Publicado por: MontePituco | 12/09/2011

PLENO DE SETEMBRO (I): BEIRARRÚAS DE SAN XULIÁN

O pasado venres, a poucas horas de celebrarse o pleno ordinario da Corporación, a Deputación de Pontevedra daba a coñecer, nun escueto comunicado, que se adxudicaban as obras de dotación de beirarrúas en San Xulián, no tramo entre o cruce coa barriada de San Pedro e o cruce coa subida ao lago de Castiñeiras.

A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobaba a adxudicación dos traballos, que tamén contemplan o ensanche e a mellora da estrada Figueirido-Marín, á empresa Sercoysa, por un importe de 642.382,05 euros. Ao concurso presentáranse 16 empresas e a obra tiña un tipo de licitación de 761.754,18 euros. Outorgándolle o proxecto a Sercoysa, a Deputación calcula que obtén unha baixa do 15,67% sobre o orzamento. A isto cabe sumar as melloras ofertadas pola empresa, valoradas en 67.382,37 euros, e o compromiso de Sercoysa de rematar os traballos nun prazo de sete meses.

Efectivamente, tal e como estaba anunciado, as “faenas” comezaron hoxe; se ben, as únicas mostras visibles plásmanse na instalación de indicadores verticais de obra e na sinalización horizontal amarela pintada no asfalto. Tempo ao tempo; se as previsións se cumpren, ata a primavera de 2012 os veciños e veciñas de San Xulián non poderemos transitar comodamente polas beirarrúas, sen temor a que o fitipaldi de turno nos leve por diante.

Por suposto, no pleno municipal -bronco, como cabía esperar- saíu a colación o tema, en boca do concelleiro nacionalista Xosé María Vilaboa, e dos socialistas Francisco Veiga e Manuel Pazos, que aproveitaron o apartado de rogos e preguntas, xa na recta final da sesión, cando máis interminable e tediosa se volve, para enredar cun proxecto que leva cinco anos en formol, intentando non apodrecer nos caixóns dos sucesivos despachos.

Recoñecía Vilaboa que dende o seu inicio, en 2006, o expediente das beirarrúas de San Xulián volvérase “longo”. Empeza entón a tirar de datas: que en maio de 2008 producírase un acordo para poñer os terreos a disposición, que a Xunta de Goberno da Deputación requerira o Concello para que formalizara ese trámite, sen o cal o organismo provincial non procedía a iniciar as obras… En decembro dese mesmo ano o proxecto estaba pendente de adxudicación e seguía faltando o certificado de dispoñibilidade dos terreos. Pasaron dous anos e pico e ata febreiro de 2011 a alcaldía que presidía Francisco Veiga na lexislatura pasada non expresa a súa vontade de ceder os terreos necesarios, se ben parece ser -ou esa foi a queixa de Vilaboa- que non se obtivo resposta por parte da Deputación.

O ex-concelleiro de Urbanismo vén cuestionar agora que o proxecto recén aprobado adolece de varias deficiencias burocráticas, como que non hai acordo plenario para a cesión dos terreos de titularidade municipal, nin consta certificado de cesión dos terreos por parte dos propietarios particulares. Vilaboa arremete contra o Goberno local acusando o PP de “utilizar as administracións, desgastar o goberno local anterior, e perxudicar os veciños de San Xulián” coa dilación do proxecto, argumentando que “agora adxudícanse as obras sen certificado dos terreos públicos e privados”, e que antano a Deputación pedía un certificado de cesión que agora non lle require ao equipo de goberno actual.

Comeza a contestarlle María Ramallo coa súa retórica habitual, comentando que non é o Goberno anterior de Francisco Veiga, senón o precedente, de Francisco Antonio Santiago, o que iniciara o convenio coa Deputación, algo co que nacionalistas e socialistas non parecen estar moi de acordo. (Pataca menuda, parafraseando a Caneda; o caso é colgárense a medalla, aínda que sexa de latón). A alcaldesa porfía asegurando que o convenio asinado non se axustaba ao proxecto e que a Deputación saía perdendo no acordo porque asumía a restitución de muros e cerres que nalgúns casos non existían con anterioridade, polo que orzamento non cubría os gastos xerados polas devanditas reposicións. Así foi que o organismo provincial decidiu engadir uns 60.000 euros das súas arcas para completar o que faltaba.

“En catro anos non avanzou a obra e agora estráñalle que avance”, chimpoulle María Ramallo a Vilaboa, ao que engadiu que, por riba de demorarse cinco anos, a empresa susceptible de acometer os traballos mantiña a mesma oferta económica. Por desgraza, a partir de aí non se entende máis nada do diálogo de ollomoles que xorde, porque a única réplica de Vilaboa consiste en erguer o seu vozarrón ata o extremo de solapar completamente a voz de María Ramallo, que malamente acaba a súa intervención dicindo: “Como non me deixa falar, explicareillo por escrito”. (Pódese tolerar semellante falta de respecto á cidadanía que asiste paciente e devotamente aos plenos, agardando enterarse de algo, para que por culpa da mala educación dun político ou políticos, as explicacións oportunas que procede dar en sede plenaria, acaben plasmadas nun folio que ninguén vai poder ler?).

Retoma o debate o ex-alcalde para preguntar “se houbo algún cambio obxectivo” entre o que o seu equipo de goberno deixara feito e o que fixo o actual, como para poder obter luz verde ao proxecto por parte da Deputación para o inicio das obras. Francisco Veiga parece manexar información de primeira man cando insinúa ante María Ramallo que as obras non poderían comezar habendo algún veciño reticente a ceder o seu terreo, e cuestionando que se poidan acometer os traballos non habendo o 100% dos afectados a favor. (Acaso alguén nas filas do PSOE ten interese en favorecer a discordia para que a dotación das beirarrúas dea no traste polo feito de executarse fóra do seu mandato?).

“Retomei o expedente como estaba”, insiste María Ramallo, que recoñece que hai dous casos que en principio non dan facilidades, pero cos que “quedouse en volver para a semana” co obxectivo de revisar e estudar as súas respectivas situacións. A alcaldesa incide en que na reunión celebrada a semana pasada na Casa de Montes de San Xulián, os veciños e veciñas desa parte da parroquia pedíronlle que “por favor, comece a obra”.

E para seguir enredando máis na madexa, Vilaboa volve esbardallar e a interromper a intervención da alcaldesa, ao que esta acaba por reprocharlle a “mala xestión” do anterior goberno local, botándolle en cara ser “o único en toda a provincia” incapaz de materializar un proxecto destas características en semellante prazo de tempo. E as míticas palabras que, despois de tres plenos, vanse acuñando xa como frase estrela de María Ramallo cada vez que quere dar por rematado un deses estériles debates cos que nos abouxan: “…Comprendo que a vostedes non lles guste!”.

Lonxe de rematar, aínda faltaba a guinda do pastel, na mente preclara do antigo edil de parques e xardíns. Ese que sostén que, con pendentes de máis do 30 e do 40% (así consta no informe topográfico), o Monte Pituco é o lugar máis chan de todo Marín para acoller un polígono industrial. Esa lumbrera política, que se debe crer doutorada por universidades de tanto postín como Harvard e Massachusetts, e que ousa sementar sombras de ilegalidade administrativa como quen bebe un vaso de auga. Non contento coa frase estrela de María Ramallo, Pazos Lamoso tivo máis que dicir sobre o traído e levado asunto das beirarrúas, calificando a tramitación do proxecto, por parte da Deputación, como un “acto caciquil” que, por riba “rozaba a prevaricación”. (Al lorito!).

Na súa resposta, María Ramallo pasoulle por alto o do “acto caciquil”, como apelando ao refrán segundo o cal non hai maior desprezo que non dar aprezo. E case llo agradecemos, porque probablemente Pazos Lamoso pretendera botarlle á alcaldesa un trapo ao que ela non lle quixo entrar. Sendo as horas intempestivas que eran, raiando as 10 da noite, debería estar penado pola lei plantexar cuestións de certo calado que, pola súa propia inconsistencia, non teñen ningún sentido e son unha perda de tempo colectiva. Pero no que máis contundente estivo María Ramallo foi na contestación á acusación de presunta prevaricación: “Non me vexo encadrada nese parámetro delictivo”, espetoulle a rexedora local, que censurou o concelleiro socialista por utilizar “palabras grosas e graves para chamar a atención e sen ter probas”.

E con este mal sabor de boca rematou o pleno que, excepcionalmente, comezamos resumindo polo final, para retomalo, en próximos artigos, polo principio. Seguirá coleando o asunto das beirarrúas nos despachos do BNG e do PSOE, buscándolle os tres, os cinco ou os sete pés ao gato? Que haberá de certo nas acusacións contra a Deputación de favorecer a posta en marcha das obras cun goberno local amigo mentres aos seus antecesores no Concello lles daba largas? Á vista do debate, que cada quen saque as súas propias conclusións.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: