Publicado por: MontePituco | 20/06/2012

DOS COLCHÓNS… AOS ENTULLOS!

O espazo que durante case un mes ocuparon os tres colchóns que algún desaprensivo/a foi tirar na pista do Pornedo, xa ten outro inquilino, e por desgraza a súa presenza tampouco é benvida. Agora cómpre lamentar e denunciar a existencia dun novo verquido de cascotes de obra: restos de azulexo, ladrillo, cemento… que, para maior gravidade, foron diseminados en varios montículos.

O peor desta agresión é que o seu autor/a ou autores/as guindaron os entullos nos regos polos que baixan as augas pluviais; eses que, ante a ausencia flagrante de labores de mantemento por parte de quen corresponda -a comunidade de montes ou a Administración competente na materia- están completamente atoados, ben pola caída natural de terra ou pedras, ben porque foron utilizados como vertedeiro ilegal de lixo ou refugallos de construcción. Por iso a pista está nun estado verdadeiramente lamentable, debido a que a choiva non vai axeitadamente canalizada pola beira do camiño, senón que reborda en varios puntos do itinerario e ábrese paso seguindo a pendente do terreo.

Por culpa desta grave deficiencia, que no fondo é unha irresponsabilidade que tornou nun mal endémico, téñense producido importantes fendas e socavóns no terreo, como o que se comentou en xaneiro de 2011: TERREMOTO NO PORNEDO?

A proliferación de verquidos converteuse nun fenómeno preocupante, pola reiteración de casos que se veñen expoñendo nesta páxina, que tampouco recolle todos os que se foron producindo en distintos puntos da parroquia. Nunha asemblea da comunidade de montes celebrada en agosto de 2011 o daquela presidente en funcións, que logo recuncou no cargo, fixo o seguinte discurso:

“Certos comuneiros, non podo dicir nomes, porque non os sei, actúan a mala fe en contra nosa, da asamblea, non de nós, porque hoxe estamos aquí e mañá ao mellor non estamos. Todo o que vai en contra de gastar cartos sae de todos os comuneiros, que non sae da directiva. Falo do típico que vai cortar a auga, romper as mangueiras, ou botar o escombro alá arriba. Parece mentira que teñamos xente, que tamén os hai noutras parroquias, aínda que eu non os mirei, que non vou ir durmir ao monte, que veñan os propios comuneiros a tirar escombro de obra aos nosos camiños no monte, é repugnante. E despois pasa que ninguén quere quedar mal con ninguén, ninguén mira nada, vaino denunciar? E iso cústanos moitos cartos. Temos dúas multas, unha de 500 euros e outra que pode pasar dos 2000 ou 3000 euros. Estamos intentando a ver como queda ese tema. Vén a Policía Autonómica, levanta atestado, e quen é responsable? A comunidade de montes! É triste. Eu non vou pagar, imos pagar todos. Ninguén denuncia nada. O propio comuneiro vai botar a basura alí. E sabédelo perfectamente. É deleznable. Porque o fan a propósito. Que esteades enteirados tamén dese tema: que hai dús cartas da Xunta, e que estamos a ver como facemos con isto”.

…Repugnante e deleznable, palabras textuais do actual presidente da comunidade de montes, coas que concordamos plenamente. Resulta incomprensible, daquela, que dende a propia comunidade de montes se “boten a dios” e arremetan contra DEFENDE O MONTE PITUCO cada vez que nesta páxina se dá conta da aparición de residuos que perxudican o monte COMÚN, o monte DE TOD@S. Como se en vez de asumir as súas funcións e tomar as medidas oportunas -sexa encargando a recollida dos cascotes, ou avisando os servizos municipais para que colaboren na súa retirada, ou interpoñendo a correspondente denuncia nos organismos pertinentes ou, por que non, organizando unha campaña de sensibilización entre os comuneiros, que falta fai, á vista do que opina o propio presidente da comunidade- a xunta rectora preferira erguer a punta da alfombra para meter o lixo debaixo e así evitar que se poida ver.

[PD: Non me gusta a praia. Haberá sesións estivais de Monte Pornedo p’a rato!]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: