
Segue campando a burricie no Monte Pornedo e en tantos outros montes convertidos no basureiro da ignorancia e da incultura. Que desbrozas unha finca? Chimpa o cosco na beira da pista. Que fas unhas obras? Arrebola os cascallos polo terraplén. Que fas limpeza na bodega? Bota os sacos co lixo entre a toxeira.
…E xa basta. Temos a sorte de dispoñer de medios e servizos municipais que, de balde, ou a cambio dunha cantidade económica asumible, recollen os materiais de refugallo e deposítanos onde non contaminan nin atascan os regos da auga, onde non afean a paisaxe nin perxudican a ninguén. Non é cuestión de ter máis ou menos sensibilidade co medio ambiente, é un simple xesto de responsabilidade social.
17 de MAIO, Día Mundial da RECICLAXE
Recicla. Reduce. Reutiliza
STOP Verquidos. Máis EDUCACIÓN

“O que todo galego choraría”
CHORA, TERRA, TEU PRANTO
das augas, e dos eidos, e dos ares,
as vivas páreas cósmicas da raza,
en mantelo de brétemas envoltas,
que noso fin ao noso orixe ligan.
Deita nas áurias leiras do hourizonte
labradas de solpores e de abrentes,
en adoas de luz a debullarse,
as sementes feridas de túa door.
Arpa de nobres cordas esquecidas,
ceiba teu son no curazón retido,
e fai acordes en total latexo
almas, paxaros, rios e paisaxes...
Valentín Paz-Andrade (Lérez, Pontevedra, 1898-Vigo, 1987). Poema publicado en “Pranto Matricial” (1955).

17 de MAIO, Día das Letras GALEGAS
2012, Valentín PAZ-ANDRADE



Parabens no día das Letras Galegas.
Saúde
By: pasaba por aquí on 17/05/2012
at 16:33
Parabéns, na nosa lingua, todos os días do ano.
Grazas.
By: MontePituco on 17/05/2012
at 16:42