Publicado por: MontePituco | 15/08/2020

MÁIS VERTEDURAS EN SAN XIÁN

Diario de Pontevedra, 15 agosto 2020

O Concello de Marín vén de facer un chamamento á veciñanza tras constatar “o depósito incontrolado de residuos voluminosos en zonas non habilitadas”, informa o Diario de Pontevedra deste sábado 15 de agosto. E para mostra, así (des)locen distintos puntos da parroquia de San Xián, en plena estrada provincial, nos lugares do Carballal, A Grela, A Pena e O Caeiro: varios sofás, sillóns, colchóns, persianas, sillas, un moble de baño co cristal roto e ata un carriño de bebé!

Estes residuos voluminosos abandonados, que ofrecen unha pésima imaxe, súmanse ás verteduras ilegais localizadas no Pornedo que xa foran denunciadas ante o Concello. Curiosamente, unha semana despois de que a prensa local informase sobre a proliferación de lixo no monte veciñal da parroquia, detectouse que un dos vertidos situado á altura dos petróglifos de Sete Camiños xa foi eliminado… 

Eliminado un dos vertidos na pista do Pornedo

…NON así outras escombreiras, como os colchóns, enseres, electrodomésticos e material informático, roupa e calzado que seguen aínda emporcando a contorna do lugar coñecido como Fonte das Pulgas. Como tampouco foron retirados o cuantiosos entullos ao carón do túnel da Variante.

Cómpre, por tanto, unha ACTUACIÓN INTEGRAL que acabe con todo rastro de escombros e desperdicios no Pornedo e nos seus arredores e que se complete recuperando a sinalización que -cumprindo unha necesaria función informativa e disuasoria- foi incomprensible e irresponsablemente retirada do punto de acceso á pista forestal. 

Xa BASTA! Urxe unha campaña informativa que non só apele ao civismo e informe sobre os servizos municipais para a recollida de enseres, senón que ademais incida na contundencia das medidas coercitivas. Que deteriorar a conservación do rural non quede impune!

Un exemplo de que noutros concellos próximos xa se está actuando para atallar o abandono de enseres voluminosos e de lixo está en Poio, onde neste mes de agosto vén de poñerse en marcha unha campaña co lema “Poio é precioso, por que o estragas?”. Consiste en difundir os medios que a poboación ten ao seu alcance para que a empresa concesionaria da limpeza e do tratamento de residuos realice, gratuitamente, a recollida de mobles e electrodomésticos de gran tamaño, evitando que acaben na vía pública ou nos espazos naturais. Ogallá o Concello de Marín actúe na mesma liña!

Concello de Poio contra os vertidos


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: