OUTRA ANDAINA POR VILABOA » Percorremos a área de matogueira e monte baixo de Chan de Vilar, que se adentra nos montes da parroquia de Figueirido, no seu linde cos da parroquia de Vilaboa, de moita importancia ambiental, agroforestal e paisaxística pola súa pertenza a un tipo de hábitat de interese comunitario de breixeiras secas europeas, breixeiras oromediterráneas endémicas con xesta, e de vexetación pioneira na rocha silícea. Entre unha gran variedade de xestas, toxos, breixos e carpazas, sobresae a grande presenza do piorno de tres espiñas -Genista triacanthos-, unha variedade de xesta espiñenta que adoita desenvolverse en solos higroturbosos e que, neste lugar, posúe unha das mellores representacións da península morracense. A vexetación baixa aínda se segue desbrozando para utilizala como estrume nas cortes dos animais, do que posteriormente resulta o abono que se emprega para fertilizar os cultivos. Tamén se trata dunha área de pasto do gando cabalar extensivo. Nesta zona xeográfica, a 243 metros de altitude sobre o nivel do mar, pódese gozar dunhas amplas vistas panorámicas do val que conforma o rego dos Gafos ou de Tomeza desde os Montes do Morrazo cara ás Terras de Pontevedra, coa Serra da Fracha en fronte e coa cidade de Pontevedra ao fondo. Os núcleos rurais de Aldea de Abaixo e de Postemirón sobresaen polo seu valor agropecuario e cultural, pola presenza de estruturas de interese etnográfico -hórreos, fontes, lavadoiros- e o seu mosaico de veigas de cultivo e de gando extensivo. A parte máis alta tamén ten importancia paisaxística polas panorámicas do val que conforma o rego do Sidral. O sobreiral das Cavadas e un dos máis importantes da bisbarra do Morrazo, proba da influencia mediterránea e termófila con respecto ao clima oceánico a nivel bioxeográfico tanto en territorio morracense en particular como nas Rías Baixas en xeral. Xunto coa carballeira, na denominación fitosociolóxica Rusco aculeati-Quercetum roboris quercetosum suberis, forma parte do hábitat de interese comunitario de carballeiras galaico-portuguesas. Na área de nacemento dos regos da Cova e das Veigas, afluentes do rego de Sidral e a súa vez do Trasmil, destaca a presenza do bidueiro. O rego das Veigas dá servizo á fertil área de cultivos de Postemirón, mentres que o da Cova abastece as terras de Veigas de Abaixo. De aquí parte unha corredoira que baixa paralela ao curso fluvial entre bos exemplos de bosque de ribeira e carballeira, e torce cara ás zonas da Costeira e dos Matos, cos topónimos referentes á orografía e á vexetación baixa utilizada no seu momento como cultivo a nivel local, e onde se atopan numerosos mananciais de traída de auga a nivel veciñal e municipal. Nos lugares da Carballeira aínda se pode atopar unha pequena representación de bosques de carballo. Como igualmente indica o seu topónimo, Outeiro sitúase nun alto xeográfico, desde onde se pode outear a paisaxe rural cara ao Toural e ao final da ría de Vigo, coas Illas Alvedosas en fronte e o val de Ulló, xénese das antigas salinas do mesmo nome, formando parte na actualidade da Zona de Especial Conservación do Espazo Natural Protexido da Enseada de San Simón. O rego Trasmil e a súa extensa conca hidrográfica con varios nacementos ao longo dos montes de Vilaboa fai a función de corredor ecolóxico ata a súa embocadura entre as brañas e a marisma, conformando a propia enseada. Un dos elementos máis chamativos, xa contra o final da ruta, é o hórreo monumental da Casa Rectoral do Toural, do século XVIII. Cos seus 32 pés e 33 vanos, é un dos máis grandes de Galicia. Preto del tamén se atopa o peto de ánimas de Vilaboa, do século XIX. Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo as principais afeccións para os montes da parroquia de Vilaboa nas últimas décadas foron os monocultivos forestais, a eucaliptización, os incendios forestais, a ausencia de labores de silvicultura, as verteduras incontroladas de lixo e o espallamento doutras especies de flora alóctona e invasora, en especial das acacias, ademais da construción da base militar da BRILAT. De cara ao futuro inmediato, a Plataforma advirte sobre a repercusión da Área de Desenvolvemento Eólico do Morrazo, xunto coa existencia de proxectos de investigación mineira nas proximidades. Por outra banda, cómpre salientar a situación de degradación que lle afecta á contorna ambiental e paisaxística como consecuencia da construción da autovía A-57 pola Serra da Fracha, xunto con varias canteiras na área pontevedresa. En marzo do 2012 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta de Galiza a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que, coa denominación de Montes e Carballeiras do Morrazo, acollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo, onde están integrados parte dos montes da parroquia de Vilaboa, e o Carballal de Coiro, mais outros ampliables. En abril do 2016 solicitoulle tamén á Xunta a catalogación de Área de Especial Importancia Paisaxística dentro do Catálogo das Paisaxes de Galiza para estes espazos comprendidos no Rexistro de Espazos Naturais de Galiza e clasificados na actualidade como Solo Rústico de Especial Protección de Espazos Naturais polas Normas Subsidarias e Complementarias de Planeamento da provincia de Pontevedra.
Deixar un comentario