Publicado por: MontePituco | 26/04/2010

O MONTE COMUNAL, ALERTA

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común prende o sinal de alarma. Mañá martes esta entidade presenta en Pontevedra o seu IV Congreso Galego que se vai celebrar o mes que vén no Carballiño. Asemade, alerta das supostas intencións da Consellería do Medio Rural a respecto dunha posible “privatización” do monte. No día despois da manifestación en defensa dos servizos públicos, semella que tamén cómpre mobilizar aos comuneiros para que defendan esta propiedade singular da veciñanza.

Sen embargo, non todas as comunidades de montes actúan como defensoras e xestoras eficientes dos recursos forestais. En DEFENDE O MONTE PITUCO vimos criticando o posicionamento da Comunidade de Montes de San Xulián ante o proxecto para a instalación dun polígono industrial no espazo protexido do Monte Pornedo-Pituco. Eis un caso no que priman os intereses económicos por riba da posta en valor dos bosques; unha mostra de desprezo ao patrimonio natural e arqueolóxico dunha extensa zona que, unida aos montes de Lourizán, Salcedo e Vilaboa, podería formar unha das extensións máis importantes das bisbarras de Pontevedra e do Morrazo, con 84 hectáreas adicadas ao aproveitamento da riqueza madeireira, a actividades de sendeirismo e promoción turística.

O presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común, Xosé Alfredo Pereira, relata nun artigo publicado na web Terra e Tempo, os perigos que se cernen sobre o futuro do monte veciñal. Non llo imos poñer fácil pero, con esta política, xestoras como a de San Xulián poderían estar de noraboa: coller os cartos e saír correndo é a filosofía que pretenden aplicar, escudándose no voto dunha “maioría” alimentada na máis absoluta desinformación e na manipulación interesada por motivos partidistas. Eis un exemplo lamentable de sometemento ao poder e de abandono do monte que, no caso do Monte Pornedo-Pituco, é notorio e manifesto: árbores de recente prantación secas, vertedoiros incontrolados, maleza descontrolada… As probas gráficas iranse debullando constantemente neste blogue . Pero vaiamos ao texto de Xosé Alfredo Pereira…

A lei do aproveitamento eólico e pola que se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental e as modificacions de lei de ordenación urbanística e protección do medio rural, recentemente aprobadas polo goberno do Partido Popular, son dúas lexislacions agresivas contra o monte veciñal que teñen con obxetivo a eliminación do monte veciñal, esa outra forma de posuír que temos os galegos e as galegas.

Se a actual Consellería do Medio Rural, andivo torpe e lenta no que fai referencia ás liñas de axudas para os montes veciñais (só dúas liñas da axudas nun ano), andivo, pola contra, rápida e áxil no campo lexislativo. Nun só ano, xa promulgou dúas normas lexislativas que afectan aos montes veciñais en man común: a lei pola que se regula o aproveitamento eólico e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, e as modificacions de lei de ordenación urbanística e protección do medio rural. As dúas son lexislacions agresivas contra o monte veciñal.

Cales son as razóns desta rapidez e desta axilidade da Consellería de Medio rural con estas dúas normativas agresivas para a titularidade veciñal? As razóns non son nen máis, nen menos, que o desenvolvemento, paso a paso, da extratexia que ten o goberno galego do Partido Popular, de eliminar a figura do monte veciñal que, entre outras cousas, é un sinal de identidade do noso País.

Non cabe dúbida que este ataque contra o monte veciñal, garda un paralelismo coa agresión ao principal sinal de identidade que temos, o noso idioma.

O decreto do aproveitamento da enerxía eólica, promulgado pola Conselleria de Innovación e Industria do BNG no goberno bipartito, significou un paso adiante para o medio rural. Mediante este decreto, ordeábase parte do territorio galego, esixíase o estudo de impacto medioambiental para a instalación dos parques eólicos, buscábase un equilibrio entre o social, o económico e o medio ambiental e dotábase de capacidade de decisión aos titulares das terras, xa que a Consellería de Innovación e Industria, para autorizar a instalación dun parque eólico, esixíalles aos promotores, cando menos, un 75% de acordos cos titulares das terras. Estas condicions, posibilitaban que uns dos beneficiados da enerxía eólica fosen o medio rural e súa populación. Posiblemente este decreto fose susceptible de milloras mais, en liñas xerais, era un bo decreto. De aí que a ORGACCMM, unha das organizacions mais representativas no eido do monte veciñal, manifestara o seu apoio dende o principio.

Agora, coa aprobación da nova lei do aproveitamento da enerxía eólica, que deroga o anterior decreto, todas estas milloras desaparecen e vólvese á situación do pasado (tamen gobernado polo PP). Situación do pasado que pode resumirse en que as empresas promotoras dos parques eólicos poden instalalos en calquer parte do territorio galego, sen ter en conta, nen as características deste, nen a opinión dos titulares das terras. E poden facelo por dúas vías, ou ben impoñendo os precios que queiran para as terras, ou roubando as terras a través do instrumento da expropiación forzosa. Estas dúas vías significan a eliminación física do monte veciñal e o roubo de plusvalías do medio rural para poder poñelo en valor.

As modificacións, aprobadas polo goberno do Partido Popular, da lei de ordenación urbanística e protección do medio rural, polo que fai respecto ao monte veciñal, significa desprotexelo de todo tipo de protección. Se até de agora, os montes veciñais en man estaban catalogados como solo rústico de protección forestal, agora pasan a ser catalogados como solo rústico de protección ordinaria, é dicir, sen nengunha protección. Cando o lóxico sería que os montes veciñais, poñer súa a titularidade, polas funcións que cumpren, pola súa situación no medio rural, deberían estar catalogados nun solo rústico “especial”, as modificacións da lei, déixanos a expensas dos intereses urbanísticos e especulativos para que estes engorden máis os seus negocios.

A lei de aproveitamento da enerxía eólica pola que se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, e as modificacións da lei de ordenación urbanística e protección do medio rural, son as primeiras normativas agresivas para o monte veciñal do novo goberno do Partido Popular, mais non seran as últimas. O parar estas agresións, non debe ser cousa somentes das comunidades de montes. Debe ser cousa de todos e de todas. Porque a posta en valor dos montes veciñais en man común de xeito multifuncional e sustentable, debe ser entendida como extratéxica para o noso País.

Advertisements

Responses

  1. É logo, ¿onde pretendía o anterior bipartito permitir instalar aos seus amigos (igualiño que fixo o PP) os novos parques eólicos?.
    ¿Con que comunidades falaran esas empresas para poder optar as concesións, ou coma sempre, antepoñíase o carro aos bois?
    Non mesturar churras con merinas e aceptemos dunha vez por todas os resultados electorais e se é certo que o fan tan mal, xa falaremos nas urnas.

    • As urnas falaron hai un ano precisamente, e ben falado queda o resultado polos tres anos que hai por diante. Nesta páxina non se proclama nengún laio, senón que se analizan determinadas accións políticas que nos afectan á cidadanía. Neste caso, alértase da posible posta en marcha, por parte da Xunta, dunha medida que parece ir encamiñada a desvirtuar a función das comunidades de montes veciñais en man común e a anular a súa existencia, cousa coa que estamos en desacordo.
      O seu comentario -benvido sexa, por outra parte- parece máis enfocado a defender a xestión do actual goberno (o cal nos parece moi correcto), en vez de valorar, como comuneiro, a repercusión dunha actuación que, a todas luces, lle vai restar a vostede capacidade para posicionarse a favor ou en contra de que se instale tal ou cal aparello eólico, tal ou cal nave industrial, tal ou cal subestación electrica, tal ou cal autovía, tal ou cal infraestrutura, nun monte que non só é seu, senón dun conxunto amplo de veciños e veciños. Porque de confirmarse este extremo, non van contar nen con vostede nen co resto da veciñanza, e só lles quedará aceptar o que veña imposto “dende arriba”.
      Se o que defende vostede é precisamente eso, suxírolle entón que en vez de identificarse como “comuneiro” o faga como “simpatizante popular”, dito sexa con todo o respecto do mundo. Grazas por visitar este blogue.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: