
Tempo de verán. Actividades de lecer. Aire libre. Natureza. Imaxinación ao poder. Hai pouco asistiamos a un roteiro de estrelas -obviamente, en horario nocturno- en Cabo Udra, organizado polo Concello de Pontevedra. Máxico. Ameno. Diferente. Desta volta, tamén tralo solpor, a cita foi na Área Arqueolóxica de Tourón, en Ponte Caldelas, con motivo da I Festa de Exaltación da Arte Rupestre. Divertido. Instrutivo. En ambos casos, sabedoría que alimenta o espírito.
O investigador Xosé Lois Vilar, do Instituto de Estudos Miñoranos, foi o mestre de cerimonias dunha visita a un espazo espectacular pola riqueza dos seus petróglifos. Lamentablemente, o terreo foi pasto das lapas na dramática vaga de lumes de 2006, pero por sorte as pedras conservan os gravados que nos deixaron -hai 3000 ou 2000 anos- os antigos poboadores da zona. Existe un plan de reforestación e ordenación do monte que, co paso do tempo, ha de converter este parque nun recuncho fermoso e acolledor.
A carón dun pequeno Centro de Interpretación está xa a primeira aproximación á Historia. No Outeiro da Forcadela, sobre unha pedra horizontal, unha abstracción: dous círculos concéntricos con puntos. Querían trascender no tempo con esta expresión artística de misterioso significado.

O Coto das Sombriñas revela outra serie de figuras de gran valor: a caza, os cervos, a dominación do home sobre os animais. E chegamos á Laxe das Cruces ante un mural pétreo inzado de trazos. É o antecedente do “horror vacui”. Máis cervos de gran cornamenta. Formas “vaciadas”, esculpidas e pulidas por mans laboriosas e comunicadoras. Máis círculos concéntricos. Aparecen as espirais. Velaquí o rastro indeleble do noso Pasado.


Baixo a protección da Vía Láctea e alguna estrela fugaz que se desprende do ceo, guiamos os pasos ata o extremo máis lonxano do Parque: o Nabal de Martiño, onde unha vez máis atopamos unha sucesión de esceas para ser vistas, un eterno panel explicativo sobre o modo de vida, as aventuras e desventuras destes xenerosos devanceiros, que nos deixaron unha herdanza de valor incalculable.

Está ao alcance de calquera, actuando con respecto pola súa conservación. Hai milleiros de petróglifos, de mámoas e doutros elementos que conforman o noso patrimonio arqueolóxico. En Tourón, en Castrolandín, en Campo Lameiro, na Serra da Groba, no Galiñeiro… Tamén nos montes de San Xulián, Lourizán, Salcedo, Vilaboa. Non hai soños imposibles. Só a pasividade fai imposibles os soños.



Ola,
A proxima vez si te enteras dunha destas saidas nocturnas, roteiros etc. O podes anunciar para apuntarnos.
Non tiñamos nin idea destes dous ultimos.
Saudos e noraboa polo blog ¡
By: Castro on 20/07/2010
at 06:39
Grazas pola visita ao blog. Tamén nos podes seguir a través de Facebook, se tes perfil propio.
Este espazo está destinado fundamentalmente para dar a coñecer o espazo do Monte Pornedo (topónimo tradicional), tamén coñecido como Monte Pituco: expresamos o noso rexeitamento á súa destrucción para convertelo nun polígono industrial. Temos moitos argumentos: a inadecuación do terreo para semellante infraestrutura, a riqueza do seu patrimonio natural e cultural: mámoas, petroglifos… A xente descoñece todos estes valores e a quen lle corresponde difundilos non lle interesa, por motivos económicos e políticos, para acadar beneficio polo arrasamento do monte.
Mais non nos centramos unicamente na nosa problemática. Tamén apostamos por solidarizarnos con outros espazos ameazados, por dar a coñecer iniciativas louvables a prol da protección do medio ambiente, da cultura e do patrimonio, e por contribuir na medida das nosas posibilidades a informar e inculcar sensibilidade por estas cuestións. Agradecemos as visitas, os comentarios, as suxerencias e tamén as críticas (construtivas, a ser posible).
Un saúdo.
PD: Probablemente o teu email de referencia non sexa verdadeiro. En calquera caso, sen que ese dato importe máis ou menos, has de saber que o comentario entrou como spam. Para que o teñas en conta se queres volver comentar calquera outro artigo.
By: MontePituco on 20/07/2010
at 11:43
[…] A continuación, un artigo sobre o parque arqueolóxico de Tourón publicado neste blogue o pasado verán: VISITA NOCTURNA AOS PETROGLIFOS DE TOURÓN. […]
By: XORNADAS DE ARTE RUPESTRE + TURISMO (II) « DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 22/10/2010
at 12:46
[…] VISITA NOCTURNA AOS PETROGLIFOS DE TOURÓN […]
By: II FESTA DA ARTE RUPESTRE EN PONTE CALDELAS « DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 13/07/2011
at 18:16
[…] obrigada é ao parque arqueolóxico de Tourón, do que se tratou neste blogue en artigos como “Visita nocturna aos petroglifos de Tourón” e “Visita multitudinaria aos petroglifos de […]
By: ESTE SÁBADO, VISITA AO PETROGLIFO DE MONTE DE CUÑAS, EN PONTECALDELAS | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 29/08/2013
at 17:45
[…] obrigada é ao parque arqueolóxico de Tourón, do que se tratou neste blogue en artigos como “Visita nocturna aos petroglifos de Tourón” e “Visita multitudinaria aos petroglifos de […]
By: ESTE SÁBADO, VISITA AO PETROGLIFO DA PEDRA DO CERVO, EN PONTECALDELAS | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 29/08/2013
at 17:51
[…] -Visita nocturna aos petroglifos de Tourón (xullo 2010) […]
By: A PEDRA DO CERVO E O PARQUE ARQUEOLÓXICO DE TOURÓN | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 07/09/2014
at 19:42