
Hai tempo que os veciños de Caeiro, propietarios de billas de auga para consumo doméstico e de regadío, se constituiron nunha comunidade de propietarios para regularizar o aproveitamento do manancial de Fontenla que, dende tempo inmemorial, vén surtindo a estas familias. E como eles, os habitantes doutras zonas do rural suponse que tamén tiveron que adaptarse ao novo requerimento administrativo, que probablemente viñera impulsado dende a etapa do bipartito. Cando nos preguntabamos cal era a finalidade deste cambio, a resposta xa se intuía, pero foi a finais do pasado ano, con motivo da tramitación dunha nova Lei de Augas de Galicia, cando se confirmaron as sospeitas: o establecemento dun canon, dun imposto económico, sobre o consumo de auga, que pasa a considerarse un ben común, e cada vez máis prezado, por escaso.
E quen teclea estas liñas afirma, con todas as consecuencias, que asume moi gustosamente o pago dese canon, con tal de seguir conservando ese líquido elemento que, dende toda a vida, procede dese acuífero “herdado” dos devanceiros. Un manancial excavado e canalizado coa suor de homes e mulleres que non turraron incansables para que veñan agora catro políticos de pacotilla, e outros tantos lambebotas, a arrebatarnos un ben tan valioso. Coas obras da Variante de Marín e as cargas de dinamita que reventaron as entranas da terra, os veciños estivemos co corazón nun puño, pregando para que a auga non escorregara por unha veta que puidera romper por culpa das detonacións. E volvemos estar en pé de guerra para que non prospere de ningunha maneira o proxecto do Goberno local de Marín de instalarnos un polígono industrial aí onde están os nosos mananciais, os nosos depósitos e as nosas fontes.
Por iso as charlas -e seica van cinco ou seis- que, sobre a Lei de Augas, están dando nas parroquias do rural a concelleira de Medio Ambiente, Pilar Blanco, e o concelleiro de Urbanismo, Xosé María Vilaboa, son un insulto á intelixencia. En poucas palabras: FALSIDADE, HIPOCRESÍA, DEMAGOXIA, OPORTUNISMO, MANIPULACIÓN, ELECTORALISMO E PROPAGANDA. Porque hai que ter pouca vergoña para amosarse publicamente como os defensores de algo que eles mesmos están polo labor de destruir. E hai que ter unha ‘gheta’ de cemento armado para ir, cana en ristre, pescando as vontades da veciñanza, cabreada, con toda a razón do mundo, porque dentro duns meses van ter que pagar unha taxa máis pola auga que gastan e outra polos verquidos que producen. E por riba, con recochineo: “…Porque vós, cando queredes, tedes moita forza”, dicía Pilar Blanco ao final da xuntanza, cun medio sorriso, que mesmo parecera que só lle faltase levantar un cacho de saia e enseñar cacha para convencer o persoal de que ten que presentar alegacións particulares contra esa Lei.
…NON COA MIÑA FIRMA! Porque a Lei de Augas abofé que é inxusta, unha excusa máis para seguir exprimindo os contribuintes. Pero ninguén, sexa do partido que sexa, me vai vir convencer a estas alturas de que patalee, cando o tempo das pataletas pasou sen que ningún grupo, nin parlamentario nin municipal, nin do BNG nin do PSOE, viñera polas parroquias advertindo que nos iamos ter que apretar o cinto para aboar canon ningún. Agora, cando faltan tres meses para as eleccións municipais, o BNG ten na Lei de Augas un filón para malmeter, para retorcer e para ensarillar: así o estivo facendo en Marín, en nome do Concello no que goberna, e así se está a facer tamén noutras localidades como a de Cotobade, polas parroquias de Vilanova, Correira, Almofrei e Viascón.
Porque o primeiro que di Xosé María Vilaboa, con esa ceremoniosidade requintada que gasta, é que “curiosamente”, o pago do canon se vai facer efectivo despois das eleccións municipais. Pero tranquilos, vén dicir o concelleiro salvador, que aquí estamos nós para darvos a fórmula máxica que vos vai eximir milagreiramente de apoquinar. Entón é cando empezan unha retahíla de argumentos interpretados de forma arbitraria para persuadir a xente do que ten que facer. E a pouco máis, só lles falta dicir que o PP é o demo con rabo, cornos e tridente, que nin por todo o ouro do mundo se lle ocorra a ninguén darlle un só voto, que tan ruíns son que nos van facer pagar por beber, por comer, por asearnos, por regar catro leitugas, por fregar catro cacharros, por limpar a casa e lavar a roupa e, se nos descoidamos, pola chuvia que nos molle.
Os concelleiros do BNG recoñecen que a Lei de Augas de Galicia, publicada no DOG o 18 de novembro de 2010, estivo un mes a exposición pública. Nese tempo, segundo Pilar Blanco, o BNG presentou unha enmenda á totalidade. Ante a pregunta “onde estaba daquela a Concellería de Medio Ambiente, que non lles dixo nin mu aos veciños e veciñas?” (e que foi recibida con aplausos do público, dito sexa de paso) a resposta da concelleira foi que “aínda estamos a tempo, porque así como se aproban leis, tamén se cambian ou, directamente, se derogan”. Vilaboa encaixou a pregunta bastante peor e só lle faltou dicir que a ‘menda-lerenda’ ía defendendo uns “intereses” e, a pouco menos, a enviaban as hordas maléficas do PP para reventarlle a asemblea veciñal. Total, que para Pilar Blanco a política é un cachondeo: facer, desfacer, atar, desatar. E para Vilaboa, se non estás con el, estás contra el, e se non vas para rirlle as grazas e dicirlle ‘si, bwana’, mellor non vaias.
Na charla des-informativa sobre a Lei de Augas que convoca a Concellería de Medio Ambiente e na que Pilar Blanco se adica a facer publicidade do seu partido, a concelleira desmenuza a normativa en 14 preguntas que, a grosso modo veñen sendo:
1. Quen aproba a Lei de Augas? Resposta: “o PP en solitario é o impulsor desta lei”.
…Claro, porque para iso ten maioría absoluta no Parlamento de Galicia.
2. A quen afecta? Resposta: “a todos sen excepción”.
…Maiormente, por un detalliño denominado principio de constitucionalidade.
3. Cal é o obxectivo da lei? Resposta: aumentar a capacidade recadadora cun canon de auga e outro de verquidos. Pilar Blanco asegura que a Xunta vai pasar a obter 68 millóns de euros fronte aos 33 que recibía ata o momento. E sementa unha dúbida perversa: “Non temos control de a onde van os cartos dos nosos impostos”.
…Aínda coincidindo en que a lei se puido crear para facer caixa, non son de recibo esas insinuacións sobre a xestión dos cartos públicos, máxime vindo dun Goberno local que dende 2008 non aproba un orzamento municipal en condicións e que, ano a ano, teno en stand-by, durmindo o sono dos xustos.
4. Por que non incentiva o consumo responsable? Resposta: Todos imos ter que pagar, consumamos auga ou non, por tanto, a lei “castiga a quen non consuma”.
…Tooooma demagoxiaaaa…
5. A quen se lle vai aplicar? Resposta: a traídas comunitarias, pozos, manantiais, usuarios da traída municipal.
…Cae de caixón: se todos, sen excepción, se nos aplica a lei, será porque temos acceso a auga potable, cousa necesaria nun país desenvolvido coma este a estas alturas do século XXI.
6. Que se paga agora? Resposta: pagan a cuota de saneamento os que teñen traída municipal.
…Pilar Blanco cóidase ben de aclarar que, aínda que no recibo figure o Concello de Marín, este só se limita a cobrar, eludindo toda responsabilidade, para que o contribuínte teña claro que a responsabilidade primeira e última é da Xunta.
7. Que é o canon da auga? Resposta: a suma dunha cuota fixa e unha cuota variable, en resume, segundo Pilar Blanco, “castígase o consumo”.
…Pero non se castigaba a quen non consumía? En que quedamos?
8. Canto se vai pagar? Resposta: a partir dunha táboa clasificatoria que figura no texto da propia lei, Pilar Blanco conclúe que “é bastante fácil pasarse”.
…Natural, postos a castigar, que se castigue a fondo.
9. Como se aplicará a lei? Resposta: Tense que aprobar un regulamento para que as entidades subministradoras, Concellos e comunidades de augas, poidan facturar. Pilar Blanco incide en que estas últimas terán que “buscarse a vida para administrarse”.
…A constitución das comunidades de augas xa viña de antes. O importante, dadas as circunstancias e, nunca mellor dito, é ‘non afogar nun vaso de auga’. (Nótese a sutileza do ‘chiste’).
10. Como se mide o consumo de auga? Resposta: “Ninguén se vai librar de pagar”. Os métodos para calcular a cantidade serán mediante estimación directa polo que marque o contador homologado que instale o usuario ou, no seu defecto, unha estimación obxectiva.
…Visión apocalíptica onde as haxa…
11. Haberá bonificacións? Resposta: para familias numerosas, comunidades legalmente constituídas…
…Por este capítulo pasan rápido, non sexa que ao final a cousa non pinte tan mal como aparentaba.
12. (Desculpade que obvie este apartado, pero xa non había quen aturara aquel rollo, con toda a xente metida nunha saliña pequena, coma sardiñas en lata, e cunha calor abafante…).
13. Cando entra en vigor? Resposta: Xa está en vigor.
…Os concelleiros pretendían enfatizar que, coa poeira de dúbidas que se estaba levantando, o PP intentaba minimizar a situación. Cando a realidade é que a lei lexa xa tres meses publicada.
14. Que podemos facer? Resposta: Que non cunda o pánico, porque o Concello vai acudir ao rescate da poboación atemorizada e indefensa, pedindo a retirada da Lei mediante un acordo plenario e presentando unha alegación, cousa que tamén se lle pide á cidadanía que faga mediante a sinatura de alegacións a título individual.
…E alá foron un feixe de veciños, a polo papel de marras, malia que algúns dicían abertamente que o discurso do Bloque dáballes exactamente igual pero que, sendo estrictamente prácticos, por plantarlle un garabato non perdían nada.
E tanto criticaban Blanco e Vilaboa que o PP “non daba a cara”, que o propio director de Augas de Galicia vai vir a Marín, mangueira de extinción de incendios en ristre, para aplacar os fumes do BNG. Gastará moita auga? Aplicaralle o canon con efecto retroactivo? Acabarán os concelleiros mollados coma pitos ou enfundaranse un chuvasqueiro?



[…] Xuntanza pola Lei de augas LEI DE AUGAS (III): NON COA MIÑA SINATURA […]
By: Xuntanza pola Lei de augas « Polígono na Brea non on 10/02/2011
at 10:41
[…] LEI DE AUGAS (III): NON COA MIÑA SINATURA […]
By: O canon da Lei de Augas « Polígono na Brea non on 10/02/2011
at 10:44
Este artigo que escribiche é perfecto.
Tomeime a libertade de incluilo na seguinte entrada do meu blog
http://breaseixo.wordpress.com/2011/01/26/o-canon-da-lei-de-augas/
Espero que non che moleste.
saúdos
By: breaseixo on 10/02/2011
at 10:51
…Por suposto que non molesta. Ao contrario, grazas por difundilo. Un saúdo.
By: MontePituco on 10/02/2011
at 12:04
Como te dixen varias veces, estás facendo un traballo fora de serie.
Apertas
By: Lago on 10/02/2011
at 16:05
Moitas grazas, Lago. Volve por acó e comenta cando queiras, ti que tamén terás a túa propia opinión. Cantas máis expresións se recollan deste e doutros temas, máis e mellores conclusións poderemos obter. Saúde!
By: MontePituco on 10/02/2011
at 20:57