
Salto por enriba
do lume de San Xoán
pra que non me trabe
nin cobra nin can…
E prenderemos a cacharela, mollaremos o pan co prebe da sardiña, saltaremos as lapas unha, dúas, seis, nove veces… número máxico, e pediremos un desexo en cada chimpo:
o apoio necesario e incondicional da veciñanza,
a pericia para rabuñar en todas as portas posibles,
pacencia para sobrelevar as couces da oposición interesada e simple,
ilusión, tempo e recursos para mobilizarnos,
compromiso para seguir velando polo noso futuro,
unha clase política receptiva ás preocupacións da xente e con proxectos razoables,
uns xestores do monte honrados e responsables co aproveitamento sostible dos recursos forestais,
un patrimonio natural e arqueolóxico a disposición da sociedade
un Monte Pituco revalorizado, a salvo do formigón, da contaminación, da especulación.



Deixar un comentario