
Velaí as súas mans, de home currante.
Aprendeu dunha muller forte e valente
canto sabe do traballo nunha aldea:
podar, atar as viñas, esfollar, vendimar;
prantar coles, patacas, pementos, vides;
criar galiñas, porcos, años, becerriñas;
cortar toxo no monte, bimbias e varas no canaval…
Sogra e xenro, cóbado con cóbado.
De urbanita a ruralita, tres décadas mediante,
ata non ser xa de onde foi que nace,
senón de onde pace.
Un máis, como a auga, como as pedras,
como o aire, como a terra moura.
Rosmón e teimudo, recto e impaciente,
mais xeneroso e honrado, mañoso e campechano.
Mans curtidas e delicadas,
mans sabias que tanto levan como traen,
mans que adoran pescar e cociñar,
mans que acariñan, que sandan,
mans quecedoras e tranquilizadoras.
Mans de home bo, de bo pai.
Grazas por ti, polas túas mans.



Deixar un comentario