As cámaras de fotos xa teñen os flashes preparados para chiscar intensamente no encontro que se vai celebrar mañá, venres 24 de agosto, na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en Santiago. A alcaldesa María Ramallo poderá erguerse o sábado moi contenta e impaciente por abrir as páxinas da prensa local, que recollerán amplamente a súa visita ao conselleiro Agustín Hernández e á secretaria xeral de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas, para entregarlles o texto refundido do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Marín.
Ese texto refundido que se parece ao documento que lle foi exposto á veciñanza tanto como un ovo á unha castaña. Ese texto refundido que condena o Monte Pituco a converterse nun pegote de cemento e formigón, nun adefesio urbanístico en plena fachada da ría cun impacto paisaxístico incomensurable e irreversible.
…Logo virán os partidos da oposición a queixarse, como aconteceu o pasado mes de marzo [ver artigo titulado “Aberración no PXOM“], polo rédito propagandístico-electoral que o PP de Marín lle vai quitar a esa escenificación política. Porque é do que se trata: colgar a medalla, o de menos é que o PXOM lle vaia facilitar a vida e a habitabilidade aos veciños e veciñas interesados en ampliar a súa vivenda ou en facer unha edificación.
E mentres Marín vai dando pasos para dotarse defintivamente do seu planeamento, tamén a Autoridade Portuaria avanza para aprobar o seu “PXOM” particular, o Plan Especial do Porto. Ocasión que, en DEFENDE O MONTE PITUCO, aproveitamos por enésima vez para lembrarlle á cidadanía e ao propio Concello que xa no ano 2000 a Autoridade Portuaria rexeitou a posibilidade de optar polo Monte Pituco para ampliar a súa superficie industrial como plataforma loxística, polas razóns que o Goberno local, o anterior e o actual, se negan a asimilar: o desnivel do terreo.
Deixar unha resposta