Publicado por: MontePituco | 10/11/2010

VEIGA TRABÚCASE DE MONTE

“…Están a utilizar espazos forestais protexidos cando lles vén en gana e saltándose as tramitacións na lexislación vixente”.

“Vaise destrozar outro espazo natural no que modificaron a calificación do solo para facer o que queiran”.

“Deixaremos aos nosos fillos e netos unha sociedade peor” (…) “tomando decisións pola parte de atrás, facendo unha lei de acompañamento aos orzamentos da comunidade para facer esta estrutura nun terreo forestal, saltándose os concellos e os intereses xerais da cidadanía”.

Con estas palabras, o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, expresaba a súa preocupación pola posible destrucción do patrimonio forestal das parroquias de Marcón e San Cibrán debido ao proxecto da Consellería de Sanidade de construir un novo hospital en Monte Carrasco. Un “cirio” no que tamén está enfrascado o alcalde de Marín, nunha nova fronte común do BNG e do PSOE contra o Goberno da Xunta.

Aproveitando o ambiente sanitario do que se rodea ultimamente e estando flanqueado por dous profesionais da Medicina como Fernández Lores e o voceiro da Plataforma pola Sanidade Pública, Manuel Martín, non estaría de máis que Francisco Veiga se fixera un chequeo a fondo e urxente da materia gris, da capacidade política que gasta e dos principios polos que se rexe, porque de todo iso anda bastante-bastante escaso. Por desgraza, non hai inxección milagreira de vitaminas nin reconstituinte enerxético potente abondo para corrixir as súas deficiencias crónicas e galopantes. Noutras palabras: de onde non hai, non se pode sacar.

Ten graza que mentres Fernández Lores proclama unha acérrima defensa do monte veciñal das parroquias do rural pontevedrés (algo totalmente lexítimo e encomiable, no exercicio do seu cargo), ao seu carón, o alcalde de Marín permaneza impasible, co rictus de cartón pedra. Nas fotos en color dos xornais nin sequera se aprecia que se ruborice, do cínico que é e da pouca vergoña que ten. Veiga asinte e suscribe os argumentos do alcalde de Pontevedra a prol a protección de Monte Carrasco, pero o Monte Pituco dálle literalmente polo saco, falando en prata.

…Que Marín precisa un polígono industrial? Non hai problema, velaí está o Monte Pituco a tiro de pedra do porto. Que o espazo conta con protección ambiental de rango autonómico? Non pasa nada, fáiselle unha petición á Xunta para que o desafecte. Que está inzado de gravados prehistóricos? Que máis dá, se Marín xa ten abondo cos petroglifos de Mogor. E así un sinfín de vaguedades e excusas noxentas que lle pasarán pola cabeza, demostrando a súa atrevida incultura. Demostrando que practica, precisamente, todo iso que critica o seu homólogo de Pontevedra. E aí está cóbado con cóbado con el, para que as cámaras o retraten ben retratado.

A Veiga resbálalle a sanidade pública: exerce unha dobre moral cando esixe que na área sanitaria de referencia para Marín se aproveiten os investimentos públicos realizados antano para mellorar o actual hospital, mentres que, ante a demanda para que se constrúa un centro de saúde na vila, o caso é mirar para outro lado con tal de que a Consellería de Sanidade apoquine, veña a financiación de onde veña: do erario público, do privado, dos fondos reservados, do calcetín agochado no colchón ou de debaixo da viga.

Non lle imos reprochar máis ao alcalde de Marín a súa falta de diplomacia co homólogo de Pontevedra polas sonadas polémicas a respecto do reparto dos cargos de representación no Consello da Autoridade Portuaria, ou dos lindes entre as dúas localidades, con “performance” de Francisco Veiga incluida, rodillo de pintura en ristre. Pero non lle podemos consentir que nos aldraxe aos veciños do Monte Pituco con agravios comparativos tan sangrantes: se quere rivalizar con Fernández Lores na defensa do Monte Carrasco, que lle dispute a Antón Louro a candidatura socialista ao goberno local de Pontevedra.

…Nunca tal se viu, semellante RENEGADO de Marín. Francisco Veiga, INIMIGO do Monte Pituco (Pornedo).


Responses

  1. […] VEIGA TRABÚCASE DE MONTE […]


Deixa unha resposta a Pleno de novembro 2010. Pufos e trolas « Polígono na Brea non Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: