
Por onde empezar? Que palabras empregar para definir con precisión o que aconteceu na asemblea da Comunidade de (des)Montes, a máis patética, pésima e incalificable da historia recente desta malpocada entidade en mans de xente tan sumamente maleducada, machista e ditadora?
Pois cómpre empezar polo máis importante: expresar respecto e solidariedade coa veciñanza da Moreira e da contorna do monte Penizas tralo incendio forestal que se produciu esta tarde e que, como hai xusto 20 días atrás no monte Pornedo, mobilizou un importante dispositivo de medios terrestres e aéreos. Respecto e solidariedade que non demostraron ter os directivos da Comunidade cando, ante unha emerxencia dese calibre, co lume ao carón das vivendas, manteñen a celebración dunha asamblea xeral “para que a xente non perda o día”, xa que estaban avisados, como afirmaba un deles minutos antes da primeira convocatoria.
Ausencia de respecto e solidariedade porque, por máis que teñan acudido ao lugar para interesarse pola situación, como lles corresponde polo seu cargo, o máis responsable pola súa parte é permanecer ao pé do monte e acompañar a veciñanza, máis preocupada pola evolución do lume que por xustificar a súa asistencia a unha xuntanza obrigatoria se non queren sumar unha falta que comprometa a súa pertenza á Comunidade. Ou van dicir agora que as comuneiras e comuneiros da Moreira e arredores estaban exentos de comparecer por mor desta fatal incidencia?
Que respecto e solidariedade se pode arrogar alguén que, mentres se aferra ao micrófono para impedir que unha muller discrepe ou, aínda moito peor, lle negue o dereito á réplica a outra muller directamente aludida no seu fanático discurso, ten os avións e as avionetas do servizo de extinción de incendios zoando por riba da Casa de Montes?
A seguridade das vivendas e dos seus habitantes, nos que non houbo que lamentar ningún dano; xunto coa perda do patrimonio natural afectado polas lapas e -quizais tamén, a falta de facer as comprobacións oportunas sobre o terreo cando se dean as condicións para acceder a Penizas con seguridade- do patrimonio arqueolóxico catalogado nesa zona, son o primeiro na orde de prioridades.
Entre o secundario podemos falar da nefasta xestión económica nunha Comunidade de Montes onde -a saber a suposta veracidade dos datos- no exercicio pasado se ingresaron 177.000 euros e se gastaron case 150.000 euros, dos cales máis de 70.000 destináronse ao acondicionamento dunhas vivendas no Lago de Castiñeiras que só reportaron a irrisoria cifra de 5.100 euros en alugueres.
Tamén é secundario un ridículo e impresentable balance de xestión no que sobran os dedos das mans para contar as actuacións realizadas en todo un ano, algunhas das cales, por riba, contaron coa financiación do Concello de Marín e da empresa Ence, condenada por delicto ambiental continuado nunha histórica sentenza de 2002.
Mesmo podería considerarse secundario que unha comuneira teña serias dificultades para facerse oír ao reclamar que as asociacións da parroquia poidan facer uso do salón principal da Casa de Montes, sobre todo cando o presidente da Comunidade argumenta que está prohibido usalo para outra cousa que non sexan reunións -aínda que sexan de xente allea á parroquia- porque as normas póñenas eles e, se non che gustan, “fai unha candidatura e preséntate. Seguinte pregunta!”.
Ata podería ser secundario que a un recoñecido profesional que critica a polémica tala de arborado en Castiñeiras se lle cuestionen os seus coñecementos, a súa titulación académica e se lle dean unhas explicacións infumables porque “no se trata de quien la tiene más grande y más gorda”, dixo literalmente outro dos directivos, evidenciando o nivel noxento, groseiro, basto e faltón de semellante vómito mental.
Podería pasar por secundaria a ‘chiripitifláutica’ idea do presidente da Comunidade de (des)Montes de substituír por “rododendros e camelios” as tuias taladas.
Pero o que de ningunha maneira se pode tolerar como secundario é a censura a quen pide a palabra por alusións directas; o machismo recalcitrante de quen lle nega a palabra a unha muller porque “non é comuneira” a pesar de que un home comuneiro lla cede; ou os xestos de desprezo botándoa fóra do local con arrogancia e altivez, entre outras faltas de respecto das que hai constancia para evitar que esta camarilla manipule e terxiverse o que alí aconteceu ao remate da asamblea.
Ver e oír para crer, en pleno século XXI. Moito cheiro a naftalina e moito ‘cuñao’ marcando ‘paquete’, que para iso lles importa tanto comparar os seus atributos.
Logo, quen está aquí en condicións de espetar a frase “no tienes vergüenza”? Vergoña a que debería ter este fato de ‘señoros’ polo seu ínfimo nivel intelectual e argumental.
O 6 DE AGOSTO REMATA O PRAZO PARA PRESENTAR CANDIDATURAS Á DIRECTIVA DA COMUNIDADE DE MONTES DE SAN XIÁN E O 9 DE AGOSTO CELEBRARANSE AS ELECCIÓNS ÁS 20:00 HORAS.
Que alguén, por favor, teña a valentía e a determinación de formar un equipo para devolverlle a esta parroquia a dignidade, a competencia, a xustiza e a liberdade que a actual directiva trocou en represalia, ineptitude, arbitrariedade e imposición.



[…] nos lumes forestais do pasado verán nos montes veciñais de Marín –7 de xullo no Pornedo e 27 de xullo en Penizas– e a situación das zonas afectadas catro meses despois centrarán as IX Xornadas Xan […]
By: IX XORNADAS DE PATRIMONIO DE SAN XIÁN: O IMPACTO DOS LUMES | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 03/11/2025
at 02:43
[…] forestais do pasado verán nos montes veciñais de Marín –7 de xullo no Pornedo e 27 de xullo en Penizas– e a situación das zonas afectadas catro meses despois centrarán as IX Xornadas Xan […]
By: IX XORNADAS DE PATRIMONIO DE SAN XIÁN: O IMPACTO DOS LUMES – Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo on 12/11/2025
at 19:56