Publicado por: MontePituco | 15/04/2010

NOTA INFORMATIVA DA APDR

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra vén de difundir unha nota de prensa na que se posiciona a respecto dos proxectos de instalación de áreas industriais en lugares susceptibles de protección ambiental.

A APDR CONTRARIA ÁS PROPOSTAS DE PORTO SECO

Diante das propostas realizadas sobre a construción dun porto seco ou parque loxístico, xustificadas desde as distintas instancias na necesidade de dar resposta á falta de solo empresarial para albergar naves industriais na comarca, a Asociación Pola Defensa da Ría quere facer pública a súa posición, baseada nos seguintes criterios:

1º.- A falta de solo empresarial na comarca ven dada –como no resto do territorio galego- pola absoluta falta de planificación das administracións con competencias neste terreo, que nada fixeron por abordar o problema dun xeito global.

2º.- As presas por buscar alternativas para o porto seco veñen derivadas da recente sentenza do Tribunal Supremo, que declara ilegais os recheos realizados ao amparo do Plan Especial do Porto aprobado no ano 2000 e obriga á Autoridade Portuaria, á Xunta de Galicia e á Deputación provincial de Pontevedra a acometer a súa eliminación, por seren estes os organismos responsábeis da ilegalidade.

3º.- Na APDR, rexeitamos a proposta de situar o porto seco no monte Pornedo (coñecido tamén como Pituco), unha proposta feita polo Concello de Marín que entra en contradicción cos valores forestais, paisaxísticos e culturais da zona, que precisa seren protexida e potenciada. Trátase dunha zona de enorme interese arqueolóxico e cultural pola que descorre a ruta arqueolóxica dos sete camiños, unha ruta que ten que seren posta en valor e pola que temos apostado na APDR co deseño e realización dun roteiro na zona.

4º.- Polo que fai á proposta de parque loxístico en terreos de Tomeza e Bértola feita polo concelleiro Telmo Martín, unha proposta de evidente carácter electoral, temos que dicir en primeiro lugar que na APDR non acostumamos a teren en consideración propostas que, por se facer desde instancias que non posúen poderes de execución, non teñen ningunha posibilidade de se levar adiante. En calquera caso, diremos tamén que a citada proposta non podería contar en ningún caso co noso apoio polo seu elevado grado de afectación medioambiental nunha zona que polo seu valor paisaxístico, ambiental e social debería ser resgardada de calquera proxecto que puidera conducir á súa degradación. Neste sentido, coincidimos coa posición expresada polo colectivo Vaipolorío, que rexeitou a proposta polo forte impacto que tería sobre o río Toxal, unha zona a protexer e a recuperar polo seu valor ambiental.

Na APDR esiximos unha volta mais o cumprimento íntegro e inmediato da sentenza do Supremo e, xa que logo, a eliminación dos recheos ilegais no Porto de Marín e o respecto absoluto das zonas que polos seus valores ambientais, naturais, paisaxísticos e/ou culturais deben ser postas en valor para o seu uso polo conxunto da cidadanía.

En Pontevedra, a 13 de abril de 2010.

Pola APDR, asinado Antón Masa, presidente.

Dende DEFENDE O MONTE PITUCO dámoslle as grazas á APDR por ter encabezado a loita en defensa deste espazo natural, por manter invariable o seu compromiso pola posta en valor dos seus recursos, e por facer público, unha vez máis, o seu rexeitamento ao polígono industrial ou plataforma loxística que se proxecta na zona.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: