Benqueridas amigas e amigos, dámosvos a benvida a un novo capítulo de Barrio Sesamuco. Se en anteriores leccións aprendemos a diferenza entre rápido e lento partindo do exemplo entre o pouco que se tarda en desbrozar un camiño con medios mecánicos e o tempo que leva facelo con medios manuais para preservar o patrimonio arqueolóxico; ou entre antigo e moderno en base á antigüidade dos petróglifos da Idade do Bronce en comparación cos gravados de José Meijón, nesta ocasión imos expoñer o concepto limpo por contraposicion a sucio; ou o seu equivalente en termos de inaccesible, abandonado e botado a perder.
Para iso, valla como mostra de limpeza, accesibilidade, decoro e boa imaxe o parque biosaudable do Casal, onde non hai unha herbiña máis alta que outra.
No polo oposto, como demostración de desidia, inaccesibilidade, deixadez, suciedade e mesmo perigosidade, está o lamentable estado no que se atopa a arboreda a carón do Monte Pituco: as silvas rebordan o peche frontal, a herba medra a unha altura que nalgún punto iguala e mesmo supera o nivel das mesas, e son os propios veciños e veciñas os que teñen que adecentar parcialmente a área recreativa en función das súas necesidades a causa da negativa da Comunidade de Montes de San Xulián malia ser a propietaria do recinto.
Sirva este mesmo exemplo como adianto dunha próxima lección na que detallaremos a diferenza entre preto e lonxe. É dicir, a arboreda e o parque do Casal entre si están… preto! A arboreda do Pituco e o parque con respecto á Casa de Montes están… lonxe!
E isto é todo polo momento, amiguiñas e amiguiñas. Non perdades o próximo programa de Barrio Sesamuco!
Deixar unha resposta