Publicado por: MontePituco | 19/01/2012

LEMBRANDO O QUE A AUTORIDADE PORTUARIA DIXO EN 2009

…Para taparlle a boca a quen, nestes días, pretende saber máis que todos os técnicos da Xunta xuntos (valla a redundancia). Porque non se pode ser máis LOCALISTA e curto de miras, pedindo o imposible, o máis negativo dende o punto de vista técnico e ambiental, ou o economicamente máis inviable para os tempos que corren. Para refrescarlle a memoria a quen porfía en agredir o Monte Pornedo, cuxos defensores temos argumentos abondo para seguir reivindicando a súa conservación. Para pedirlle á veciñanza marinense que non se deixe enganar con demagoxia barata.

Disque o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia é “un fraude para Marín”, segundo os “illuminati” do grupo municipal do BNG. Nada máis lonxe da realidade. O maior fraude para Marín foi a política urbanística desenvolvida polos concelleiros do BNG durante o tempo que tiveron responsabilidades de goberno no anterior mandato. E a súa actitude segue sendo fraudulenta agora na oposición, á vista da interpretación estreita, revirada e localista que fan do dictame da Xunta, que necesariamente se ten que axustar a criterios técnicos e de viabilidade económica obrigados pola orografía dos terreos estudados, e a criterios legais debido ás figuras de protección ambiental que se lle adxudicaron axeitadamente a eses terreos.

Un verdadeiro partido de esquerdas aplaudiría contar con espazos verdes no seu Concello e traballaría por mellorar a calidade destes enclaves, por incrementar o seu uso social e o desenvolvemento doutras facetas -como a forestal, a turística, ou a cultural- que repercutiran nun maior beneficio colectivo. Pola contra, o BNG marinense e os seus replicantes nas filas socialistas, adícanse a reclamar a desafección do Monte Pornedo para chantarlle un polígono industrial que é unha quimera en si mesma. Tan sinxelo como que o 92% da zona afectada ten máis do 15% da pendente recomendada para ese tipo de urbanizacións. Tan contundente como que máis da metade dese terreno ten máis do dobre do desnivel. Negar a evidencia é unha mostra incomensurable de torpeza e de incompetencia, impropia de calquera que pretenda exercer a acción política en termos de honestidade.

Por iso a auténtica responsabilidade política habería que esixirlla ao grupo municipal do BNG cando artellou aquel esperpéntico reparto de solo industrial/empresarial que sublevou a unha parte importante da veciñanza e desconcertou a outra. Total, para acabar aferrándose ao Monte Pornedo como a unha ÚNICA proposta do Concello de Marín para acomodar os sectores produtivos da vila, como quen se agarra a un cravo ardendo. Xa daquela llo advertía a voceira do PP e actual rexedora municipal, María Ramallo, cando auguraba que a Xunta lle poría inconvintes ao desenvolvemento dun polígono no Pornedo. Pero nin o BNG nin o PSOE quixeron admitilo. No fondo seguro que eran plenamente conscentes desa posibilidade máis que real, pero a consigna de ámbolos partidos era: “…ao PP e a MAR-IN, nin auga”. Por iso o ex-alcalde Fran Veiga non moveu nin un músculo para solicitarlle ao SEPES, a través do Goberno Central “amigo”, o estudo de viabilidade doutras alternativas.

Máis hemeroteca: abril de 2010, “A Consellería ponlle reparos ao polígono do Monte Pituco…”

…E así estamos como estamos. O BNG non ten ningún dereito a erguer a voz e a manipular a cidadanía coas súas pataqueiradas: dicir que Núñez Feijóo, cando era candidato á presidencia da Xunta prometeu en campaña electoral a dotación de chan industrial na zona de Pastoriza, é certo; a falacia está precisamente en laiarse de que esa infraestrutura non se vaia facer, porque o grupo municipal nacionalista, no exercicio da súa -lexítima, iso si- competencia, non quixo valorar ningún outro plantexamento que non fora esnaquizar o Monte Pornedo, situado en plena fachada da ría, nunha zona de máxima intervisibilidade segundo o Informe de Sostibilidade Ambiental do proxecto de PXOM que os propios concelleiros nacionalistas contribuiron a tramitar xunto co PSOE; un Informe que recolle expresamente a “capacidade limitante absoluta” do Monte Pornedo para acoller urbanizacións de tipo industrial. O BNG debería ter máis coidado de non quedar en evidencia amosando un comportamento tan contraditorio e surrealista: posto que a Xunta non contempla a posibilidade de autorizar a instalación dun polígono en Pastoriza, algo polo que tampouco apostaba o grupo municipal nacionalista, o que debería facer era aplaudir esa medida do PP en vez de criticala e atacala. Se nin eles mesmos se aclaran nin saben o que queren, nin como o queren, nin onde o queren…

Parafraseando a propia Pilar Blanco, tan afeccionada a “atar cabos” como a facer “pucheros” nos plenos cando as súas preguntas non obteñen a resposta ou o eco que pretende, ten bemoles que invoque os cálculos económico-financeiros e a avaliación ambiental estratéxica do proxecto de PXOM, unha avaliación ambiental que o Bloque interpreta dunha maneira moi parcial e sesgada, obviando todos os inconvintes que presenta o Monte Pornedo para ser clasificado como chan industrial. Por iso, e non por outra cousa, por obra e graza da penosa xestión do anterior bipartito en materia de ordenación do territorio marinense, e coa adhesión do PP e MAR-IN en aras dese “consenso” que tanto lles criticamos polo que respecta á incoherencia que demostraron, é polo que o planeamento urbanístico de Marín pode que siga no aire.

Fai mal en azuzar o BNG coa vara do localismo, nun claro intento de pescar en río revolto. Se os intereses de Marín, especialmente no aspecto económico, están comprometidos, eles teñen unha boa cuota de responsabilidade e a cidadanía non llo debería pasar por alto.

Alcaldesa, a Xunta xa “dictaminou” e semella que nos dá a razón… E agora, que?


Responses

  1. Paréceme moi oportuno que fagas referencia a esta noticia.
    Debemos ter moi en conta que, porto seco non é o mesmo que Polígono empresarial-industrial.
    Entre outras diferenzas, a mais destacable é que un porto seco precisa estar perto da vía do tren.
    Monte Pituco non reúne as condicións para ser polígono industrial, pero tampouco as de porto seco.
    Dende o primeiro momento, as empresas do porto de Marín deixaron moi claro este argumento. Os políticos de un e outro bando sábeno ben, non sei por que se empeñan en darlle mais voltas a este asunto.

  2. Pois eu interpreto que esta guerra é meramente mediática e electoralista. Todos os grupos municipais queren quedar como campións a ollos da veciñanza, e o que están facendo é totalmente contraproducente. Están alimentando unha polémica absolutamente localista, á que se apunta todo quisque e da que non se abstrae nin o máis pintado, por pouca idea que teña do tema. Aquí o que parece importar é ir “todos a unha”, e xuntos mais non revoltos no caso dos partidos, na suposta defensa dun obxectivo que non ten nin pés nin cabeza dende o punto de vista práctico.
    O erro radica no anterior Goberno municipal, que cando estaba no poder fixo un desbaraxuste co planeamento urbanístico, algo que non paga a penar volver lembrar, para acabar sacando do caixón a vella proposta do Monte Pituco como ubicación do porto secto/polígono industrial/parque empresarial. Tanto lles daba, para o BNG e o PSOE o que importaba era dotar Marín do que fora, chamárase A, B ou C, para colocar empresas, foran ocupar os terreos ou non. O erro do bipartito foi non facer un estudo serio do territorio para ser conscientes da realidade e non ter preparado un plan alternativo no caso de que a Xunta, como así foi, lle dixera que non era viable nin técnica nin economicamente, como tampouco eran viables estes terreos para a Autoridade Portuaria hai 12 anos atrás.
    A actual alcaldesa tamén o sabía, por iso a actitude do actual Goberno local, aínda sendo comprensible dende o punto de vista partidista, non é comprensible dende o punto de vista político da gobernanza, porque están actuando de forma irresponsable e caprichosa. A Xunta dille que non pode ser, e a resposta do Concello é patalear en vez de traballar noutra liña.
    Por iso, moi mal a actuación dos políticos marinenses, pola súa nula pedagoxía, polo mal que fan transmitíndolle á cidadanía unha mensaxe que nada ten que ver coa realidade.
    Grazas unha vez máis pola túa visita ao blog e pola túa participación, “Pasaba por aquí”.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: