Un poema, unha homenaxe: palabras de muller para elas, as que sempre levan.
Foron viuvas de mortos e viuvas de vivos, tiveron unha vida precaria de privacións e sacrificios, aforraron cada peso que caeu nas súas mans pensando nun horizonte mellor para os seus fillos e os fillos dos seus fillos. En vez de números e letras aprenderon a cociñar, a coidar do gando e a cultivar a horta, a sacar adiante unha familia. Fixeron da supervivencia unha titulación académica de rango superior.
Tamén colleron as maletas e marcharon polo mundo buscando unha oportunidade, coa lingua presa en terra allea. Sufriron de ausencia e de cansancio, mais nunca abandoaron. Foron valentes, foron solidarias. Bágoas e forza. Soñaron mil primaveras. Peitearon cabelos de prata. Prenderon candeas de recordos para guiarse na escuridade.
As súas historias están na miña retina, na miña memoria. Aínda escoito as súas voces, sinto os seus aloumiños e os seus bicos na miña cara. Corre o seu sangue polas miñas veas. E a terra que sacharon con tanta suor, e o aire fresco que respiraron, e o lume co que coceron o pan, e a auga coa que regaron as colleitas son a miña inspiración. Non busquedes consigna nin amo superior. O meu exemplo son ELAS: “-Estades comigo, pero canto vos estraño”…
Auga leva auga.
Terra leva terra.
Lume leva luma.
Aire leva aire.
Elas escoitan os pedidos elementais…
…Mulleres traballadoras, mulleres sabias, mulleres atesouradoras da tradición, mulleres fillas, nais e avoas, mulleres incansables, mulleres xusticieiras, mulleres críticas e inconformistas, mulleres libres, mulleres do pasado, do presente e do futuro, mulleres lectoras e curiosas, mulleres valentes, mulleres sen fronteiras, mulleres humildes e sinxelas, mulleres loitadoras, mulleres exemplares, mulleres alumnas e mestras, mulleres TODAS E CADA UNHA.
Encántanme os deseños de kalandraka.
O estilo de Kalandraka
e os autores de Kalandraka.
Gracias por compartilo aquí
By: breaseixo on 08/03/2010
at 19:08
🙂 Grazas pola visita, BreaSeixo. Parabéns no Día da Muller.
By: MontePituco on 08/03/2010
at 19:12
[…] * ARTIGO DO DÍA DA MULLER EN 2010: “HOMENAXE PARA ELAS“. […]
By: DÍA DA MULLER « DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 08/03/2011
at 19:30