Seguimos con preocupación o avance das obras de instalación da nova rede de abastecemento de auga impulsadas por ACUAES.
A empresa adxudicataria dos traballos xa soterrou as tubarías no treito da pista de servizo da Variante de Marín, a carón do petroglifo de Pinal de Caeiro. Pero neste treito aínda falta repoñer o firme con cemento ou asfalto, polo que aínda cómpre seguirmos vixiantes sobre as medidas de protección e conservación dese gravado rupestre.
A asociación DEFENDE O MONTE PITUCO vai presentar esta semana un escrito dirixido ao Servizo Provincial de Patrimonio Cultural na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra para solicitar -como parte interesada- acceso ao expediente administrativo destas obras no referente ás afeccións aos xacementos arqueolóxicos situados no ámbito das obras de ACUAES.
O motivo é que, a raíz das obxeccións formuladas pola ASOCIACIÓN MONTE PITUCO ás posibles deficiencias nas actuacións realizadas para o vallado daqueles gravados rupestres (ver artigo “Visita de Patrimonio ao petroglifo de Pinal de Caeiro“), o Servizo Provincial de Patrimonio emitiu un informe que confirmou a necesidade de instar a empresa a solventar determinadas eivas relacionadas coas tarefas de control arqueolóxico.
Sorprendentemente, un mes despois da elaboración dese informe, puidemos comprobar que non se lle dera traslado á empresa construtora; ou o que é o mesmo, que o informe estaba retido no Servizo Provincial de Patrimonio. O requerimento da ASOCIACIÓN MONTE PITUCO vai ser precisamente para que ese informe técnico cumpra por fin a función pola cal foi feito e chegue ao seu destino, para que a empresa faga os axustes ou correccións que procedan, segundo o punto de vista dos especialistas de Patrimonio. Que ningunha traba burocrática lle reste eficacia ao labor profesional dos técnicos da Xunta, por moi de “interés público” que sexan as obras de Acuaes e por moita présa que teñan a empresa adxudicataria e o Concello de Marín por rematalas.
Un Concello de Marín, por certo, que se dedicou a ‘tourear’ cantas preguntas formulou a Marea Veciñal de Marín nos plenos de agosto e de setembro. Un Concello de Marín que fixo caso omiso ás peticións da ASOCIACIÓN MONTE PITUCO para que contribuíra a supervisar a correcta protección dun xacemento arqueolóxico inventariado no Planeamento.
A señora Alcaldesa non está capacitada profesionalmente para afirmar con rigor que “a obra está perfectamente vallada”. Ao que habería que matizar que o que cómpre vallar son os petroglifos, non as obras. Como tampouco está capacitada para afirmar con propiedade que os “expertos arqueólogos din que está perfectamente dentro do proxecto de control arqueolóxico”, á vista de que o informe do Servizo Provincial de Patrimonio observou deficiencias no resultado dese hipotético control arqueolóxico que, por certo, foi posterior á data da denuncia presentada pola ASOCIACIÓN MONTE PITUCO.
A señora alcaldesa nin moito menos pode proclamar que “foi moitas veces” ao Monte Pituco “coa propia Asociación Monte Pituco e coa Comunidade de Montes” de San Xulián. Porque, sumando, coa ASOCIACIÓN MONTE PITUCO foi unha vez e coa Comunidade de Montes foi cero veces, tal e como nos confirmou un dos directivos. Por tanto 1+0=1. A señora alcaldesa en precisa repasar a diferenza entre singular e plural, ou entre moito e pouco.
Mentres tanto, os prazos corren e a empresa trata de avanzar coa maior rapidez polo trazado previsto ao longo do Monte Pituco. Pero, novamente, co Servizo Provincial de Patrimonio “hemos topado”.
Xa nas alegacións presentadas pola ASOCIACIÓN MONTE PITUCO ao proxecto definitivo de ACUAES se advertía que as tubarías ían discorrer por unha zona na que, na época da construcción da Variante de Marín, foi soterrado un petroglifo que estaba pendente de catalogación. Por tanto, de non facerse ningunha modificación no trazado, a empresa estaría obrigada a extremar as precaucións para garantir que as obras non afectaran a zona na que se localizaría ese gravado rupestre desaparecido. O que equivaldría a ter que realizar sondaxes arqueolóxicas para “localizar” ese petroglifo, que é precisamente o que o Servizo Provincial de Patrimonio vén de requerirlle á empresa. Con tal fin, unha empresa de arqueoloxía presentou un proxecto de control arqueolóxico -aprobado por Patrimonio- que contempla a utilización dun xeorradar.
Neste sentido, a petición que a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO lle vai trasladar ao Servizo Provincial de Patrimonio é que nesta ocasión os técnicos velen pola correcta realización dos traballos de control arqueolóxico para que non se repita o erro cometido con motivo das obras de construcción da Variante. Que estas prospeccións sirvan para intentar recuperar un gravado rupestre que, no caso de que poida saír á luz, enriquecería notablemente o patrimonio arqueolóxico da parroquia de San Xulián, co Concello de Marín, e sumaría un atractivo máis para o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.
Deixar unha resposta