Este día da Hispanidade non é festivo para todos. Entre os que traballan, non só están bombeiros, policías, persoal sanitario… tamén os operarios da empresa que neste 12 de outubro se adica a pintar a sinalización horizontal na estrada de San Xulián, entre o cruce coa barriada de San Pedro e a Casa de Montes.
Non é normal “celebrar” este tipo de actuacións na rede viaria, pero o tempo que a veciñanza da parroquia levaba agardando que as obras de reforma desta estrada se concretaran, ben merece unha expresión de ledicia colectiva. Porque despois dos tira-puxas entre a Deputación e o anterior Goberno local, despois das negociacións -unhas máis arduas que outras- cos propietarios dos terreos para acadar a cesión do espazo que ocuparían as beirarrúas, despois da construcción das mesmas, despois da instalación das barandillas e do alumeado público, despois do fresado e do asfaltado do vial… só faltaba que se marcaran os carrís de circulación e as marxes dos aparcadoiros.
Queda menos para que San Xulián remate de contar cunha avenida digna para unha parroquia sobranceira. O soño de Xan Montenegro e da Asociación de Veciños que presidía xa é unha merecida realidade.









Deixar un comentario