Publicado por: MontePituco | 01/07/2016

ABANDONO DE ANIMAIS: SIMPLEMENTE, IMPERDOABLE!

Faro, 30 xuño 2016

“Abandonan un asno en un monte de Figueirido con una pata fracturada”

 

Lemos arrepiados que o propietario/a dun burro ‘tirouno’ -como quen se desfai duns zapatos vellos- no monte de Figueirido porque o animal rompera unha pata; xa non lle resultaba útil e por riba custáballe cartos curalo.

Lemos con incredulidade que os axentes do Seprona que acudiron ata alí, alertados polo veciño que o atopou casualmente mentres paseaba cos cans, o “único” que puideron facer polo asno foi cubrilo cunhas pólas e darlle de beber, sen preocuparse de mobilizar outros medios que procederan á retirada do animal ata un centro veterinario ou ata un lugar provisional onde recibira atención sanitaria previa ao seu traslado ao lugar que marquen os protocolos oportunos.

A propia Asociación Andrea, con instalacións en Allariz, que se dedica ás terapias asistidas con animais e que fai o encomiable labor de recoller asnos en situación de desprotección para rehabilitalos e darlles unha vida digna, interesouse por este caso.

Lamentablemente, esta historia non ten final feliz. As lesións que presentaba o burriño motivaron finalmente o seu sacrificio. Entidades de protección e defensa dos animais como Os Palleiros apelan agora á colaboración veciñal para que se acheguen datos que permitan identificar a persoa ou persoas que, coa súa insensibilidade, irresponsabilidade, incivismo e inhumanidade, permitiron que este animal tivera unha morte tan cruel e desasistida, seguramente despois de ter estado traballando arreo durante anos nas tarefas agrícolas da casa onde non tiveron a decencia de coidalo ata o fin dos seus días, en premio e agradecemento polos seus ‘servizos’.

Sermos, 30 de xuño 2016

“As persoas que traballan nos refuxios coinciden en situar a raíz do problema na falta de concienciación sobre o coidados dos animais e na ausencia dunha lexislación axeitada, mesmo na non aplicación da existente. “O abandono existe porque hai xente que non ten conciencia ningunha de que un animal é un ser vivo; para eles é un simple animal, sen máis”, asegura Estefanía Rodríguez, unha das fundadoras de Asociación Peludos Sen Fogar”.

“Con 600 cans nas súas instalacións, o CAAN está a día de hoxe ao límite da súa capacidade”.

[Sermos Galiza, 30 de xuño de 2016]

O abandono de animais é unha lacra absolutamente vergoñenta da nosa pseudo-avanzada sociedade. As protectoras de animais están saturadas e superadas pola constante e galopante aparición de cans vagando sós por rúas, estradas, camiños; cans de caza ceibados á súa sorte cada vez que remata a tempada de pegar tiros polo monte; camadas enteiras de cachorros abandonados en caixas ou en sacos depositados mesmo nos contenedores; mascotas encerradas e atadas en condicións extremadamente precarias ata a extenuación; cando non situacións tan surrealistas como as rexistradas nas cámaras de seguridade dalgún refuxio cercano ao que dan en chegar os propietarios para desfacerse dos animais guindándoos por riba do valado ou atándoos ao portal e marchando apresuradamente.

Cómpre moita educación nas familias e nas escolas, control rigoroso da tenza de animais vía centros veterinarios ou servizos da Administración; a través da posta en marcha de censos ou rexistros de animais e propietarios; e por que non, medidas para incentivar as persoas que adoptan ou acollen temporalmente mascotas para aliviar a presión sobre as asociacións protectoras, que pasan moitos apuros pola falta de medios económicos, materiais e de incapacidade das instalacións que ocupan; obstáculos que van solventando a base de doazóns, colaboracións desinteresadas de particulares ou profesionais, e de imaxinación para iren captando os recursos e a financiación necesarios para seguir prestando o seu labor altruista.

O caso de Roque é tan só un dos centos que hai na nosa contorna, de milleiros de vítimas no conxunto da nosa comunidade: só na rúa, famento, sucio e cheo de parásitos. Agora, nunha casa de acollida, goza dunha vida mellor pero buscan para el un fogar definitivo onde lle dean a oportunidade de ser feliz e de facer felices aos que o rodeen. Moita sorte, Roquiño!

Roque busca fogar

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: