Publicado por: MontePituco | 30/01/2010

MANANCIAL

“Os seus dereitos rematan onde comezan os teus. E aínda así non lle importa. Interpreta as leis á súa comenencia, quedando con aquelo que lle beneficia e rexeitando o que lle perxudica. Pero non está só. Na súa torpe ignorancia arrastra a outros do seu mesmo corte, ata o punto de creren as súas propias mentiras: insolidarios, egoístas, obtusos. Reaccionan ante as discrepancias primeiro con victimismo, despois con desprezo, logo con insultos. É a definición certeira do caciquismo, unha lacra que algúns crían extinta, pero da que perviven formas de vida resistentes ao racionalismo, a xustiza e a igualdade.

Non é pola auga. Nin tan sequera polo terruño. Que lles prantes cara e te negues a entrar por un aro previamente trazado é unha acción de rebeldía. De valentía. De negación do borreguismo. Pode que xa só che quede o dereito ao pataleo. Pero teraslles demostrado que -malia toda a alevosía, premeditación e nocturnidade coa que actuaran- os caciques están abocados ao fracaso, á evidencia pública das súas chapuzas. E ti poderás continuar coa túa vida coa cabeza ben alta. Sabendo que a auga coa que regan as súas ridículas petunias é roubada, contaminada pola soberbia e a cerrazón de quen non quere dar o seu brazo a torcer, ilexitimamente. Só é un manancial. Pero polas súas augas corre a túa dignidade”.

Escribín este texto a raíz cun conflicto motivado porque un directivo da Comunidade de Montes de San Xulián actuaba como dirixente dunha xestión presuntamente irregular, relativa á legalización dun manancial de auga de regadío. Daquela, os veciños que non estabamos de acordo cos seus procedementos formulamos alegacións e, case dous anos despois, estamos en vías de que a Administración competente verifique os feitos, aplique a normativa vixente que consideramos vulnerada, e resolva a favor de quen teña razón. “Manancial” é a expresión dun sentimento de impotencia ante a impunidade e a irracionalidade de quen se cre tocado polo dedo de Deus para facer e desfacer ao seu antollo sen que ninguén lle leve a contraria. Amigos e amigas, este tipo de situacións acontecen a cotío en todas partes. E non son intocables; hailles que facer fronte. Só así seremos donos do noso futuro. Da outra maneira seremos monicreques nas súas mans.


Deixar un comentario

Categorías