Publicado por: MontePituco | 10/01/2011

ANALIZANDO O CONCEPTO DE REPRESIÓN

 

O Valedor do Pobo está contestando con dilixencia ás queixas presentadas por DEFENDE O MONTE PITUCO e por veciños e veciñas particulares afectados e molestos pola actitude do alcalde de Marín ao negarse sistematicamente a recibir a unha delegación desta asociación e do colectivo que impulsa o proxecto de creación do ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS. Unha actitude antidemocrática e intransixente por parte dun cargo público que recoñece ante o Pleno da Corporación Municipal que non ten nada máis que dicir do que xa sabemos que opina. Como se unha xuntanza con Francisco Veiga consistira unicamente en asistir ao seu monólogo estelar no que a outra parte non puidera facer ningunha aportación máis que escoitar con sumisión e coa boca pechada. Como se Francisco Veiga non tivera a obriga institucional de escoitar os seus interlocutores aínda que lle vaian expoñer ideas coas que non está de acordo. Por iso o Valedor do Pobo admite a trámite estas protestas e comprométese a intervir neste caso que DEFENDE O MONTE PITUCO califica de desprezo, discriminación, desprotección, desamparo e desgoberno por parte de Francisco Veiga.

Un rexedor municipal que pechou o ano asistindo á homenaxe que a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica e Democrática de Marín lle tributa cada 31 de decembro a un grupo de vítimas do réxime franquista: Albino Agraso Santamaría, Amando Iglesias Pérez, Demetrio Lorenzo Ordóñez, Santiago Ramos Ramos, Bernardino de la Torre Fernández e Antonio Blanco Solla, alcalde de Marín no fatídico ano de 1936. Para valorar a intervención reivindicativa do historiador Carlos Velasco e as palabras emotivas do artista Antón Sobral, ámbolos dous brillantes e atinados, están as hemerotecas.

No que cómpre centrarse é no discurso hipócrita e artificial de Francisco Veiga, que practica de obra eso que rexeita de palabra: a represión. Moito parafrasear as verbas dos seus predecesores neste acto, con fondas e graves alusións á memoria, a canto lles debemos a quen pagaron coa súa vida o prezo da liberdade. Moito gabar un labor encomiable de lembranza e recoñecemento, comparable a un antídoto contra o Alzheimer que invade a sociedade ante este tipo de episodios reprobables do noso pasado recente.

Mais, salvando as lóxicas distancias, este alcalde de Marín -e os seus escudeiros no Goberno local- non pode arrebolar a bandeira da dignidade e da tolerancia porque en fronte ten un colectivo de veciños e veciñas aos que boicotea, censura, reproba e amordaza unilateralmente. Velaí o exercicio activo da represión por parte de Francisco Veiga.

En canto aos seus socios do BNG de Marín, que tampouco faltaron a este acto, bandeira e pancarta en ristre, nun xesto impropio de acaparar un protagonismo que non lles correspondía, son outro exemplo de represión activa no seo do seu propio partido. Basta lembrar as purgas fulminantes que deron coa expulsión inmediata e irreversible de destacados militantes nacionalistas marinenses, polo mero feito de discrepar, de disentir ideoloxicamente cun guión imposto dende unha cúpula opresora.

Nesta homenaxe, o pintor e poeta Antón Sobral falou do científico Eric Kandel, galardoado co Premio Nobel no ano 2000 polos seus estudos sobre os mecanismos cerebrais vencellados aos procesos de aprendizaxe e memoria. Dicía Kandel:

“Unha das características fundamentais da memoria é que se constitúe por etapas. A memoria de curto prazo dura uns minutos, mentres que a memoria de longo prazo pode durar moitos días e periodos aínda máis longos. Os experimentos sobre o comportamento suxiren que hai unha transformación gradual da memoria de curto prazo e que, ademais, esa transformación acádase mediante a repetición. A práctica implica perfección” (Eric R. Kandel, 2007).

…Pois ben, que sigan os gobernantes municipais alimentando as súas fobias, practicando ese egocentrismo que os caracteriza, esquecendo de onde veñen para actuar como divos incuestionables, que xa virán outros para baixalos da parra na que se empoleiraron e poñelos ao nivel do resto da cidadanía á que, en teoría, deberían servir.


Responses

  1. Dende a formación musical Samaín, non querendo ser menos que os demáis, desexámoslle un Feliz aninovo 2011 e asímesmo, agradecémoslle o traballo realizado neste blog en relación ó municipio de Marín.
    Tamén nos gustaría ter unhas palabras de agradecemento para a Casa de Cultura de Seixo, en especial para o señor Vilas.

    Para finalizar, déixovos un video dunha versión nosa de Black Sabbath. A canción chámase Iron Man (“Home de ferro”).

    Espero que vos guste.
    Unha aperta.

    • Moitas grazas, amigos de Samaín. Dá gusto ver e escoitar o que progresastes neste tempo. Agardamos ter ocasión pronto de facervos unha visita na Casa da Cultura de Seixo. É unha mágoa que, sendo algún de vós de San Xulián, a Comunidade de Montes non vos dea permiso para ensaiar no que lle chaman “Casa da Cultura”. Para os que mandan nela debe ser a “casa dos amigos”, porque ese veto que teñen sobre vós é incomprensible e inxustificable.
      Viva a música, viva o talento e viva a xente de Marín e de San Xulián con sensibilidade polo medio ambiente e con interese por conservar o noso monte.
      Unha aperta e adiante neste 2011.


Deixa unha resposta a MontePituco Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: