Publicado por: MontePituco | 01/11/2024

VIII XORNADAS DE PATRIMONIO: “JOSÉ MEIJÓN, MAZA E CICEL”

O canteiro José Meijón Area (Marín, 1899-1980) será o protagonista das VIII Xornadas Xan Montenegro de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, organizadas polo Colectivo Monte Pituco (Pornedo) co lema “José Meijón, maza e cicel”. O xoves 14 de novembro a partir das 19:00 horas celebrarase unha charla no Museo Manuel Torres titulada “Historia e memoria dun neopetroglifeiro” na que participarán o profesor e investigador Germán Labrador e a presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, Queta Molas.

Germán Labrador é autor de varios artigos académicos sobre este marinense senlleiro, que ao longo de case cincuenta anos, dedicouse a realizar gravados en numerosos espazos da vila, tanto no casco urbano como no litoral e no monte, incluído o Pornedo; unha actividade que, para o investigador pontevedrés, “obedeceu non só ás escuras forzas da loucura, senón tamén a unha irrefreable vontade de facer arte, recoñecida polos seus coetáneos en clave de beleza, pero invisible hoxe aos ollos das institucións en xeral, e das artísticas en particular, por máis de ser estritamente contemporánea e afín respecto de proxectos de intervención paisaxística que etiquetamos como land-art”.

A achega de Queta Molas consistirá en contextualizar historicamente a obra de Meijón no marco dunha etapa marcada pola Guerra Civil e pola ditadura franquista que, segundo Germán Labrador, xerou unha “violencia estrutural” que constitúe o “motor” da súa obra.

Precisamente, a abundancia de gravados motiva que o Colectivo Monte Pituco organice dúas rutas para visitar algúns dos enclaves nos que Meijón deixou a súa pegada: o venres ás 19:00 horas a Praza de Abastos de Marín será o punto de encontro para percorrer a rúa Calzada, onde estivo a súa casa, os muros da Igrexa Vella ou o lavadoiro do Souto; o domingo ás 10:00 horas, dende o mesmo punto de saída, o itinerario dirixirase cara á parroquia de San Xián para descubrir as figuras que José Meijón trazou con maceta e punteiro en muíños, valados, fontes e outras laxes, tamén asociadas a algunhas estacións rupestres prehistóricas.

As VIII Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián completaranse coa celebración, o sábado 16 de novembro -no que se conmemora o Día do Patrimonio Mundial- ás 13:00 horas, dunha homenaxe a Xan Montenegro organizada pola familia e os achegados de quen fora presidente da Asociación de Veciñas e Veciños de San Xián, ademais de activista cultural e político. Será no lugar do Carballal, ao carón do monolito instalado en 2013, dous anos despois do seu pasamento.

TRAXECTORIA DAS XORNADAS

As Xornadas de patrimonio de San Xián comezaron en novembro de 2017, dous meses despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarase firme e irrevogable a segunda das sentenzas que tombaron o proxecto para instalar un polígono industrial no Pornedo. Tras unha década de arduo traballo na defensa do “balcón da ría”, o Colectivo Monte Pituco decidiu enfocar a súa actividade cara á divulgación da riqueza histórica e cultural da parroquia. Pensadas inicialmente para involucrar a veciñanza desta contorna rural coa Casa de Montes como punto de referencia, o veto da Comunidade de Montes de San Xián motivou que os encontros veñan celebrándose en distintos emprazamentos no centro da vila.

A aplicación de técnicas dixitais no estudo dos petróglifos de San Xián, a vitoria na causa xudicial contra o polígono proxectado no Pornedo, o labor do mestre Carlos Paratcha Vázquez no descubrimento de xacementos arqueolóxicos, a traxectoria do Colectivo Monte Pituco no seu décimo aniversario, a homenaxe a Xan Montenegro no seu décimo cabodano, o memorial dedicado ao profesor Elixio Rivas polas súas investigacións sobre a toponimia marinense e o proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños foron as temáticas abordadas nas pasadas edicións das Xornadas, que contan co apoio da Rede do Patrimonio Cultural, á que pertence o Colectivo Monte Pituco dende a creación desta entidade en 2017.


Deixar un comentario

Categorías