Este é o trailer do documental “Sete Camiños: encrucillada do tempo”, que se presenta este venres ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra. É unha iniciativa da comisión técnica promotora do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, coproducida pola Sociedade Antropolóxica Galega e Faro de Ons Producións.
SINOPSE:
O proxecto para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños pretende revalorizar o importante e rico patrimonio natural, cultural e paisaxístico do contorno dos Sete Camiños, o Monte do Pornedo e o Monte do Catadoiro. Este enclave conforma unha unidade física que abrangue parte do monte comunal das parroquias de Salcedo e Lourizán, en Pontevedra, e de San Xulián, en Marín.
O documental “Sete Camiños: encrucillada do tempo” ponlle voz e imaxes a un proxecto que aposta por implantar unha nova estratexia colectiva enfocada á xestión sostible dos nosos montes e recursos, á conservación e á posta en valor do noso patrimonio material e inmaterial, cunha visión a longo prazo para garantirlle unha digna herdanza natural e cultural ás xeracións vindeiras. A creación deste espazo natural e arqueolóxico, co seu enorme potencial forestal e turístico, consolidaría un futuro viable para os nosos montes e a nosa cultura.
FICHA ARTÍSTICA:
Guión e dirección: Rafael Quintía e Lukas Santiago
Realización: Lukas Santiago e João Bieites
FICHA TÉCNICA:
Produtoras: Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e Faro de Ons Producións.
Subvención ou axuda pública: Ningunha.
Título orixinal: “Sete Camiños. Encrucillada do tempo”.
Tipo: Documental. Produción propia realizada en color.
Xénero: Arqueolóxico, etnográfico e social.
Ano: 2011.
Duración: 43 minutos aprox.
Orixe: Galicia.
Idioma da versión orixinal: Galego.
Precioso!
Hai que ir velo
By: pasaba por aquí on 12/01/2012
at 12:52
Claro que si, benvid@s sexan tod@s os que queiran apoiarnos neste día tan importante. Paga a pena coñecer o que nos rodea, non se pode nin se debe vivir de costas ao monte, que é fonte de riqueza. Aínda que algúns só entendan a riqueza como especulación, como asfalto e formigón.
Grazas, e saúdos.
By: MontePituco on 12/01/2012
at 20:14