DEFENDE O MONTE PITUCO conta coa adhesión doutro colectivo a prol da defensa deste espazo natural fronte ao proxecto de convertelo moi erradamente nun parque industrial, tal e como pretenden a Xunta, o Concello de Marín e, por extensión, a Comunidade de Montes de San Xulián. A Asociación Cultural Revira vén de solidarizarse cos afectados por este proxecto e, para tomar coñecemento sobre o terreo da problemática que suporía a instalación dun polígono a nivel ambiental, paisaxístico, cultural, urbanístico e mesmo económico, vai organizar un roteiro pola zona, en colaboración coa Asociación Cultural Almuinha.
A andaina celebrarase o vindeiro sábado 15 de outubro a partir das 10:00 horas e, ademais do Pornedo, percorrerá outros puntos inscritos no proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Grazas a Revira polo seu apoio, que se explicita no seguinte comunicado que nos fixeron chegar e que reproducimos en parte.
“A Asociación Cultural Revira quere mostrar o seu total apoio ao proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, o cual abarca zonas de monte dos Concellos de Pontevedra, Marín e Vilaboa. Tamén queremos anunciar que a nosa asociación por unanimidade decidiu sumarse a este proxecto para participar e colaborar activamente dentro das posibilidades coas que contamos.
Recuperar e protexer o importantísimo valor arqueolóxico, histórico e ambiental que ten esta zona deberia de ser obriga dos políticos e políticas do noso país, mais ante a súa pasividade e a ameaza que sofre este complexo, cremos que é necesario máis que nunca que os coletivos sociais, veciñais e a poboción das comarcas implicadas sumemos forzas e traballemos conxuntamente”.
Deixar unha resposta