Publicado por: MontePituco | 06/11/2012

OS AMIGOS DO ‘ALLEO’ (actualizada)

O lugar onde estaban depositados os bloques de granito. Non deixaron nin un.

O incivismo, un mal atemporal da sociedade que vai a peor de xeito galopante. Pode plasmarse roubando treitos do aramado dunha estrada para destinalos ao cerre dunha finca particular a costa da seguridade dos condutores; ou mesturado o incivismo coa crueldade no abandono dos cans de caza unha vez que finaliza a tempada; ou combinado co vandalismo cando resulta que unha área recreativa acaba destrozada, ou cando unha pedra monumental acaba convertida na parede dun grafiteiro cun gusto pésimo; ou un totum revolutum de incivismo, crueldade, e vandalismo cando o monte se converte na escombreira duns restos de poda, dos cascallo dunhas obras de remodelación da cociña ou do baño de calquera, ou do lixo dunha calefacción. Practicamente de todo se ten visto no Monte Pornedo.

É simplemente lamentable. E por desgraza, reflicte o nivel de insolidariedade, egoísmo e deformación do “mundo” que nos rodea, ata o extremo de colgarlle o cartel de “se vende” ao mellor postor. (Polígonos veredes!).

Outro recente caso de incivismo, da acción dun espabilado en estado puro, produciuse recentemente na curva entre os lugares do Caeiro e da Pena. Baixo ese punto da estrada entre Marín e Figueirido pasan as augas que baixan do monte, e que se precipitan nunha cascada escalonada que se construiu con motivo das obras da Variante. As augas pluviais caían con tanta forza que, ao pasar baixo a estrada seguían polos matos e chegaban ás fincas e aos viñedos, anegando os terreos.

Para minimizar ese impacto o “parche” adoptado consistiu en depositar uns pesados bloques de granito na boca do tubo dese ancho desaugue. Desta maneira, a auga reducía a súa forza ao bater de cheo cos penedos e non se precipitaba con tanta velocidade nin tanto ímpetu polas veigas abaixo.

Levaban aí moito tempo eses bloques de pedra, cumprindo unha discreta pero eficaz función, a falta dunha solución mellor. Pero alguén foi poñer os seus ollos nelas, ata o punto de que hai unhas semanas presentouse no lugar o condutor dunha camioneta cun guindastre.

A súa presenza espertou a curiosidade dos veciños, “afeitos” a que de cando en vez haxa algún accidente motivado pola excesiva velocidade coa que algúns transitan pola zona e van dar co seu carro ao fondo do mato. Mais nesta ocasión resultou que o obxectivo do operario cobizoso non era outro que apropiarse dos pedrolos para facer un muro con eles.

Eis o colmo do aproveitamento, da comenencia e da ignorancia. Acaso os bloques de pedra medraran alí por xeración espontánea coma os cogomelos? Acaso por non levar un distintivo que as identificara como propiedade privada ou comunal, xa alguén se podía atribuir o dereito de levalas para beneficio propio? A materia gris deste veciño non deu para discurrir que aquelas pedras estaban aí por algo; e no remoto caso de que as neuronas lle permitiran chegar a esa evidente conclusión, non lle importou levalas.

…Acabarían as pedras na cimentación dun muro, ou non. O que é seguro é que “grazas” á cobiza dos amigos do alleo, as fincas da Pena, da Curxeira e de Vilafíns acabarán encharcadas e cheas de area con cada temporal que se presente a partir deste próximo inverno.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: