aberto unha vez que están conformadas. “Eu sei o que me deixaban ver cando estaba na oposición e vostedes nunca tiveron tanta información”, engadiu, remarcando que “o acceso á información é total e absoluto”.

…Muradas é a Pilar Blanco do PSOE; caldea o ambiente con interrupcións constantes, intervencións inoportunas, pataletas e ocorrencias que unicamente pretenden sacar das casillas o grupo de Goberno, alterar o ritmo do pleno e xerar polémicas artificiais. Nesta ocasión, o concelleiro socialista pretendía volver intervir para facer “una valoración das respostas” de María Ramallo, ao que a alcaldesa se negou, argumentando que estaba no turno de rogos e preguntas e se non estaba conforme coas respostas que utilizara “a canle adecuada”.

Continuou Pilar Blanco coa solicitude dun punto de luz na curva do lavadoiro de Mogor que levaba dúas semanas apagado e aínda non se repuxera, o pago aos organizadores da festa de Loira dunha factura pendente de 2011 correspondente aos foguetes, e a limpeza do lavadoiro de Coirados.

Xosé María Vilaboa adoptou un ton moi vehemente para reclamarlle a Ramallo a documentación que lle debía dende o mes de xullo. “Ten obriga de darma!, é unha cuestión de dignidade e respecto democrático”. E por “vinteava vez” tamén esixiu a entrega do rexistro de facturas, especificando que o que a oposición demanda non é unha copia das facturas, senón o listado.

E por se acaso chegan a converterse en clásicos coma os de Muradas, cómpre dar conta doutros rogos que expuxo: a reposición dunha peza de alumeado que se oxidou, na baixada ao Sequelo; a instalación dun banco diante da barriada Fabarizas; a retirada dos carteis de obra do plan de investimentos da Deputación; as condicións nas que se aluga o Multiusos a raíz dos bailes que organiza unha empresa e polos que cobra entrada.

A alcaldesa preguntoulle que documentación lle debía a Vilaboa -a correspondente ao Edificio Castelao, precisou o edil do BNG-, ao que lle contestou: “Eu nos plenos xa lle dou cumprida información oral e escrita, non teño ningunha débeda con vostede”.

…E se non fora porque a esa hora -e menos mal que este pleno rematou en hora e media- case non quedaba público, máis dun ou dunha podería ter exclamado un “ole!”, pola habilidade de María Ramallo para tourear “miuras”. Porque se algo lle hai que recoñecer a María Ramallo -fronte ás carencias dialécticas de boa parte do seu equipo de goberno- é a capacidade para dar gato por lebre, e de falar de patacas cando lle preguntan por cebolas, sen que a penas se note.

La Voz, 24 de novembro de 2012.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: