Son todos os que están pero non están todos os que son. Aos directivos da Comunidade de Montes de San Xulián, nos referimos. Dirán: “É que lles tocaba traballar ese día…”. Mais todos temos obrigas laborais, e ben que nos movemos para poder estar onde corresponde. Pero claro: traballador municipal e simpatizante nacionalista. Mal binomio cando se trata de protestar ante o Concello que lle dá de comer. Non interesa lucir o pelo nesa tesitura. Que o luzan outros por el. Por delegación.
Durou unha hora a concentración-paseo. E cando estaban pregando as pancartas, preguntáballe un axente local a outro da Policía Nacional: “Ides facer minuta?”. A resposta foi inaudible, ou non existiu. O certo, en todo caso, é que a mobilización convocada pola Comunidade de Montes raia por momentos na a-legalidade: un pouco máis aló da delgada liña entre o ben e o mal, dende o punto de vista administrativo, e as sancións caerán seguro. Co doado que é deixar actuar a xustiza, por moita pacencia que requira seguir esa vía. Pero xa o dicía a persoa que deu a voz de alarma, aínda parecendo un caso evidente de usurpación dunha parcela de monte veciñal: “A Comunidade de Montes foi ao barato, ao económico”.
…E o barato sae caro, cae de caixón. Podendo demostrar dende o principio a titularidade comunal do terreo en conflicto, con documentos, informes periciais e testemuños dos propios comuneiros, a xunta rectora optou por unha vía errada que vai requerir máis tempo, máis gasto e máis des-gaste. Unha CHA-PU-ZA, da que nas asembleas dan explicacións a medias, intentando xustificar a súa incompetencia con máis confusión, con máis manipulación…












Deixar un comentario