Publicado por: MontePituco | 11/02/2012

“O POSICIONAMENTO DE PONTEVEDRA É QUE ESO, NON!”

O concelleiro de Infraestruturas no Concello de Pontevedra, César Mosquera, do BNG, compareceu hoxe nunha rolda de prensa para anunciar que na Comisión de Ordenación do Territorio deste mércores vanse expoñer as alegacións que o Concello de Pontevedra vai presentar proximamente ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais; alegacións que se van presentar tamén ao Pleno da Corporación.

O documento, elaborado pola dirección xeral da Área de Urbanismo do Concello de Pontevedra, recolle primeiro cales son as áreas industriais que lle afectan directamente a este termo municipal:

O Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia (PSOAEG) prevé, -ademais doutras áreas en zonas próximas a este termo municipal nos Concellos lindeiros-, tres áreas empresariais ou loxísticas con incidencia directa nese termo municipal tal e como se indica no informe emitido polo arquitecto xefe da OTPXU que serve de base ás presentes observacións e alegacións:

-36026011 Plataforma Loxística Marín-Pontevedra.

-36058011 Parque Loxístico Pontevedra-Vilaboa

-36038012 Nova delimitación PS11 Ampliación do Parque Empresarial de O Campiño.

No apartado seguinte analiza a sustentabilidade, incidencia ambiental e a viabilidade destas tres superficies e, no que respecta á Plataforma Loxística Marín-Pontevedra, o informe do Concello de Pontevedra expón o seguinte:

Aínda que nalgúns documentos figura como actuación en estudo polo IGVS, XESTUR, e SEA, o propio documento o puntúa por debaixo do “umbral” mínimo de viabilidade (29) e, polo tanto, como actuación inviable no DOC VI que contén a Proposta de Estratexia de Desenvolvemento do Plan, polo que pouco máis teríamos que engadir.

En todo caso, cómpre significar que esta área cualifícase no actual PXOU como solo non urbanizable de especial protección forestal e con presenza de varios xacementos arqueolóxicos, o que sen dúbida motiva que, no instrumento de planeamento xeral en elaboración, se inclúa, na súa meirande parte, como solo rústico especialmente protexido, con protección integral arqueolóxica como indica o PSOAEG, ao abranguer unha zona extremadamente fértil en restos de xacementos, petroglifos e vestixios da arte rupestre.

Tales afeccións ambientais, derivadas do seu valor paisaxístico-forestal e sobre todo patrimonial, semellan levar á conclusión lóxica dun pronunciamento negativo verbo da sustentabilidade da proposta e de inviabilidade; inviabilidade que se agravaría pola incidencia da zona de seguridade próxima da instalación militar da base “General Morillo” nos termos municipais de Pontevedra, Vilaboa e Marín definida na Orde DEF/2050/2009, de 15 de xullo (BOE do 29 de xullo), e polos factores físicos da zona con fortes pendentes. Recollendo parámetros do propio PSOAEG “…as áreas empresariais non se poden localizar razoablemente sobre zonas moi abruptas. A pendente é un factor que limita a urbanización, xa que, en pendentes fortes é necesario realizar importantes movementos de terra…”, o que representaría un sobre custo e unha afección paisaxística, COMO ACONTECERÍA NA ZONA ESTUDADA DO MONTE PITUCO.

Preguntado o edil nacionalista polo posicionamento do Concello de Marín, que tamén vai alegar ao Plan Sectorial, pero xustamente para o contrario, é dicir, para que lle dean máis puntuación a esta área, César Mosquera afirmou:

Nós dicimos que na parte que colle a Pontevedra –obviamente meternos no doutros concellos non é a práctica habitual, salvo que sea unha cousa que afecta directamente a Pontevedra– nos valorámolo negativamente e pedimos que o quiten. Está a cabalo dos dous.

-Pero a parcela ocupa bastante máis terreno en Pontevedra que en Marín

-Pois se lle quitan o de Pontevedra, e nós opoñémonos frontalmente, a viabilidade que ten é moi pouca. Viabilidade xa non ten porque se manteñen a puntuación… É que alí ten unhas pendentes tremendas, ten protección arqueolóxica, ten impacto visual sobre a ría tremendo. Tenas todas! Agora, se o Concello de Marín non encontrou outro sitio… No Morrazo, francamente, non nada é fácil. Non vou entrar a valorar se fixeron ben ou mal, se estudaron ben ou mal. Imaxino que isto vén inducido tamén a veces por decisións arrastradas por cuestións técnicas: igual o equipo redactor do plan pintou eso, non sei. O Concello de Pontevedra, o seu posicionamento é que eso, non! Hai sitios de sobra para poñelo bastante mellores que ese. Hai aí unha cantidade de restos arqueolóxicos tremendos, iso polo menos é o que figura.


Responses

  1. […] do seu compañeiro de filas e concelleiro de Ordenación do Territorio no Concello de Pontevedra, César Mosquera, sobre o proxecto da plataforma loxística Marín-Pontevedra: “…Nós opoñémonos frontalmente, a viabilidade que ten é moi pouca. Viabilidade xa non […]

  2. […] En febreiro de 2012 o Concello de Pontevedra alegou en contra do anteproxecto dese Plan Sectorial porque o proxecto inicial Marín-Pontevedra afectaba unha gran parcela de monte situado no seu termo municipal que estaba clasificado como “solo non urbanizable de especial protección forestal e con presenza de varios xacementos arqueolóxicos”. Resulta moi chamativo que, lindando con ese terreo, o Monte Pituco -que loxicamente tamén posúe unha elevada densidade de patrimonio prehistórico- fora catalogado como chan industrial e que se lle planifiquen dous polígonos, a falta dun. […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: