
(Foto: X. Ameixeiras, La Voz de Galicia, 10/09/2012).

(Foto: Javier Toba, El Correo Gallego, 10/09/2012).
O titular de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na Xunta de Galicia, Agustín Hernández, visitou este fin de semana a vila mariñeira de Muxía con motivo da tradicional romaría da Virxe da Barca. Fora por compromiso ou por devoción, o caso é que o conselleiro -elegantemente ataviado de traxe, gravata e os zapatos dos domingos- foi quen de pasar -sen case despeinarse- por debaixo da Pedra dos Cadrís. Fixo ben encomendarse á divinidade, posto que as eleccións autonómicas están á volta da esquina e non está o forno para bolos.
Á vista da súa estilosa destreza agatuñando polas pedras, querémoslle reiterar unha vez máis a invitación para visitar o Monte Pornedo e os lugares inscritos no ámbito do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, onde tamén hai penedos que merecen a súa atención: está a Pedra do Sapo, un exemplar zooforme cun cubículo na súa parte inferior onde un home de tipo fino coma el cabería perfectamente; está o abrigo rochoso da Campá, que podería ter a súa orixe no Paleolítico e que con toda probabilidade foi utilizado como refuxio natural; e está o miradoiro do Pornedo, linde natural entre os municipios de Marín e Pontevedra, dende o que se divisa unha fantástica panorámica da ría.



Pedra do Sapo.


Abrigo rochoso da Campá, no Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.



Miradoiro natural do Monte Pornedo.
…Conselleiro, será por pedras!



Deixar un comentario