Publicado por: MontePituco | 13/07/2012

O ARTIGO SOBRE A PROBA DE TRIAL

DEFENDE O MONTE PITUCO subscribiu a protesta -ver o artigo titulado “Os petroglifos de Cadro, en perigo“- e a posterior denuncia de varios colectivos contrarios á proba de trial que se realizou recentemente no bosque de Cadro, un espazo onde existen varios conxuntos de gravados rupestres catalogados dos que se descoñece con exactitude a localización de todos eles. A sección local do Diario de Pontevedra inclúe hoxe unha información dando conta da presentación desa queixa formal ante a Dirección Xeral de Patrimonio, sen embargo, cómpre matizar varios aspectos da noticia publicada, que non se axusta á realidade con todo o rigor que procede ante un feito informativo.

A nota xa comeza a presentar certas deficiencias dende o mesmo subtítulo: “Defende o Monte Pituco, entre otros colectivos, expone la situación ante Patrimonio”. No corpo da noticia continúa dicindo “Defende o Monte Pituco y las demás entidades solicitan además que se lleve a cabo la recuperación y puesta en valor del complejo rupestre” (…) “Defende o Monte Pituco recuerda también que la ley marca un área de protección de 200 metros para los BIC” (…) “O Concello chegou a poñerse en contacto cun membro deste colectivo para que subira ó recinto co concelleiro de Festexos, Luís Lago, a ver o percorrido da proba e ver como o petroglifo estaba rodeado cunha cinta”, revela Defende o Monte Pituco”. E para rematar, un destacado no que se le “Monte Pituco revela que el Concello les ofreció la solución de rodear con una cinta el petroglifo, cuando la ley marca 200 metros”.

Para evitar malos entendidos e interpretacións malévolas da información por parte de entidades ou particulares enfrontados con Defende o Monte Pituco na súa actividade de defensa deste espazo natural e de protección do patrimonio, cómpre aclarar varios puntos:

1. Defende o Monte Pituco non encabezou as xestións realizadas nin ante o Concello de Marín nin ante a Xunta para rexeitar a realización desa proba deportiva nun emprazamento que, a todas luces, non é o máis indicado para a práctica motorística, que causa o desgaste do terreo e claramente perxudica as formacións pétreas do lugar. Un lugar no que cómpre realizar un minucioso estudo arqueolóxico para saber a ubicación concreta dos gravados rupestres e o seu estado de conservación.

2. Defende o Monte Pituco apoiou unha acción de protesta que se puxo en coñecemento da opinión pública a través da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo. E o respaldo de Defende o Monte Pituco responde claramente a unha cuestión de principios e de coherencia. Este colectivo -e así o verifican ducias de artigos e fotos neste mesmo blogue- fixo o que puido para tratar de erradicar a práctica motorística irregular no Alto do Pornedo, a carón dun conxunto de gravados rupestres que, a diferencia dos de Cadro, están localizados e son perfectamente visibles. En consecuencia, ante unha problemática similar, Defende o Monte Pituco actuou por solidariedade, adheríndose á Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, o Grupo Cultural Ronsel, Almuinha, Colectivo Nacionalista de Marín, Queremos Galego-Marín e Luita Verde.

3. Posto que Defende o Monte Pituco tivo un modesto papel secundario, non é certo que o Concello de Marín se dirixira a este colectivo veciñal para concertar un encontro co concelleiro de Festexos nin unha visita ao bosque de Cadro previa á realización da proba de trial, coa finalidade de supervisar o itinerario dos pilotos.

E posto que a nota que publica o Diario de Pontevedra non se axusta estrictamente á realidade, reprodúcese a continuación o comunicado íntegro difundido dende a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo:

Os colectivos Almuinha, O Ronsel, Defende o Monte Pituco, Luita Verde, Queremos Galego Marín, Colectivo Nacionalista de Marín e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo veñen de presentar diante da Dirección Xeral de Patrimonio un escrito de denuncia contra o Concello de Marín por coorganizar e permitir a celebración dunha proba de trial no Bosque de Cadro.  No citado recinto localízase o complexo rupestre denominado “Petróglifos do Bosque de Cadro”, xacemento da Idade do Bronce, consistente e 5 grupos de petróglifos, e catalogado no Inventario Xeral de Patrimonio de Galiza co número de rexistro GA36026024, dentro da categoría de Ben de Interese Cultural (BIC).

Distintos colectivos sociais da vila, entre os que están os que asinan o escrito de denuncia, presentaron con anterioridade á celebración da proba un escrito, tanto no concello como na Dirección Xeral de Patrimonio, solicitando a suspensión da proba por entendermos que podería ter unha afección negativa sobre os petróglifos, tendo en conta as características que teñen as probas de trial, xa que as rochas adoitan formar parte dos obstáculos a superar polas motos, e que unha parte dos petróglifos citados están na actualidade ilocalizábeis debido a décadas de abandono.

Segundo o artigo 4 da Lei 8/1995 de 30 de outubro de 1995, do Patrimonio Cultural de Galiza, os concellos teñen a obriga de protexer, defender, realzar e dar a coñecer o valor cultural dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galiza que se localicen no seu termo municipal. Ademais correspóndelles, adoptar en caso de urxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens de patrimonio cultural os bens de patrimonio cultural de Galiza que visen o seu interese ameazado.

O concello incumpriu a conciencia este artigo, sendo coorganizador do evento e permitindo a súa celebración, chegando a poñerse en contacto, a través da secretaria da alcaldesa, cun membro da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo para que subira ao recinto co concelleiro de eventos e festexos, José Luis Lago, e ver o percorrido da proba e ver como o petróglifo localizado estaba rodeado cunha cinta.

Só polo feito de realizar esta proba sen comunicar nin solicitar autorización a Patrimonio xa supón cometer unha infracción da normativa vixente.  A Plataforma en Defensa dos Montes de Morrazo e o resto dos colectivos asinantes entendemos, e así llo fixemos saber, que nós non eramos quen tiñamos que conceder ou non os permisos para a realización da proba, que simplesmente informábamos, tal como obriga o artigo 3 da Lei 8/1995, do perigo de destrución ou deterioro dun ben integrante do patrimonio cultural de Galiza. 

No escrito (http://defendeomorrazo.wordpress.com/2012/06/26/a-plataforma-presenta-un-escrito-pedindo-a-suspension-da-proba-de-trial-nos-arredores-do-complexo-rupestre-do-bosque-de-cadro) presentado con anterioridade á proba solicitando a súa suspensión informábamos da área de protección que distintas leis marcaban para os Bens de Interese Cultural (BIC), 200 metros, e que polo tanto rodear cunha cinta o petróglifo localizado ademais de incumprir a lei era unha burla e que se ativera ás posíbeis consecuencias no caso de seguir  adiante coa proba. 

Nese sentido, e dacordo co artigo 90 da Lei 8/1995, consideramos que o concello de Marín cometeu unha infracción leve por non notificar e carecer do permiso da Consellaría de Cultura para a realización do evento e solicitamos que se abra un expediente sancionador contra o concello de Marín que segundo estabelece a propia lei poderá chegar até 60.101,21€.

O Diario de Pontevedra “personaliza” de maneira innecesaria e “decorativa” en Defende o Monte Pituco a presentación da denuncia. Unha iniciativa -cómpre insistir- de carácter colectivo e na que a Defende o Monte Pituco non lle corresponde ningún protagonismo por riba das outras entidades co-partícipes nesta causa común. Defende o Monte Pituco non pode servir de reclamo para adornar artificiosamente unha noticia, nin para vender máis xornais, nin para contribuir a xerar polémicas estériles a conta dun comunicado tan claro, conciso e concreto. Seica haberá unha breve nota de rectificación.

ALUSIÓN Á DENUNCIA NO PLENO DA CORPORACIÓN DESTE MES DE XULLO

Na recta final do Pleno ordinario da Corporación Municipal, celebrado esta tarde-noite, o concelleiro socialista Manuel Pazos Lamoso aproveitou o turno de rogos e preguntas para interesarse polas consecuancias da denuncia presentada pola Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, Almuinha, Queremos Galego-Marín, Colectivo Nacionalista de Marín, Grupo Cultural Ronsel, Luita Verde e Defende o Monte Pituco a raíz da realización da competición de trial no bosque de Cadro. Pazos Lamoso preguntoulle ao grupo de goberno se o Concello ten que que preocuparse e se existen informes de Patrimonio aprobando a realización desa proba.

A alcaldesa contestoulle que os seus organizadores marcaran o itinerario, que estiveran en contacto con Patrimonio para informar por onde circularían as motos, que se fixera un repaso da zona e que a competición se realizara “sen afectar a nada relativo ao patrimonio”, afirmou María Ramallo, que engadiu que a federación deportiva “tiña os permisos”.

…Haberá que agardar, pois, ao pronunciamento da Dirección Xeral de Patrimonio.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: