Publicado por: MontePituco | 21/06/2010

O MURO DAS CONCENTRACIÓNS

En Xerusalén existe o Muro das Lamentacións. En San Xulián temos o “muro das concentracións”. Nesta parroquia hai moita afección a concentrarse polos muros, supostamente propios-supostamente alleos. Que llo pregunten ao cura, menudo lío lle montaron hai sete anos, e durante unha boa tempada, cada domingo a carón do adro durante a hora da misa.

Estoutro muro atópase no Monte Pituco, a carón do lugar de Arealonga. É moi probable -non nos cabe a menor dúbida- que a razón desta volta estea do lado dos veciños e dos comuneiros. Pero faltan probas documentais; faltan tamén celeridade e eficacia por parte da Administración local e da Administración de Xustiza. O asunto comezou hai un ano, cando un particular se atribuiu a titularidade dunha parcela que a Comunidade de Veciños reclama como propia. A estas alturas, o particular pretende pechar o terreo e anexalo á súa finca actual. A reacción da Comunidade de Montes foi plantexar un interdicto coa pretensión de paralizar a obra, pero o xulgado dixo que ‘nanai’. E, meta-parafraseando aquel famoso concurso televisivo, “a pleiteaaaaar…!”.

A priori, o primeiro que se nos vén á cabeza é que a resolución do conflicto vai para longo porque ningunha das partes está disposta a ceder. O segundo, que na próxima asemblea anual da Comunidade de Montes o resumo do estado das contas que se lle vai pasar aos comuneiros vai reflectir un abultado gasto en concepto de asesoría legal, rotulación e megafonía. Porque a xunta rectora está demostrando que vai tirar a casa pola fiestra: despregue de pancartas, tanto das “made in feito na casa” como das de encarga; furgoneta itinerante con altofalantes e arenga convocando á mobilización social; panfletos pegados en canto pasquín hai en todo o alto e ancho da parroquia…

(Nota aclaratoria: os “M” tapan as caras nos menores de idade)

Xa nunha lectura máis profunda, estes acontecementos lévannos a unha serie de conclusións: a xunta rectora da Comunidade de Montes teríase que renovar mediante eleccións -non mediante designación divina nen sucesión preconcebida- dentro dun ano. A ‘explosión’ deste conflicto depáralles aos actuais directivos unha cuota de protagonismo que os encumia como defensores e paladíns do patrimonio dos comuneiros. Á parte de que non só deben, senón que ademais teñen -forma parte das súas obrigas e do seu compromiso como xestores- que defender os intereses da Comunidade ante calquera apropiación indebida. Pero a crítica contra esta xunta rectora non atinxe ao fondo, senón á forma, e tamén á falta de coherencia.

Por unha banda, estase manexando o sentimento de ‘propiedade’ dos veciños e dos comuneiros ante un tema sensible; e neste país, onde o concepto de ‘pertenza’ está tan arraigado, ese sentimento é moi facilmente manipulable. Os veciños e os comuneiros estamos no noso dereito de defender o que é de todos e de tratar de impedir que calquera, de xeito ilícito, se apropie de bens alleos.

Na defensa deses intereses, os integrantes da xunta rectora non deberían perder as formas; quen perde as formas perde os argumentos. Referirse a ese particular como “señor sen escrúpulos”, pasar por alto que se lle tilde de “gangster” e que se lle derrumbe a obra que está realizando, que será supostamente ilegal, pero para a que de momento ten todos os certificados en regra… non semella nen elegante nen prudente. Como tampouco é elegante nen prudente poñer en dúbida as decisións xudiciais, facer declaracións á prensa cuestionando abertamente os dictames das autoridades competentes. Como tampouco é elegante nen prudente chamar a un medio de comunicación para pedir explicacións de por que ese medio non acudiu para darlle cobertura informativa á concentración convocada.

O presidente da Comunidade de Montes de San Xulián, que é concelleiro da Corporación marinense, debera actuar como os políticos do seu partido, deixando a Xustiza facer o seu traballo, facilitar co maior número de probas posibles a resolución dunha liorta e facer un chamamento á calma en vez de fomentar o exacerbamento social. DEFENDE O MONTE PITUCO apoia a defensa deste monte veciñal, como o noso propio nome indica, pero polo ben de todos, pedimos que ningún veciño/a nen comuneiro/a cometa o erro de entorpecer a obra, de derribar nen un só bloque, de pronunciar o máis mínimo insulto contra o promotor desa actuación, porque loxicamente este pode adoptar medidas legais e daquela seremos os veciños e os comuneiros os que perdamos os argumentos, os que perdamos a razón. E que cada un/unha actúe segundo os seus principios e en conciencia, secundando as concentracións ou presentando individualmente as reclamacións que estime oportunas.

Mais non podemos rematar esta reflexión sen o maior reproche contra a xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián. Volven enarbolar, como fixeran o verán pasado no conflicto encol da franxa de seguridade da Brilat, a pancarta e o lema da defensa do monte veciñal. U-la defensa do monte ante a pretensión do Concello de Marín e da Xunta de instalar un polígono industrial no Monte Pituco? U-la pancarta da Comunidade de Montes de San Xulián en contra do polígono? U-la megafonía da Comunidade de Montes de San Xulián chamando os veciños a asistir aos plenos municipais en sinal de protesta? Velaí o dobre raseiro desta xunta rectora. E sabedes por que? É o mesmo porqué que deron con motivo da franxa de seguridade: porque a Brilat quería levar o monte de balde, “pola cara”, dixo textualmente o vicepresidente, levándose a man á meixela en ton despreciativo. Pois no caso do conflicto pola propiedade no Monte Pituco e polo muro, é igual, porque ese particular o quere levar de balde, pola cara. En cambio, a Xunta e o Concello de Marín “pagarían” moi ben pagados os miles de metros cadrados que se arrasarían monte arriba para instalar un polígono industrial nun espazo natural protexido, repleto de restos arqueolóxicos catalogados e de mananciais de auga rexistrados. Velaí a in-coherencia.

…Aínda que, visto o patrón de conducta, si reflicte certa caste de ‘coherencia’: da retorcida e interesada.

Por último, anotar un comunicado da Asociación de Veciños de San Xulián a respecto deste caso:

A AA.VV. San Xulián, ante a problematica xurdida na zona do Pituco, presentou un escrito no Concello o 24 de marzo do 2009, trasladándolle a nosa preocupación e a dos veciños, dirixido ao Sr. alcalde e aos Sr/as. concelleiros delegados de urbanismo e patrimonio, esixíndolles que nos aporten información e certificación documental sobre os terrenos de cuia propiedade (e a quen pertenecen, concello ou C. Montes) presuntamente “os dono/as” intentan apropiarse. Asimesmo, solicitámoslle que abra unha investigación e que abra un expediente que garantice que o que alí se fai cumpra coa normativa vixente, tomando as medidas cautelares que considere dentro da lei. Extendendo a mesma a outros casos similares que se dan noutros lugares da parroquia. Lamentamos que a día de hoxe non responderan a dita solicitude nin ofreceran ningunha explicación.

Consideramos irresponsables e lamentables as manifestacións do Sr. Vilaboa –concelleiro de urbanismo- ao inicio do conflicto, intentando limitar a súa responsabilidade a “un problema entre particulares”, cando el o único ao que se ten que cinguir é a se se cumpre a lei en dita zona, ou se alguén se apropia do que pode non ser seu. Debe aclarar se ese anaco de monte baldío é público, de aproveitamento veciñal, ou se está inscrito, ou non, a favor da Comunidade de Montes. ¿Ou non?

Esta AA.VV. critica ao Concello que non teña o inventario de bens municipais actualizado e á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia por non cumprir coa súa obriga de deslindar os montes inscritos en favor da Comunidade de Montes da parroquia. Se a Administración fose seria, non se producirían lagoas legais que moitas veces levan a vergonzosos enfrontamentos entre lindeiros particulares e da Comunidade de Montes Veciñais.

Esperamos que impere a cordura, procurando que a lei se lle esixa a todos por igual, xa que noutros lugares da parroquia danse -e déronse- casos iguais ou peores e, sen embargo, estes directivos e “ex”, que se auto-proclamaron amos e señores da Comunidade de Montes da parroquia, miran para outro lado, coa complicidade do Concello e da Xunta. Mostramos o noso total apoio aos veciños da zona que defenden de boa fe o que é xusto. Pero tamén debe quedar claro que tampouco imos permitir nen darlles cobertura nen apoio a “presuntos” ladróns que andan detrás dos que “presuntamente” rouban.

Recordar que o concelleiro do PP Francisco Casal e cómplices, falsificaron, no seu momento, as actas coas que se proclamaron amos e guardiáns do monte e dos dereitos de todos os comuneiros.

Denunciar que estes mesmos “directivos” protexen e aplauden o presunto usurpador de terreos na mesma zona (no cruce da estrada ao Regueiriño), o cal -á parte de facer un cierre e un recheo ilegal- ten alí montado o seu basureiro particular. Permitindo e silenciando, tamén, a vergonzosa usurpación de terrenos do Robledal de Ensur, por parte de familiares destes “novos guardians” e amos do monte en San Xulián. O cal están a converter, coa complacencia das distintas Administracións, no basureiro do Concello de Marín.

San Xulián a 20 de xuño do 2010


Responses

  1. Guste ou non nos guste, o que non se pode facer é tomarse a xustiza pola man. Ora si, o que tampouco se pode facer e mirar para outro lado cando se pisan os nosos nosos dereitos privados ou comunais.

    Como este caso esta “sublluce” pouco máis se pode dicir ao respecto, pero si relatarei o caso que pasou na miña comunidade, para que non pase o mesmo noutras, porque algún caso xa vin por Internet.

    Seis directivos, inconscientemente ou non (ante o Xuíz dixeron que o notario os obrigara a obrar así, un ano antes (maio de 1994) na asemblea non dixeron nada diso e cinco estaban cheos de razón), acadaron que unha señora lles fixera unha doazón dun solar no seu e no da súa parella, non podendo desfacerse del ata ata a súa terceira xeración de descendentes.

    O rechamante do caso fora que a señora non só regalaba nada, pagaranlle con fondos comunitarios 851.000 Ptas. Ademais de facernos cargo dese pago, pagámoslle o Notario, sobre 20.000 Ptas, por rexistrala a nome de todos, algo máis de 200.000 ptas., e por facelos trámites, aínda tiveron a indecencia de cobralas oportunas dietas (5.000 por día).

    Como queda dito arriba, o documento dicía ben claro que os seus herdeiros podían vendelo algún día, pero resulta que no solar querían facelo local social da comunidade, polo que a cousa non tiña pes nin cabeza.

    Cando se descubriu todo, os comuneiros e comuneiras miraron para o outro lado e só eu, fun quen de levalo tema ao Xulgado e acadar que a propiedade, como non podía ser doutra forma, recaese na comunidade de montes.

    Hoxe todos sen excepción disfrutan da propiedade e sobre ela fixemos o local social, pero a día de hoxe sigo esperando a que me se abonen os gastos que iso me causou. Pola contra, moita desa xente que non fixo ren, recibiu dos actuais directivos prebendas con traballos adxudicados sen pasar nin tan sequera pola asemblea xeral.

    Como sempre digo nos meus comentarios, ese é outro tema.

    • Grazas pola visita e polo comentario, Paco. Tedes uns espazos marabillosos por Porto do Son e o traballo de difusión do que acontece en Nebra é tamén dun gran valor. A experiencia que relatas resulta chamativa, pero en todas partes estamos tan curados de espanto que poucas historias, por esperpénticas que semellen, nos sorprenden xa. No caso que narramos a respecto do conflicto pola titularidade deste terreo, non podemos menos que posicionarnos a prol dos veciños que citan con pelos e sinais toda a historia: os titulares, en que anos, os metros cadrados… Pero semellan non ser probas abondo.
      Secundamos a queixa dos veciños, pero non aprobamos o procedemento da xunta rectora da Comunidade de Montes: lonxe de calmar os ánimos, a súa campaña e a linguaxe que empregan nas súas manifestacións raia o insulto, o que contribúe a crispar o ambiente. O muro en conflicto acumula xa varios ataques, cada día aparece un novo tramo derrumbado e o día menos pensado o propietario -lexítimo ou non- pode optar por emprender accións contra alguén. Os directivos buscan protagonismo, non esquezamos que son políticos e pseudopolíticos: un concelleiro popular, un militante nacionalista, outro que se move segundo de onde sopre o vento… Unha maraña de intereses sospeitosos. Un instrumento de control partidista é o que semella esta Comunidade.
      Unha Comunidade que non goza da simpatía das Comunidades veciñas, polas malas relacións que profesa con todas as lindantes. Unha Comunidade da que, cando se piden referencias, os demais tapan o nariz discretamente en alusión á sucesión de xuntas rectoras de dubidosa honradez. Todo, por suposto, difícil de probar. Pero cando o río soa, auga leva.
      Un saúdo e adiante.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A <span>%d</span> blogueros les gusta esto: