Publicado por: MontePituco | 13/09/2011

PLENO DE SETEMBRO (e II): AMBULANCIA (actualizada)

Este venres día 16 a partir das 20:30 horas partirá la Alameda de Marín unha manifestación “contra os recortes na sanidade pública, polo mantemento do servizo de ambulancias e a construcción do novo centro de saúde”. Convoca a protesta a recén constituida Plataforma pola Sanidade Pública de Marín, xurdida a raíz do rexeitamento motivado pola reducción do horario de atención da ambulancia asistencial con base en Marín, que dende o pasado día 10, entre as 8 da tarde e as 8 da mañá, tense que desprazar dende Bueu ou Pontevedra para cubrir unha emerxencia nesta vila.

Pouco lle durou a María Ramallo a comodidade da ampla maioría absoluta coa que goberna, se tan só tres meses despois da súa toma de posesión xa se está enfrontando ao primeiro gran conflicto do seu mandato. E por riba, cunha xestión errónea da problemática. Abofé que non debe ser prato de gusto que a conselleira de Sanidade do seu propio partido deixe sen servizo directo de ambulancias a unha localidade 26.000 habitantes durante 12 horas. Trátase dunha decisión moi impopular -con máis de 10.000 sintaturas en contra- que sen dúbida merecía un enfoque máis contundente a nivel local, porque se algo lle pode reprochar a veciñanza en xeral á alcaldesa, e o seu electorado en particular, é a súa escasa resistencia ante as medidas impostas dende San Caetano.

Obviamente, cos tres partidos da oposición formando unha piña e atacando simultaneamente o goberno local, resulta complicado captar o favor da opinión pública. María Ramallo non podía agardar que llo puxeran doado. E se en agosto PP, PSOE, BNG e Mar-In apoiaban conxuntamente unha moción para reclamar a continuidade do servizo de ambulancias durante as 24 horas, un mes despois ese consenso desfaise pola simple razón de que vai contra os principios do PP de Marín pedir a demisión de Pilar Farjas, cousa que reclaman os outros tres partidos, a sabendas de estar forzando unha situación estratéxica de tensión, e escenificando un papel no que o PP queda, con razón, como o malo da película.

A única saída de María Ramallo, como aconteceu no pleno ordinario deste mes, era introducir a súa propia moción, e intentar vendela o mellor posible -aínda que non con demasiado éxito, á vista dos acontecementos- ante unha opinión pública que maioritariamente está que trina contra o PP de Marín e contra a conselleira de Sanidade nesta particular afrenta. O que verdadeiramente podería facer que María Ramallo recuperara a popularidade, nunca mellor dito, sería conseguir o que propón precisamente a moción dos populares: que por algunha arte de birlibirloque, o Sergas, a Fundación do 061 ou Santa Rita, na súa condición de avogada dos imposibles, restituiran o servizo na súa integridade. É dicir, feitos en vez de desexos ou meras declaracións de intencións.

A moción presentada conxuntamente polos tres partidos da oposición acusa a alcaldesa de non defender os intereses de Marín “senón os do seu partido”, ao romper a unidade de todos os grupos municipais en contra da decisión da Consellería de Sanidade. PSOE, BNG e Mar-In anuncian pois o seu apoio á mobilización cidadá do venres 16 e piden a demisión “inmediata” de Pilar Farjas.

Paralelamente, o PP anticipaba que ía presentar a súa propia moción sobre este asunto e a alcaldesa pregúntalles aos demais voceiros se lles parece ben presentalas unha a continuación da outra, debatilas conxuntamente e votalas por separado. Francisco Veiga rexeitou esa posibilidade, argumentando que a moción dos populares parecíalle “un chiste”. (A diferenza de ocasións anteriores, nas que se viña queixando de que a oposición se entera no momento das mocións que leva a pleno o PP, parece que Veiga xa falaba con coñecemento de causa. Será que só se entera do que lle convén cando lle convén, e cando non, protesta polo seu propio descoñecemento).

Apocalíptico ata dicir basta, o ex-alcalde asegurou que Marín atravesa “un dos momentos máis complicados” da súa historia porque “por primeira vez unha alcaldesa di que non a pelexar por algo básico e indispensable para o Concello”. Fixo fincapé en varias ocasións na palabra “traición” e puxo a situación actual á altura dos tempos máis pretéritos dende que o mundo é mundo: “Chegariamos ao momento no que se intercambian 30 moedas de prata”. (Si, e outros aínda non baixaron da árbore). Cun discurso moi ensaiado, non exentos de humor negro (nin que Muradas -que non asistiu á sesión- llo tivera escrito!), Veiga advertiu que cando faga falta pedir unha ambulancia nun día de verán pola tardiña para atender a unha persoa infartada, poñamos por caso, por culpa do atasco de tráfico, en vez de avisar o 061 sería máis práctico acabar chamando á Fe ou a Santa Lucía, isto é, a funeraria.

No fondo, que non na forma, Veiga tiña razón ao proclamar que “a sanidade pública é un dereito inalienable” da cidadanía, por iso reprochoulle á alcaldesa que tiña que “enfrontarse” á Xunta para reclamar o mantemento do servizo de ambulancia as 24 horas, aínda que o goberno autonómico “sexa da súa propia cor política”.

No seu turno de palabra, Pilar Blanco recalcou que María Ramallo “prégase aos intereses do seu partido” ao “abandonar a loita” e tamén criticou os recortes que está a aplicar a Xunta, ao entender que “é imposible que se funcione mellor con menos” e que, neste caso, “a vida non ten prezo”. Por iso, en vez de “esperar a que pase algo”, dende o BNG pedíronlle ao PP de Marín “que recapacite e se sume a esta xusta reclamación”.

Na mesma liña, Isabel Martínez expresou que lle parecía “francamente decepcionante” a actitude de María Ramallo e do seu equipo de goberno, resaltando que “a primeira vez que tiñan un problema co seu partido, dean marcha atrás”. Nesta ocasión, Mar-In non estaba polo labor de botarlle un capote ao PP, como tiña feito na anterior lexislatura estando ámbolos partidos na oposición. Cuestión de principios.

Este pleno de setembro caracterizouse porque a oposición, ao unísono, despachouse a gusto contra o Goberno municipal nun tema de fondo calado social: calificaron de “baixeza moral” por parte da conselleira de Sanidade o feito de “valorar a vida das persoas en relación a unha isocrona”. E xustificaron a decisión de incluir na moción a demisión de Pilar Farjas por non pedir a da propia María Ramallo.

O grupo municipal do PP abstívose na votación desta moción, que quedou aprobada cos votos de PSOE, Mar-In e BNG. Mentres isto sucedía, unha persoa do público (que non parou de meter baza en todo o pleno, e non houbo nin un triste policía local dos tres que se atopaban na sala, capaz de pedirlle silencio para que o resto do público puidera enterarse da película) berroulle á alcaldesa: “Mira como estás co pobo que te votou!”.

E feito isto, o PP dispoñíase a expoñer a súa propia moción, cando dende a oposición elevaron súas queixas porque xa fora aprobado o documento presentado polos tres partidos, entendendo improcedente que os populares pretenderan redundar con outros argumentos. Vilaboa facía aspaventos e levaba as mans á cabeza. A Francisco Veiga faltoulle pouco para poñerse a patalear e facer pucheritos.

O que fixo, en cambio, foi un espantoso ridículo cando, erguéndose el (e os demais socialistas detrás del como patiños detrás da mamá pata), para abandonar o pleno, dirixiu os seus pasos cara á porta e foise poñer xusto detrás da pancarta que portaban os traballadores afectados do servizo de ambulancias. No mesmísimo medio e medio, como se fora un máis, con cara de indignación e cabreo. Buscando a foto. Escenificando a máis descarada demagoxia. Instantes despois, e vendo que Veiga estaba acaparando un protagonismo que non lle correspondía, o sindicalista da CIG Xabier Aboi ocupaba o sitio que o ex-alcalde se fixera. Non sei como fixo: se lle deu un codazo, se o agarrou da camisa ou da orella, pero nun abrir e cerrar de ollos, Veiga pasou de ocupar a primeira liña da protesta a estar detrás da rotunda figura de Aboi. Simplemente patético.

En ausencia do PSOE, María Ramallo tratou de xustificar ante a oposición, en van, que a moción do seu partido era oportuna porque apelaba ao 061 para que “a pesar da crise, garanta o tempo de resposta da ambulancia e para que se teña en conta a Marín na negociación de futuras bases de ambulancias”. Dende detrás da pancarta, Aboi berráballe que “a base xa está, que o que falta é a ambulancia”.

Nin o BNG nin Mar-In deron o brazo a torcer. Pilar Blanco expuxo a “contradición” do PP de Marín que, no pleno de agosto, apoiou a moción a prol do mantemento do servizo as 24 horas. Isabel Martínez volvía apelar a María Ramallo a “unirnos outra vez” en vez de optar por ir por libre cunha moción que lle servía aos populares “para lavar a cara diante do electorado”. A alcaldesa pechou o debate: “queremos ambulancia as 24 horas e seguiremos pelexando, eu dende o punto de vista institucional, a diferenza de vostedes, que queren arrastrarme a outras cousas”. Máis claro, auga, e cada tolo co seu tema.

———————–

POST-DATA (18 / 09 / 2011): Copio (e pego) do Foro Marinenses o comentario anotado por Votante, sobre o pleno deste mes de setembro.

“É totalmente lexítima a loita para non perder o servizo de ambulancias en Marín. Sin duda foi un duro golpe para María Ramallo que a Xunta de Galicia lle faga isto a un pobo que lle dou a maioría absoluta ó PP. O que resulta patético e a forma que elixen algúns para amosar o seu descontento. No último pleno, Fran Veiga, en canto veu as cámaras dos periodistas, levantouse do seu escaño para poñerse detrás da pancarta que os da CIG tiñan á porta da sala. Xabier Aboy dáballe codazos para votalo de alí porque non quería que lle estropeara a foto, e o outro que non se apartaba nin con agua quente.

Entre o público estaba a nai de Fran a berro limpo contra a alcaldesa: “Ladrona, que lle roubache o posto ó meu fillo”.
Seica a nai do exalcalde ameaza agora con acudir a tódolos plenos para reclamar o que a ela lle parece a cousa mais natural do mundo: que o seu fillo ocupe o trono. Esta señora, a pesar de ter un fillo socialista, non debe saber o que son as urnas.

Así están as cousas. Se María Ramallo dimite ¿que nos queda? ¿a nai de Fran ou Pilar Recamán? Fagan as súas apostas.

O peor é que Marín quedou sin servizo nocturno de ambulancias por culpa dos recortes que se están a dar en toda España: PP, PSOE ou calquera outro que goberne. Iso é inamovible por moito que protestemos e patexemos os marinenses, a alcaldesa ou Xabier Aboy”.


Responses

  1. Moitas grazas unha vez mais polas túas crónicas dos plenos. Sempre acertadas.

    • Dámosche a benvida novamente por estes lares. Aquí seguimos, inasequibles ao desalento.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: