Xa podiamos estar curados de espanto: cabalos con pexas que lles causan lesións irreparables nas patas, e mesmo a morte; despoxos animais tirados nun recuncho calquera a expensas das alimañas e da intemperie; cans abandoados polos seus donos, que se desfán deles cobardemente mentres foxen nos seus vehículos, deixándoos atrás, indefensos… E agora enfrontámonos a outra mostra máis de crueldade, en grao extremo.
Hai unha semana, cando xurabamos en arameo ao atopar ciscados no monte os restos da limpeza dunha caldeira, xusto ao carón había outra estampa deleznable digna da maior repulsa. Se percibiamos no aire un cheiro desagradable non era precisamente pola presenza dos lodos contaminantes, senón porque, semioculto entre a ramaxe dun arbusto, había pendurado un coello novo, comesto xa polas moscas.
Que mala besta pode ser artífice dunha acción tan mesquiña e incalificable, tan innecesaria e abominable, tan retorcida e execrable. Ningún cazador que cometa estas prácticas ilegais se pode declarar amigo da natureza, cando a súa actitude é o antiexemplo, o anticivismo, o antiecoloxismo. Isto é terrorismo ambiental, e merece que as autoridades -Seprona ou Fiscalía- sancionen exemplarmente os autores destas atrocidades que, por riba de maltrato, son un foco de insalubridade e de perigo para o desequilibrio da fauna autóctona do monte.
Cazadores que utilicen estas pobres crías mantidas en catividade para adestrar os seus cans de presa non merecen ter animais ao seu cargo, porque desprezan a vida, son seres infames sen respecto por nada máis que polos seus intereses. E o que é peor: por culpa de especimes coma estes, nunca acabamos de estar curados de espanto.
Sólo hai un calificativo para a xentuza que fai isto
“Fillos de puta”
Perdoade a miña crudeza.
By: pasaba por aquí on 04/10/2011
at 14:49
…A nós, chega un punto que xa non se nos ocorren calificativos o suficientemente descritivos para esta caste de “fauna”, non silvestre, senón absolutamente salvaxe.
By: MontePituco on 04/10/2011
at 17:56
[…] artigo titulado “Crueldade extrema” (3 de outubro de […]
By: DÍA DOS DEREITOS DOS ANIMAIS « DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 12/12/2011
at 00:48